O filme 'Ali' triunfa no Festival de Ourense

Ali, filme de Paco R. Baños © OUFF

A película Ali, participante na sección competitiva do 17 Festival de Cinema Internacional de Ourense (OUFF) foi unha das grandes triunfadoras ao concentrar dous premios do Xurado e o do Público do festival, tal como recolle a acta que se deu a coñecer este sábado nun acto que contou coa presenza do director da cinta, o sevillano Paco Baños.

O palmarés da edición de 2012 do OUFF foi lido polo presidente do xurado e produtor de cinema Emiliano Otegui e inclúe os premios Carlos Velo ao mellor director, para Paco Baños, e unha Mención Especial á Mellor Actriz para Nadia de Santiago, protagonista da película dirixida por Baños. Sobre ela, o Xurado destacou a súa "fresca e crible interpretación dun personaxe cheo de matices no seu primeiro papel protagonista".

A mesma película obtivo o Premio do Público, segundo indicou o portavoz do OUFF, Diego G. López, que, na súa intervención, referiuse aos espectadores para agradecer a súa presenza nas salas de proxección malia as dificultades vividas este ano polo festival.

Os demais galardóns outorgados polo xurado foron o Gran Premio Calpurnia á Mellor Película para Roza, de Polonia, dirixida por Wojciech Smarzowski; e o premio Especial do Xurado para Historias que só existem quando lembradas, coprodución de Brasil, Arxentina e Francia, dirixida pola brasileira Julia Murat.

Tamén se outorgou o Premio ao Mellor Guión para o guionista serbio Djordje Milosavljevic pola película The Enemy ou Neprijatelj; e a Mención Especial á Mellor Fotografía para Lucio Boneli, polo seu traballo na película Historias que só existem quando lembradas, na que o xurado destacou a súa arriscada forma de plasmar en imaxes un mundo poético cheo de vida.

Tras a lectura da acta, foi presentada a película que pechará o OUFF de 2012 por parte do seu director e elenco actoral e técnico. Pola noite proxectarase no auditorio municipal a película de clausura 12+1 unha comedia metafísica rodada nas dunas de Corralejo, na illa de Forteventura, segundo explicou o seu director Chiqui Carbante.

Ali, filme de Paco R. Baños © OUFF

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.