O filme de animación 'Gartxot' chega a Galicia avalado polo éxito de crítica e público en Euskadi

© Gartxot

Gartxot, konkista aitzineko konkista (Gartxot, a conquista antes da conquista), é un filme de animación para adultos dirixido por Juanjo Elordi (Olentzero) e Asisko Urmeneta, que chega ás pantallas galegas este venres 23 de marzo. A película, que se proxectará en eukera con subtítulos en galego, estreouse en Euskadi en novembro, con boa acollida de público e crítica.

Froito de catro anos de traballo, Gartxot é unha mestura de traxedia romántica e filme de aventuras, filmada cuns deseños innovadores con aire cubista, e conta con música de Benito Lertxundi e as voces de coñecidos cantantes da zona do Pireneo baixonavarro e suletino. Está baseada nunha narración que o escritor Arturo Campión publicou en 1917 apoiándose nunha antiga lenda do Val de Salazar, Navarra, sobre os bardos, cantantes populares que reservaban a memoria e a cultura do seu pobo. Nesta historia, o Abade de Roncesvalles desterra o bardo Gartxot e rapta o seu fillo Mikelot para que cante en latín ao servizo da Iglexa. Mikelot consegue escapar do convento e é perseguido polos temibles monxes guerreiros.

A historia de Gartxot converteuse co tempo nun símbolo que proclama a liberdade para crear en euskera. Así o interpretaron os diferentes colectivos que deron vida a esta lenda unha e outra vez desde a súa publicación: como peza teatral estreouse en Buenos Aires en 1948 e en Pamplona nos oitenta montouse outra versión; o cantante Benito Lertxundi compuxo un álbum mítico en 1981 e o propio Asisko Urmeneta creou unha banda deseñada de título homónimo que foi galardoada en 2003 co premio Mediterráneo no Salón Internacional de Banda Deseñada de Ajaccio (Córcega).

 

Praza regala seis entradas para cada día

Estará nos cines Compostela de Santiago a partir do venres e Praza ofrécevos tres entradas dobres para cada un dos primeiros sete días de exhibición (e dicir, seis entradas para o venres 23, outras seis para o sábado 24, outras seis para o domingo 25, e así até o xoves 29). Para gañar estas entradas só tedes que comentar esta nova e opinar sobre o cinema de animación, no que Galicia segue a ser unha potencia. Entre as persoas que comenten sortearemos os 21 pares de entradas e, por orde, poderedes escoller as do día que máis vos conveña.

© Gartxot
© Gartxot

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.