A duodécima edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU) entregou na noite deste sábado o seus galardóns e fíxoo nunha gala na que estivo moi presente a solidariedade coa veciñanza de Ons, que se mobiliza dende hai meses para reivindicar o acceso á illa sen novas restricións. O vídeo inaugural da gala de clausura en apoio a esta "loita veciñal" deu paso a unha cerimonia da que saíu como principal galardoada a fita Cadoul de Craciun, do romanés Bogdan Mureșanu.
"Este é un dos lugares máis marabillosos nos que estiven; pola xente, polo amor ao cinema, por como está todo organizado"
Unha historia de humor negro ambientada nos tempos de Ceaușescu centra a curta de Mureșanu, que alén de agradecer o galardón asegurou ficar fascinado polo ambiente do FICBUEU. "Este é un dos lugares máis marabillosos nos que estiven; pola xente, polo amor ao cinema, por como está todo organizado", afirmou o realizador, que tamén levou para o seu traballo os premios a mellor guión e mellor actor.
Tras Ánfora de Ouro para Cadoul de Craciun a de prata levouna Aliaksei Paluyan por Lake of happiness, unha coprodución entre Bielorrusia e Alemaña cuxo director advertiu da gran carga de realidade coa que conta a súa historia, que tamén obtivo os recoñecementos de mellor dirección artística e mellor actriz para a súa protagonista, Anastasasiya Plyats. A intérprete tamén é orfa na realidade e sabe, revelou, o que é vivir nun centro de acollemento.
Alén das dúas Ánforas, o Premio do Público levouno Mémorable, fita de animación do francés Bruno Collet. Martín Romero logrou o premio á mellor curta galega por La Noche e a mellor curta española foi 592 metroz goiti, de Maddi Barber. O tailandés Apichatpong Weerasethakul foi o destinatario do premio á mellor curtametraxe experimental con Blue e o Premio CREA á mellor dirección correspondeu ao canadense Jeremy Comte por Fauve.
No FICBUEU volveu estar presente o programa Carne Cruda con convidados como María Vázquez, Luis Zahera ou Paco Plaza e a música das Agoraphobia
Os trofeos elaborados por reclusos do cárcere da Lama simbolizaron uns premios en cuxa entrega o director do FICBUEU, Manuel Pena, quen reivindicou "que os espazos municipais estean acondicionados para o correcto desenvolvemento das actividades", mais tamén subliñou o "orgullo" do certame polo "apoio da xente de Bueu ao festival". Neste sentido, afirmou, a organización terá en conta "a demanda de incorporar máis comedias" ao programa.
Finalizan así nove días de actividades que, un ano máis, incluíron tamén actividades formativas e ciclos dirixidas ao público máis mozo. No FICBUEU tamén volveu estar presente o programa Carne Cruda, que comezou tempada en Bueu centrado na estrea de Quen a ferro mata (Vaca Films) coa participación do seu director, Paco Plaza, e mais da actriz María Vázquez. Tamén pasaron polo espazo que conduce Javier Gallego o actor Luis Zahera as Agoraphobia.