O futuro do Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte, no aire

Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte Dominio Público Praza Pública

Hai ano e medio, en abril de 2012, inaugurábase en Corme o Museo de Arte Contemporánea de Costa da Morte, promovido pola Fundación Torre-Pujales. O acto contou coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e de Cristina Torre Cervigón, viúva do pintor coruñés Julio Pujales e principal impulsora do museo. O espazo, que contaba con obras de Colmeiro, Antonio Saura, Eduardo Arroyo, Laxeiro e a propia colección de Julio Pujales, tivo un custe de máis de 600 mil euros, dos que Cristina Torre Cervigón pagou a metade, para facer realidade o seu soño.

Hoxe, o soño rematou. O museo ten que facer fronte a unha débeda de cen mil euros, produto dunha axuda de 80.000 euros do programa Agader da UE que a fundación debe devolver por non ter rematado as obras do museo no prazo previsto. Para obter liquidez para realizar este pagamento, o vindeiro 21 de novembro haberá unha poxa na que se venderán 47 cadros da colección de Julio Pujales. Se a venda das obras, taxadas nun millón de euros, non achegara unha cantidade suficiente para compensar a débeda, a administración podería expropiar o edificio do museo, situado na rúa Real da vila, e que foi rehabilitado polo arquitecto Carlos Hurtado Casanova.

En calquera caso, a continuidade do museo ante a situación creada, está no aire. A promotora deste espazo de arte aínda está pagando o crédito que solicitou para levar a cabo as obras de construción e o Concello de Ponteceso afirma que non pode facer nada. Lamentan, iso si, a situación creada, que cualifican de "derrota", e salientan a importancia do museo para dar a coñecer Corme e a Costa da Morte fóra de Galicia.

"Corme Porto será o epicentro, porque alí está a sede, pero nacemos cunha ambición de universalidade", destacouse sempre dende a Fundación, que comezou a operar en 2006 coa inauguración do museo como Museo. Tamén salientaron que o centro de arte "é digno de estar en calquera capital, Corme poderá estar orgulloso de ter este Museo. A cultura é o que fai grande a un pobo, e o noso empeño vai neste senso". Dende entón, veu recibindo un número crecente de visitantes (1.200 este verán). Ademais, desenvolveu un sistema de bolsas que permite a creadores de todo o mundo gozar de estadías pagadas na localidade a cambio de doar algunhas das obras realizadas.

Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte Dominio Público Praza Pública
Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte Dominio Público Praza Pública
Fachada do museo Dominio Público Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.