O Ghaiteiro Petroleiro é unha baralla artística que combina de forma satírica a memoria do movemento Nunca Máis e o imaxinario popular galego. E é, tamén, un xogo
Nos últimos seis anos o colectivo Unha Gran Burla Negra vén traballando ao fío da memoria da catástrofe do Prestige e do movemento social que xurdiu nos meses seguintes ao redor de Nunca Máis e da propia Burla Negra. O obxectivo era, en primeiro lugar, documentar e arquivar todas as producións discursivas, artísticas e sociais que naceran neses meses de axitación pero, sobre todo, contextualizalas no presente de Galicia, traelas á actualidade.
Un exemplo desta actividade foi O Ghaiteiro Petroleiro, un proxecto que se desenvolveu en paralelo á exposición Sempre Máis. Arte, ecoloxía e protesta na Galiza do Prestige e que se amosou ao público por primeira vez, nunha versión preliminar, na exposición As cartas sobre a mesa. A memoria do Nunca Máis e as barallas políticas, no Museo Reina Sofía de Madrid.
"O seu principal obxectivo é recoller esa memoria para darlle sentido, e vivila, hoxe. Reactivando tamén o espírito festeiro, retranqueiro e profundamente colectivista das protestas do Prestige"
O Ghaiteiro Petroleiro é unha baralla artística (ligándose deste xeito á propia baralla que Burla Negra realizara en 2003, con algúns dos protagonistas negativos da catástrofe) que combina de forma satírica a memoria do movemento Nunca Máis e o imaxinario popular galego. Conforma deste xeito "un arquivo visual, un dispositivo da memoria ao servizo dunha conmemoración crítica" do vixésimo aniversario do Prestige.
"A baralla é un artefacto que pretende activar a memoria do Prestige e o Nunca Máis, xa que contén moitas imaxes dese universo, pero tamén un elemento lúdico que precisa ser xogado. O seu principal obxectivo é recoller esa memoria para darlle sentido, e vivila, hoxe. Reactivando tamén o espírito festeiro, retranqueiro e profundamente colectivista das protestas do Prestige ao tempo que se lle dá unha volta a todo o repertorio simbólico da cultura galega", destacan os seus creadores.
Nas ilustracións do Ghaiteiro participan máis de 80 artistas de diferentes xeracións
Algunhas das figuras desta baralla líganse directamente ao Prestige, outras a distintas crises económicas e ecolóxicas contemporáneas, mentres que outras remiten á memoria popular e ao imaxinario galego de varias xeracións.
Nas ilustracións do Ghaiteiro participan máis de 80 artistas de diferentes xeracións, que crearon a maior parte dun total de 125 cartas (outras están tiradas do arquivo do Nunca Máis ou da tradición do deseño galego). Deste xeito, o xogo funciona coma unha antoloxía da gráfica galega contemporánea, na que se pode ver a obra de figuras emerxentes do panorama actual do cómic, a gráfica política ou as artes visuais, á vez que a rica herdanza gráfica do movemento Nunca Máis, con algúns dos seus deseños históricos.
A mecánica do xogo
No xogo, o Ghaiteiro propón "un combate máxico entre as forzas extractivas do capitalismo avanzado e as forzas reprodutivas da cultura popular", seguindo a lóxica do entroido
No xogo, o Ghaiteiro propón "un combate máxico entre as forzas extractivas do capitalismo avanzado e as forzas reprodutivas da cultura popular", seguindo a lóxica do entroido (que tanta importancia tivo xa no ano 2003 nas actividades de Burla Negra e Nunca Máis), "coa súa capacidade de inverter o mundo, de rir desde a traxedia, de xuntar vida e morte".
As 125 cartas están divididas en tres categorías: as criaturas (atacan e defenden as materias), os meigallos (permiten accións especiais) e as materias. As materias son de tres tipos: os alimentos (cos que se gaña o xogo), os tesouros (cos que se rouban cartas) e os trebellos (que teñen propiedades especiais).
Cada xogador ou xogadora recibe 8 cartas do mazo comunal antes de comezar a partida. Se algunha xogadora foi recoller chapapote na época do Prestige, recibe 1 carta extra.
As instrucións e demais detalles poden lerse neste documento: