'O Gran Compadre' supera os sete mil espectadores

Silvana © O Gran Compadre

O Gran Compadre, autonomeado "o primeiro reality show galego", botou a andar hai 15 días. Dende entón suma máis de sete mil espectadores, sendo Ourense, Compostela, Vigo, A Coruña, Madrid e Barcelona as cidades nas que, en termos absolutos, máis se seguiu o reality.

O programa tamén ten unha notable actividade nas redes sociais, tanto en Facebook, coma en Twitter e tamén en Cabozo, a rede social galega. Tamén xurdiron os primeiros clubes de fans de algúns dos concursantes.

Este mércores estrearase na súa web o segundo episodio do programa e nesta segunda entrega a política será protagonista. Moncho pediralle a Alberto – o indignado – que organice unha asamblea para solucionar os problemas da cociña. Haberá tamén un debate entre unha independentista, un nacionalista que posúe o récord de aportacións á galipedia e Alberto, que leva dende que se levantou o campamento indignado do Obelisco da Coruña acampado fronte a casa “burguesa” de seus pais.

Ademais, Silvana revelará no confesionario unha parte escura do pasado de Marta, a soberanista galega chegada de Carabanchel. Lorena, pola súa banda, se verá todo o tempo contrariada por Moncho, quen, como revelará en confianza, non aguanta nin ós hippies, nin ós ecoloxistas, nin ós portugueses. Finalmente, o programa pediralles aos concursantes que dean a súa opinión sobre a monarquía española.

E ti, xa segues O Gran Compadre? Quen é o teu favorito ou favorita?

Brais e Marta © O Gran Compadre
Silvana © O Gran Compadre
Moncho © O Gran Compadre

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.