Pancho Casal, presidente de Continental, reflexiona sobre a resposta da industria audiovisual ao novo escenario de distribucion de contidos e pide que produtoras, distribuidoras e exhibidoras cheguen a un actrodo para que os filmes se poidan difundir na rede días despois da súa estrea en salas. Amósase crítico coas operadoras de Internet, que son para Casal as grandes beneficiadas das descargas gratuítas e co discurso "do gratis total" que, asegura, vai "rematar coa diversidade cultural, que é o que está detrás dalgunhas destas persoas que promoven a 'liberdade'". Casal atópase estes días no Brasil, no Rio Content Market, o máis importante mercado audiovisual de Sudamérica, xunto con outras empresas galegas coma Ficción Producciones, Moonbite Games&Animation e Zoa Media.
Canto de morto está o negocio das salas e canto de maduro está o da rede? Internet é a salvación do cinema, como dixo Álex de la Iglesia?
Non sei como cualificar as palabras de Álex de la Iglesia ... , a realidade é que el non podería producir as súas películas, cobrando os 600 mil euros que el cobra por película, se só distribuíse os seus filmes por Internet, ou se lles dese prioridade a esas fiestras. Porque hai unha realidade: as vías tradicionais de distribución, comezando pola asistencia aos cinemas, están indo a menos, pero están indo a menos dunha maneira moi lenta. No 2011 a recadación baixou un 4%, é un negocio que aínda move 600 millóns de euros en España. E o negocio na rede pode ser de 5 millóns de euros ao ano.
Pero si que hai moita xente que deixou de ir ao cinema...
A xente adulta deixou de ir ao cine. Pero deixou de ir ao cine porque a inmensa maioría dos filmes que se estrean están dirixidas ao público adolescente. Pero cando hai outro tipo de filmes, si que van, o que pasa é que se proxectan poucos. Hai xente que di, 'pois se non hai cartos, que as películas malas non se produzan', pero é que o que vai pasar é que non se van producir nin as malas, nin as boas nin as regulares.
Antes había xente que dicía: 'Eu baixo a película porque non teño onde vela”. Pois ben, agora si ten onde vela e séguea baixando
Por que a xente baixa películas en páxinas de enlaces? Fallan as alternativas de pago ou é unha cuestión cultural, máis profunda?
Hai que ser realistas, en España a lexislación autoriza os enlaces, hai sentencias ao respecto, pero unha cousa é que algo non sexa ilegal e outra é que sexa correcta ou autorizada. Antes había xente que dicía: 'Eu baixo a película porque non teño onde vela”. Pois ben, agora si ten onde vela e séguea baixando. Case todas as películas premiadas nos Goya estaban dispoñibles ese mesmo día para velas nas plataformas autorizadas de distribución de contidos. Así que creo que non é suficiente con presentar alternativas, hai que educar e hai que romper esa posibilidade de que alguén poida dispoñer do traballo doutra persoa sen a súa autorización. Porque se alugar un DVD no ano 2000 por tres euros era un prezo razoable, alugar hoxe un filme na rede por 1'90 ou 2'90 tamén o debería ser. É que se non, non se van poder producir películas. Neste movemento que hai en twitter hai unha porcentaxe alta de xente ben intencionada, pero hai outra porcentaxe moi alta de xente que o está facendo é defender os intereses das operadoras de Internet. Alguén leva os cartos, e lévaos o que cobra 50, 60, 70 euros polo aluguer de liña. O ideal sería que nese pago tamén se abonase unha parte para a produción de contidos.
Hai que dar alternativas de pago, pero tamén hai que dificultar as alternativas de balde
É posible poñer límites ou dificultar as opcións de descarga gratuíta?
Non digo que teña que ser necesariamente por unha vía coercitiva, pero algo ten que haber. Ten que haber controis. Despois do peche de Megaupload, vese nas estatísticas que o tráfico de seriesyonkis e peliculasyonkis baixou a menos da metade do que tiñan antes, porque a maior parte dos seus enlaces ían a Megaupload. Hai que evitar que xente se enriqueza co traballo dos demais. Hai que dar alternativas de pago, pero tamén hai que dificultar as alternativas de balde. Eu teño amigos músicos que antes vendían trinta mil exemplares e non eran ricos, pero podían vivir da música. E si, agora poden tocar máis en directo, pero tocan por 200 euros. Non poden vivir da música.
O que non ten sentido é que un filme que xa non está nas salas, non se poida estrear na rede
Como se poderían mellorar as plataformas de distribución autorizada de contidos?
O que quizais non é posible agora é pensar que un filme vai estar dispoñible na rede no mesmo día da súa estrea nas salas. O de 'ver o filme como eu queira, cando queira e ao prezo que eu queira' non pasa en ningún sector. Hai que respectar esa fiestra inicial das salas, pero seguramente o que non ten sentido é que sexa de 16 semanas como é agora. Seguramente debería ter que ver coa recadación e en función dun grande acordo entre produtores, distribuidores e exhibidores, do tipo de 'se a película recada menos de 100 mil euros, pois pode estrearse ás dúas semanas en Internet'. O que non ten sentido é que un filme que xa non está nas salas, non se poida estrear na rede. Por exemplo, coa última película de Xavier Villaverde, queríamos facer unha estrea en Internet moi masiva e moi rápida, ás dúas semanas. E os distribuidores e exhibidores entendérono como unha agresión. Cando creo que non ían perder nada, porque a xente que a vise na rede, non iría ao cine. Hai películas cuxo público non está nos cines e si en Internet. Por exemplo Engurras.
Se o ADSL en vez de custar 60 euros custase 30, poderías dedicar outros trinta a pagar por estas plataformas de distribución de contidos
Tamén se lles critica a estas plataformas, por exemplo a Filmin, que non teñen suficiente catálogo...
Pode dicirse que Filmin se dirixe a unha audiencia de nicho, pero un nicho que creo que en España é de varios millóns de persoas que se poden interesar por ese tipo de filmes independentes. E Filmin ten unha cifra anecdótica de abonados. E o catálogo é de 1800 películas, que non tes tempo de velas en toda a túa vida, e o 80% delas foron premiadas en Cannes, Berlín, Sundance... E despois está o tema das televisións, por exemplo Canal+ poñendo dificultades a que outros operadores poidan ter en video on demand os filmes que produce. E coma se ColaCao dixese que só distribúe ColaCao nun supermercado e non nos demais. Filmin nunca vai cubrir todo o espectro, pero se o ADSL en vez de custar 60 euros custase 30, pois poderías dedicar outros trinta a pagar por estas plataformas de distribución de contidos. Houbo moita xente que durante moito tempo estivo pagando 50 euros por ver Digital+ para ver media ducia de canles realmente. E moita xente paga por ver o fútbol na tele.
Co orzamento que vai ter a CRTVG este ano, se non facemos algo neste sentido, en decembro non quedan catro produtoras en Galicia
Que outras vías estades ensaiando dende Continental para adaptarvos ao momento actual?
A nosa aposta máis forte, como o consumo audiovisual crece e vai seguir crecendo exponencialmente, o que plantexamos é cambiar o sistema dende o desenvolvemento do produto. As industrias pequenas, coma a nosa, temos que buscar a cooperación, que dende o inicio do proxecto haxa implicados moitos axentes que garantan que a produción, a distribución e a difusión sexa global. O que ten que cambiar é que fagamos producións para a TVG e aí quede, e iso ten que cambiar dende a orixe. Co orzamento que vai ter a CRTVG este ano, se non facemos algo neste sentido, en decembro non quedan catro produtoras en Galicia. E a TVG tamén incide niso: o 80% do seu investimento vai destinado a estas produtoras que non teñen esta visión global.
Poderase chegar a puntos de encontro entre produtores e realizadores, e os activistas que na rede defenden a gratuidade?
En twitter hai xente sentando cátedra sobre que hai que cambiar o modelo de negocio e a maioría nunca montou un negocio. Son xente que leva toda a vida vivindo dos cartos do Estado. Eu quero falar de negocios con xente que saiba diso, con xente que coma min viva coa tensión de estar no día 29 de cada mes sen saber se lles vas pagar á xente que traballa contigo. Se non, ao final, o "gratis total", co que vai rematar é coa diversidade cultural, que é o que buscan algunhas destas persoas que promoven a 'liberdade'. A Bisbal a pirataría fódelle, pero vive ben igualmente, a quen lle fode de verdade é a Siniestro Total, que xa non poden vivir da música.