Este sábado 16 de febreiro o Liceo Mutante celebrará unha xornada de portas abertas para reivindicar a súa importancia no tecido cultural e social da cidade de Pontevedra.
No Liceo Mutante non soa a música dende o pasado 14 de decembro, ainda que o espazo cultural autoxestinado mantén a súa programación de teatro, cinema e obradoiros. A Asociación reunida en Asemblea de socios decidiu suspender a actividade musical programada para ese mesmo mes e vindeiros, ata ter solucionado devandito problema coas autoridades. Dende aquel momento, os membros deste espazo cultural tentaron regularizar a súa situación para poder volver ofrecer actuacións musicais. O espazo non dispón de licencia municipal para organizar concertos, aínda que até ese momento o Concello fixera a vista gorda pois non houbera denuncias por exceso de ruído e o local atópase nas aforas da cidade, afastado de calquera vivenda. A Asociación pide "que se lle permita continuar prestando o mesmo servicio que durante un ano e medio lle leva ofrecendo á cidadanía da nosa vila, un servicio cultural demandado pola sociedade polas carencias que a este respecto presenta o noso Concello".
Esta xornada de convivencia comezará ás cinco da tarde e incluirá un mercadiño, a celebración dunha rifa e un concerto sorpresa a partir das sete. Xa pola noite será a quenda de DJ Pelouro, que acompañará a velada con música e proxeccións. Para esa sorpresa das sete da tarde o Liceo Mutante só adiante unha pista de dúas letras: Za. Será?