O 'moderneo' coñecerá por fin a Troco no FIV

Cartel da sesión post-fiv © Troco

Acabamos de encetar o ano e xa temos o primeiro gran festival petando na porta. Os 22 e 23 de marzo Vilalba volverá acoller o seu FIV -Festival Independente de Vilalba-, que tentará repetir o éxito de público acadado na última edición. O feito de ser o primeiro e de ter menos competencia que os que se celebran no verán, facilita a contratación das bandas e tamén anima a moita xente de fóra da vila a achegarse até o lugar.

De momento, o cartaz que presentan apunta a un novo éxito, pois é seguro que Delorean, La Casa Azul, Nudozurdo ou La Habitación Roja atraerán un bo número de persoas de toda Galicia. Supersubmarina, The Whip, Hola a todo el Mundo ou Varry Brava completan un cartel que tamén contará con djs de primeiro nivel coma Elyella djs ou dj Amable. As entradas xa se poden adquirir a prezos ben asequibles: 15 euros por un dia e 20 polos dous.

Pero a edición 2013 do FIV reserva unha sorpresa. A discoteca Troco de Vilalba organiza unha festa post-FIV na que a gran protagonista será Eme Dj. Os asistentes ao festival terán un desconto na entrada a unha sesión que servirá para que moitos modernos-gafapastas-indiepopies-urbanitas descobran un dos templos da música en Galicia. De seguro que moitos deles nunca entraron na Troco (ou na Hermo de Muimenta, ou na LP45 de Ordes, ou na Queen do Porriño). Eme Dj exercerá de anfitriona para o que Desconcierto define como "converxencia da historia da agromovida galega co novo moderneo".

Cartel da sesión post-fiv © Troco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.