A Casa da Cultura de Sarria acollerá o próximo 18 de marzo a segunda edición da Escolma de Cinema Galego, que xa o pasado ano achegou con grande éxito unha mostra do Novo Cinema Galego máis actual e premiado. Baixo o subtítulo Cinemas migratorios e cineastas galegos na emigración, a mostra ofrecerá (completamente de balde) unha coidada selección de historias de persoas que teñen que deixar os seus vínculos cun espazo por decisións políticas e máis de olladas de cineastas galegos que constrúen os seus discursos fílmicos en culturas alleas.
Entre os filmes que se poderán ver están Os días afogados e No Cow on the Ice. Nos vindeiros días anunciarase o resto da programación que, segundo adianta Alberte Branco, coordinador, "non defraudará a todas as persoas que queiran gozar co bo cinema e coa música contemporánea do país".
Os días afogados, a longametraxe documental de César Souto e Luís Avilés Baquero, narra o proceso de expropiación das vivendas e terreos que viviron os veciños das aldeas de Aceredo e Buscalque (en Lobios, Ourense), anegadas pola construción do encoro de Lindoso en 1992. A película fala dun exilio sen regreso posible, "quizais o máis desgarrador dos exilios", en palabras do xornalista cultural Fran P. Lorenzo, xa "que se asenta na imposibilidade de voltar ao teu lugar porque o teu lugar no mundo xa non existe".
No Cow on the Ice (Non hai vacas sobre o xeo) é un diario filmado no que Eloy Domínguez Serén narra a súa vivencia da emigración a Suecia, os seus traballos para sobrevivir e as súas experiencias co amor, coa lingua e coa paisaxe. Os sentimentos dunha xeración que debeu emigrar pola dura situación económica en España quedan ben representados, nunha película na que moitos mozos e mozas da comarca se verán identificados.
A Escolma de Cinema Galego en Sarria naceu co obxectivo de visibilizar a creación audiovisual contemporánea ao tempo que diversifica a amplía a actividade cutural do concello de Sarria. Un concello, que a pesar de ter unha poboación media e de contar ao longo da súa historia con ata media ducia de salas de proxección, na actualidade carece de cine. Na súa primeira edición converteu Sarria no epicentro do "Novo Cinema Galego", enchendo de público a Casa da Cultura da vila durante tres días, nos que se proxectaron unha ducia de fitas e se celebraron varias conversas e actividades con dez premiados cineastas.