O número de libros publicados en galego volve descender e segue en mínimos

Dominio Público Praza Pública

Os dous últimos anos amosan unha nova tendencia á baixa, con 976 títulos en 2016 e 972 en 2017

2017 volveu rexistrar un descenso do número de libros publicados en galego. Entre 2008 e 2013, coincidindo cos peores anos da crise económica e os recortes no orzamento dedicado a cultura pola Xunta de Galicia, a cifra caera de forma contundente (de 2.070 títulos a só 739). No 2014 e 2015 producírase unha pequena recuperación, que deixara o número total en 1.120 libros. Porén, os dous últimos anos amosan unha nova tendencia á baixa, con 976 títulos en 2016 e 972 en 2017, segundo a estatística publicada este mércores polo INE.

Destes 972 títulos en galego, 783 editáronse en Galicia e o resto noutras comunidades, nomeadamente Madrid (92), Cataluña (33) e Aragón (22).

En total, independentemente da lingua de edición, en 2017 publicáronse en Galicia 1.872 títulos, cen menos que o pasado ano e a segunda cifra máis baixa dende 1999 (só empeorada polos 1.869 de 2013).

Cómpre salientar que a publicación en castelán no conxunto do Estado tamén se atopa en cifras mínimas: os 44.581 títulos de 2017 son o segundo peor dato das últimas dúas décadas.

O actual ritmo de edición en catalán é un 32% inferior ao de hai unha década e o do euskera é un 36% menor. Porén, o do galego caeu un 53%

Igualmente, o catalán e o euskera (que si creceron durante o 2017) están aínda lonxe dos niveis acadados no 2008, o seu mellor ano, ao igual que para o galego. Con todo, a publicación nestas dúas linguas non experimentou un descenso tan importante coma o sufrido polo idioma de Galicia. O actual ritmo de edición en catalán é un 32% inferior ao de hai unha década e o do euskera é un 36% menor. Porén, o do galego caeu un 53%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.