O documento salienta que no último trimestre o emprego no sector cultural seguiu a mellorar (no terceiro trimestre de 2023 hai 600 persoas máis traballando que un ano antes) e sitúase na cifra máis elevada dos últimos anos, por riba dos niveis previos á crise xerada pola pandemia de COVID
Esta semana o Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega, presentou unha nova edición da Conxuntura estatística do ámbito cultural, un documento de traballo que analiza a situación e últimas tendencias do sector cultural en Galicia, nomeadamente no ámbito económico, laboral e empresarial. O informe sinala que "en liñas xerais" a situación é positiva, porén alerta de que hai indicadores que "poderían estar anunciando un cambio de tendencia", especialmente no emprego, na exportación e no consumo cultural. O informe xa está dispoñible para descarga desde o web do Observatorio.
O documento salienta que no último trimestre o emprego no sector cultural seguiu a mellorar (no terceiro trimestre de 2023 hai 600 persoas máis traballando que un ano antes) e sitúase na cifra máis elevada dos últimos anos, por riba dos niveis previos á crise xerada pola pandemia de COVID. Medran tamén as afiliacións á Seguridade Social (un 0,8% máis), aínda que o fixeron por debaixo do emprego total do país, que se sitúa no 3%. O emprego neste sector segue a estar principalmente nas mans de autónomos (o 44,5% fronte ao 19,2% do conxunto total de actividades na economía galega).
O informe alerta de que "o descenso da cifra de afiliacións do réxime xeral, que é no que se atopan a maioría de persoas empregadas, así como a evolución da provincia da Coruña, que é a que concentra a maior parte da industria cultural, poderían indicar certa debilidade"
O informe alerta de que "o descenso da cifra de afiliacións do réxime xeral, que é no que se atopan a maioría de persoas empregadas, así como a evolución da provincia da Coruña, que é a que concentra a maior parte da industria cultural, poderían indicar certa debilidade", con efectos que se podería notar nos vindeiros meses, dando a volta á tendencia positiva que se veu rexistrando nos dous últimos anos. Por provincias, a única que amosa unha tendencia negativa é A Coruña e destaca o aumento do emprego na provincia de Ourense (9,6%)
Alén da lóxica estacionalidade na contratación, cun maior aumento nos meses de verán que no inverno, entre as ocupacións culturais máis ofertadas visualízase un descenso na frecuencia, con 740 contratacións menos entre setembro de 2022 e o mesmo mes de 2023, o que podería interpretarse tamén como un síntoma de moderación da actividade profesional da cultura. Estes indicadores de moderación chegan tamén das exportacións e da demanda. Con todo, o informe conclúe a necesidade de ver como se concretan estas cifras nos vindeiros meses.
Máis gasto da administración e das familias
Os orzamentos das administracións públicas impulsan á alza a actividade, xa que os incrementos son moi importantes en 2023
Os orzamentos das administracións públicas impulsan á alza a actividade, xa que os incrementos son importantes en 2023. O documento destaca que nos últimos meses medraron os orzamentos das Administracións en todos os niveis. Os concellos (que son os que soportan a maior cantidade do gasto global en cultura) e, sobre todo, as deputacións incrementaron un 11,6% en conxunto as partidas destinadas a cultura no último ano. Mentres, na autonómica fixérono nun 8,4 %, incremento que está na liña da evolución dos orzamentos xerais.
O gasto en cultura das familias superou os niveis previos á pandemia pero nunha proporción menor que a evolución do gasto noutras partidas do orzamento do fogares
No que respecta ao gasto en cultura das familias, o informe asegura que superou os niveis previos á pandemia pero nunha proporción menor que a evolución do gasto noutras partidas do orzamento do fogares. Este impulso estivo condicionado principalmente polo incremento do gasto en libros e máis recentemente en servizos culturais, que inclúe espectáculos, pero tamén subscricións a plataformas de streaming, presentes neste momento en case oito de cada dez fogares españois
"Os datos de 2023, baseados nos indicadores de confianza, indican que a poboación galega se amosa optimista con respecto á posibilidade de permitirse seguir consumindo cultura xunto con outras actividades de ocio, aínda que esa expectativa semella que xa non segue crecendo como viña facendo nos últimos trimestres”, conclúe así mesmo o informe. Os datos en tempo real sobre pagos con tarxetas bancarias indican unha moderación no crecemento do consumo de ocio no conxunto de España dende o verán de 2023, mesmo con taxas negativas en outubro e novembro.
Máis público, pero por debaixo dos niveis previos á COVID
Aumenta a asistencia ao cine, teatro e concertos, pero ese incremento está moi lonxe de recuperar as cifras prepandemia
Con respecto aos públicos, no último ano analizado medra a asistencia ao teatro (174.356 espectadores fronte aos 125.953 de 2022), danza (16.205 fronte a 13.112), música clásica (147.152 fronte a 88.873), música popular (778.964 fronte a 579.981) e cine (2,5 millóns fronte a 1,8).
Iso si, ese incremento está moi lonxe de recuperar as cifras prepandemia e rexístranse diferenzas negativas do 60% no teatro, de preto do 50% na danza e na música clásica, do 40% no cine e do 13% na música popular.