O Parlamento pide por unanimidade que a Filosofía volva ser troncal no Bacharelato

Foto dos e das impulsores da ILP, deputados/as e alumnado de centros de ensino que apoiaron a iniciativa © Filosofía si

“O Parlamento de Galicia insta á Consellería de Educación a: 1.- No marco das súas competencias realizar as adaptacións necesarias para incluír na oferta educativa do Bacharelato o obrigatoriedade da Historia da Filosofía como materia troncal. 2.- Instar ao Ministerio de Educación do Goberno do Estado a propiciar nos traballos do denominado Pacto educativo un debate en profundidade sobre a situación da Filosofía no sistema educativo e a necesidade da súa pervivencia”. A Iniciativa Lexislativa Popular impulsada dende hai uns meses por un grupo de docentes e apoiada por máis de 8.200 sinaturas foi aprobada este mércores por unanimidade polo Parlamento, que lle demanda ao Goberno galego que recupere o carácter obrigatorio e troncal da materia de Filosofía no Bacharelato. 

Trátase da primeira proposición non de lei de iniciativa popular que aproba a cámara galega, pois todas as que anteriormente foron presentadas chocaran co rexeitamento da maioría absoluta do Partido Popular. A sesión foi seguida en directo non só polo grupo de profesores e profesoras que a veu defendendo nos últimos meses e, igualmente, polo decano da Facultade de Filosofía da USC (José Miguel Sagüillo), senón tamén por ducias de alumnos e alumnas de centros de secundaria.

En Marea, PSdeG e BNG criticaron os efectos da LOMCE

No debate previo á súa aprobación, César Fernández (PP) amosouse “convencido da importancia da filosofía" e de que a filosofía "nunca vai desaparecer”. O portavoz popular sinalou que “coincidimos desde o primeiro momento coa iniciativa que se nos presentou desde a Comisión Promotora" e engadiu que "cando se argumenta e se poñen enriba da mesa razóns, a propia filosofía é a que nos ensina a comprender e consensuar para chegar a acordos".

Polo BNG, Olaia Rodil destacou que a importancia da Filosofía "vai alén do educativo e sitúase nun plano clave para o desenvolvemento humano". Rodil puxo a defensa da Filosofía no contexto dunha crítica a un modelo educativo "cada vez máis fragmentado, compartimentado". "Que individuos saen dese modelo de ensino?", preguntouse. "Cremos que non abonda con recuperar a Filosofía, hai que ir máis alá. As lesivas reformas educativas aplicadas, a LOMCE no seu conxunto e o espírito do que emana deben ser derrogadas", concluíu Rodil.

O socialista Luís Manuel Álvarez Martinez criticou tamén os efectos da LOMCE, o "incremento das materias optativas en detrimento das horas de formación común" e unha "mercantilización do sistema educativo que roza extremos indecentes". Álvarez Martínez pediu que a Filosofía recupere o lugar "do que nunca debeu saír por culpa dunha lei perniciosa e innecesaria".

É a primeira proposición non de lei de iniciativa popular que aproba a cámara galega, pois todas as anteriores chocaran co rexeitamento da maioría absoluta do PP

Por En Marea, Ánxeles Cuña reclamou a importancia da "supervivencia da Filosofía". "Queremos cidadáns e cidadás ou súbditos? Queremos reforzar os alicerces fundamentais da cultura ou só festas do cocido?", preguntouse. "Nós cremos que a Filosofía é un alicerce fundamental para o futuro deste país, para o futuro da democracia", concluíu.

 

Pleno do Parlamento, esta mañá © Parlamento de Galicia
O decano da Facultade de Filosofía, José Miguel Sagüillo, agradece o seu apoio aos catro grupos da cámara © Filosofía si
Alumnado de centros de secundaria seguiu a sesión parlamentaria © Filosofía si

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.