O párroco que arrasou un adro do século XVIII

O adro, tras as obras © Concello de Ponteareas

A cultura do "ti, vai facendo" é un dos grandes males da ordenación territorial en Galicia. Esta práctica, consistente en ir desenvolvendo obras sen adaptarse á legalidade vixente ou a unhas mínimas normas estéticas mentres non se ten unha prohibición explícita adquire tintes dramáticos cando a agresión, ademais de contra o bo gusto, é tamén contra o entorno natural ou contra o patrimonio histórico. Unha destas agresións patrimoniais produciuse en Ponteareas entre 2003 e 2005, anos nos que o párroco de San Miguel de Guillade, José Carlos Pérez, decidiu arrasar un conxunto funerario do século XVIII situado no adro do seu templo para colocar un enlousado novo. Dez anos despois as obras están no xulgado o cura e o alcalde imputados e o caso chegou ao Parlamento da man do BNG, que paralizou a obra mentres estivo no goberno municipal.

Segundo os informes técnicos que avaliaron a desfeita as obras supuxeron a retirada de vinte e unha foxas. "Nos laterais podíanse atopar fémures" ou "pequenos anacos de cranio", cita a deputada do Bloque Carme Adán, que achegou á Comisión de Cultura da Cámara a análise duns expertos que, graficamente, describen como os restos óseos "se desfacían como fariña" durante o seu desprazamento para enlousar de novo o adro. Tras a devandita paralización das obras, impulsada polo daquela teniente de alcalde do Concello, Roberto Mera, unha moción de censura devolveulle a Alcaldía ao PP na persoa de Salvador González Solla e o crego volveu á carga. Polo camiño, a Xunta de Fraga esixía en 2005 "a reposición das lousas orixinais e que se devolva o entorno ao seu estado", lembra Adán.

As obras supuxeron a retirada de 21 foxas e durante os traballos "atopáronse fémures e pequenos anacos de cranio"

A actuación da Xunta non rematou aí. No ano 2006, xa coa coalición de PSdeG e BNG en San Caetano, a Consellería de Cultura abriulle un expediente sancionador ao párroco que "concluíu en setembro de 2011 cunha sanción de máis de 10.000 euros". Pero, mentres as partes seguían pendentes da resolución xudicial, en abril de 2012 "a subcomisión de conservación do patrimonio da ingrexa católica en Galiza informou favorablemente a solicitude do promotor das obras" para a súa "legalización", subliña, con estupor, a deputada nacionalista. Tras esa solicitude, en maio do mesmo ano a actual Xunta "ditou unha resolución favorable á legalización das obras de reparación do adro da igrexa". A decisión, salienta, "baseouse nun levantamento topográfico das obras" e pasou por riba, ao seu xuízo, que "está aberto un procedemento penal no que están imputados o promotor e o alcalde da localidade".

Tras o retorno do PP ao Concello as obras continuaron e, aínda que a propia Xunta sancionou o cura, en 2012 legalizounas

O que a Adán lle parece unha situación "gravísima" foi respondida sen excesiva ansia por parte da directora xeral de Patrimonio, Carmen Martínez Insua. Ante a comisión parlamentaria a alto cargo considerou que non lle "parece prudente dicir que existiu trato de favor neste caso nin cambio de posición ningún". Simplemente, asgura, "procedeuse a informar favorablemente o acondicionamento" por ser "compatible cos valores culturais do ben protexido, e sobre a base de que as obras realizadas coorixen os criterios contemplados no proxecto inicial, que fora informado desfavorablemente. A legalización, di a directora xeral, non "altera" a posibilidade de que houbese un delito contra o patrimonio, e "dado que o proceso está xudicializado, a postura da Dirección Xeral non é outra que a de prestar a máxima colaboración coa Xustiza".

O crego e o alcalde seguen imputados

Decida o que decida a Xustiza, o conxunto funerario xa desapareceu e as lousas xa substitúen a pedra do século XVIII. Segundo recolleu Faro de Vigo o pasado verán o cura alega ante o xulgado que no ano 2002 decidiu poñer en marcha as obras baseándose no permiso verbal do concelleiro de Urbanismo, José Castro, e co visto e prace da que daquela era alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, actual responsable da Axencia Turismo de Galicia. Coa chegada do Bloque ao Concello comezaron os "problemas" pero, tras a moción de censura, o crego aferrouse de novo ao permiso verbal. En síntese: "ti, vai facendo".

Estado do adro antes das obras © Concello de Ponteareas
O conxunto funerario, durante as obras © Concello de Ponteareas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.