O PEN clube internacional presentou este martes pola tarde o Manifesto de Girona sobre os dereitos lingüísticos nun acto que se celebrou no Palau da Generalitata de Catalunya, coa presenza do presidente catalán, Artur Mas. O acto coincidiu coa xuntanza anual do Comitè Internacional de Tradución e Dereitos lingüísticos do PEN, que se celebra en Barcelona do 4 ao 6 de xuño coa participación de trinta delegados de dezasete países.
O Manifesto incide en que "o ensino escolar debe contribuír a prestixiar a lingua falada pola comunidade lingüística do territorio"
O Manifesto consta de dez puntos que compendian os principios esenciais da Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos e foi aprobado polo Congreso do PEN internacional celebrado en Belgrado o pasado mes de setembro. O texto lembra que "toda comunidade lingüística ten dereito a que a súa lingua sexa usada como oficial no seu territorio" e reclama que "o dereito ao uso e protección da lingua propia debe ser recoñecido polas Nacións Unidas como un dos dereitos humanos fundamentais".
Así mesmo, incide en que "o ensino escolar debe contribuír a prestixiar a lingua falada pola comunidade lingüística do territorio" e salienta que "os medios de comunicación son altavoces privilexiados cando se trata de facer efectiva a diversidade lingüística e de prestixiala con competencia e vigor".
O PEN catalán denunciou, así mesmo, os casos de marxinación e persecución dos dereitos lingüísticos no Estado español e instou o PEN internacional a denunciar a situación no seu da ONU
O PEN catalán -a terceira sección do PEN que se constituíu, despois da inglesa e a francesa- denunciou, así mesmo, os casos de marxinación e persecución dos dereitos lingüísticos no Estado español e instou o PEN internacional a denunciar a situación no seu da ONU. En concreto, a sección catalá do PEN advertiu que o catalán non só foi prohibido e atacado durante a ditadura franquista, senón que "a etapa democrática posterior está demostrando que as aparentes concesións feitas no ámbito legal e institucional acaben sendo sempre manipuladas e interpretadas de forma lesiva para a lingua catalá". Engade que "o recente acceso ao poder do PP ao goberno de España exacerbou esta situación: en Catalunya preténdese acabar cun modelo lingüístico escolar que foi recoñecido e aplaudido por todos, tamén polo Parlamento Europeo, durante trinta anos".