"A Compostela dos anos 30 é unha cidade de rúas que se comparten". Así resume o historiador Antonio Míguez a descrición que podemos facer do ambiente social que se vivía en Santiago nos anos previos ao golpe de Estado de xullo de 1936. Unha cidade -coma o resto do país- diversa, cambiante e en gran parte descoñecida que a exposición 80 anos. Santiago 1936 quere amosar. A mostra, organizada polo grupo de investigación da USC Histagra e que conta co apoio do Concello, da Deputación da Coruña e da Xunta, inaugúrase este xoves pola tarde na Fundación Eugenio Granell e poderá visitarse ata o 25 de setembro. É, ademais, a antesala do congreso internacional 1936. Un novo relato? 80 anos entre historia e memoria, que a partir do 18 de xullo se celebrará ao longo de tres días na Facultade de Xeografía e Historia, no Teatro Principal e na propia Fundación Granell.
A exposición é en boa medida un intento de levar á rúa e sacar do ámbito estritamente académico o debate e o estudo destes anos e destes acontecementos, contribuíndo a desmontar determinadas visións tópicas e simplificadoras que se acabaron por impoñer sobre a Segunda República, a sublevación militar e a propia guerra. De feito, o propio congreso contará con tres sesións que buscan a participación da cidadanía, que se celebrarán no Teatro Principal e nas que intervirán o xurista e fiscal Carlos Castresana, Elizabeth Jelin (membro do Consello Nacional de Investigacións Científicas e Técnicas de Arxentina) e Ben Kierman (Universidade de Yale), que achegarán unha visión internacional sobre os feitos e procesos analizados. Ademais, celebrarase un café literario que afondará na representación que esta época tivo na ficción en Galicia.
"O período anterior ao golpe do 36 é unha época caracterizada pola pluralidade e pola diversidade, tamén pola confrontación, pero por unha confrontación fundamentalmente democrática"
Aínda que a exposición se centra en exclusiva en analizar os cambios que tiveron lugar na cidade de Santiago, Antonio Míguez, un dos comisarios da mostra (xunto con Lourenzo Fernández Prieto, Gustavo Hervella, Alfonso Mato e Dolores Vilavedra), salienta que que "no que contamos a nivel de relato sobre Compostela pódense sentir identificadas moitos lugares de Galicia e de toda España".
É moito o que descoñecemos sobre os anos previos ao golpe? Que ideas erróneas ou incompletas cómpre desmentir?
Hai unha certa idea, moi estendida, na que parece que a Segunda República, polas súas características, pola conflitividade política e social que se deu neses anos, era unha antesala de algo que tiña que suceder necesariamente. Parece que se establece unha relación de causa-efecto entre a República e o golpe e, posteriormente, a guerra. Nós presentamos un relato novo sobre a cuestión. Fronte ao que moitas veces se conta, a Segunda República non foi un período marcado por unha conflitividade irredutible entre dous bandos -e con eles a sociedade enteira- que non se podían poñer de acordo en nada e que vivían nunha continua situación de tensión. O que tentamos reflectir na exposición é que o período anterior ao golpe do 36 é unha época caracterizada pola pluralidade e pola diversidade, tamén pola confrontación, pero por unha confrontación fundamentalmente democrática.
"Na Segunda República por suposto non desaparece o Santiago clerical e as procesións, pero isto ten que comezar a convivir con outro tipo de manifestacións cívicas. Hai unha certa pugna e conflito, pero aí tamén está a idea de compartir o espazo público"
Como era a Compostela previa ao 18 de xullo de 1936?
Atopamos uns niveis de mobilización política importantes. Neste senso, fixemos un traballo de cartografar, de recoller nun mapa do Santiago da época onde estaban situados os distintos locais de agrupacións políticas e de entidade sindicais. O mapa amosa a súa cantidade, pois eran moitas, e tamén como entidades moi diferentes compartían un espazo moi pequeno -fundamentalmente na zona vella de Compostela- e durante anos conviviron de forma tranquila e pacífica. Os niveis de violencia e conflitividade non foron particularmente altos en Santiago nin na maior parte de España nos anos previos ao golpe. De feito, en Compostela houbo fases nas últimas décadas do século XIX e nas primeiras do XX con máis mobilización obreira e máis folgas. É un discurso negativo, construído posteriormente para xustificar o propio golpe.
Nos anos 30 vemos unhas rúas que se comparten. Hai moitos grupos sociais, moitos colectivos, moitos intereses que teñen que convivir nun mesmo espazo. Na Segunda República por suposto non desaparece o Santiago clerical e as procesións, pero isto ten que comezar a convivir con outro tipo de manifestacións cívicas. Hai unha certa pugna e conflito, pero aí tamén está a idea de compartir o espazo público.
"Os anos 30 foron unha época de modernización. Vese que a radio comeza a ocupar un lugar fundamental. Tamén o transporte. Todo isto non comeza en 1930 pero agora acelérase"
Entendo que os cambios non se daban só a nivel político. Había unha sociedade cada vez máis rica, en todos os ámbitos...
Non queríamos que o político ocupase todo, e de feito non é o tema que ocupa máis espazo na exposición. Os anos 30 foron unha época de modernización. Vese que a radio comeza a ocupar un lugar fundamental, por exemplo nos propios días do golpe, facendo valer as súas características de inmediatez: os acontecementos suceden tan rápido que a xente necesita información rápida que non poden ofrecer os xornais. Os transportes acadan tamén un papel protagonista, por exemplo o Castromil. O tráfico e a circulación de vehículos tamén gañan importancia. Todo isto non comeza en 1930 pero nestes anos acelérase.
Entre as imaxes distorsionadas que se acabaron impoñendo estaría tamén, polo tanto, esa imaxe da Compostela escura e clerical?
Si, outra idea errónea é que sinala que Santiago era unha cidade clerical e conservadora, na que non se apreciaban tan ben os cambio e os conflitos. Nós confrontamos iso cos resultados electorais na cidade, nos que se ve que houbo distintas alternativas, desmentindo esas visións laminadoras que ignoran os matices. Nós queremos destacar eses matices para desmontar os relatos máis tópicos.
"Foi un golpe dado contra a esquerda e contra unha parte importante da dereita, unha dereita democrática que tamén existía e que vai ser desprazada e depurada. Un caso paradigmático é o de Enrique Rajoy"
E, en contraste, como é a Compostela que queda despois do golpe e da guerra?
Facemos tamén unha cartografía social e política do Santiago posterior ao golpe de Estado. Desaparece a pluralidade previa e atopamos unha paisaxe de entidades que traballan pola mobilización en favor dos golpistas, unha Compostela de cruzada, unha retagarda da guerra civil. Vemos, por exemplo, que Falange Española, que ata 1936 era unha entidade moi pequena, instalada en Santiago en 1935 e que ocupaba un pequeno local na casa dun dos seus fundadores, na rúa de san Pedro, pasa a ocupar un local na Praza de Praterías. A nivel de persoas, o cambio é brutal. Todas aquelas persoas que teñen un posto de responsabilidade pública, no senso máis amplo que poidamos imaxinar, dende políticos a calquera que poida ter un papel representativo nunha entidade de todo tipo, pasa a estar sometida a un proceso de depuración que os leva a abandonar eses cargos e, en moitos casos, á morte. Temos tamén as listas de asasinados a través dos procesos militares iniciados en xullo de 1936 ou, directamente, paseados. É importante o medo, tamén. O que prima é a persecución, a ameaza, o imperio dunha nova lei, que é a lei da vontade dos golpistas.
"Sublevouse unha moi pequena parte do exército, e en Galicia temos unha proba moi clara, porque as principais autoridades militares da rexión foron asasinadas"
Hai outra idea errónea, que se repite moito. Non foi un golpe dado contra a esquerda. Foi un golpe dado contra a esquerda e contra a dereita, contra unha parte importante da dereita, unha dereita democrática que tamén existía e que vai ser desprazada e depurada. Un caso paradigmático é o de Enrique Rajoy, por ser ben coñecido pola súa descendencia, pero non é o único, nin moito menos. As persoas que na época republicana ocupan responsabilidades políticas ou sociais van quedar, dalgunha maneira, marcadas, e son poucos os que despois conseguen recuperar esa posición.
Foi un golpe, polo tanto, impulsado por un sector moi pequeno da sociedade?
Dise moitas veces que foi un golpe dado polos militares, pero non se sublevou o exército, sublevouse unha moi pequena parte do exército, e en Galicia temos unha proba moi clara, porque as principais autoridades militares da rexión foron asasinadas. Foi un golpe dado por unha facción do exército para facerse co poder e reverter o proceso republicano, cuestionando non só a acción das esquerdas, senón tamén das dereitas que participaron na Segunda República.
"Empregan a violencia para eliminar directamente a esas persoas que os golpistas consideran os seus inimigos, para asasinalas, pero tamén para eliminar ese entramado que hoxe chamariamos sociedade civil"
Estamos falando dunha democracia da década dos 30, cun funcionamento normal nas democracias desa época. Ti non podes practicar un anacronismo, que é aplicarlle os mesmos criterios que lle aplicarías a unha democracia de 2016. Ademais, o que pasa en España en xullo de 1936 non é algo moi diferente do que estaba pasando en toda Europa neses anos, nun contexto de crecemento dos fascismos. Prodúcese o mesmo tipo de conflitividade, co mesmo tipo de inimigos, e as características da violencia que estes golpistas aplican son equiparables tamén coas violencias que despois se verán neses réximes.
"É un golpe contra toda a tradición liberal que arranca no século XIX. O seu traballo é tan radical e tan intenso que en boa medida borran todo iso, borran mesmo a memoria de que todo iso existira"
O golpe borrou unha actividade moi vizosa que comezaba a agromar en moitos lugares de Galicia, a nivel social, cultural, científico ou sindical, e non só nas cidades, senón tamén en moitas áreas rurais, nas que se estaban dando uns procesos de organización social moi importantes. Todo iso queda, en certa forma, ocultado e é en parte descoñecido pola sociedade hoxe en día?
Precisamente iso é o que explica en parte as características que tivo o golpe, que foi extremadamente violento, que se fixo sen contar cun gran apoio civil e nin sequera cun apoio militar maioritario e que non contaba con ningún apoio institucional, como si tivera o de Primo de Rivera en 1923. Necesitou empregar unha gran violencia, primeiro para impoñerse e despois para consolidarse, aproveitando o carácter fundamentalmente pacífico dos seus inimigos. En Santiago a maioría das entidades políticas ou asociativas que lles tentan facer fronte ao golpe non tiñan armas á súa disposición para deter os militares que saen á rúa. Empregan a violencia para eliminar directamente a esas persoas que os golpistas consideran os seus inimigos, para asasinalas, pero tamén para eliminar ese entramado que hoxe chamariamos sociedade civil. O golpe é un golpe contra toda a tradición liberal que arranca no século XIX, contra todo o que sería a modernidade. O seu traballo é tan radical e tan intenso que en boa medida borran todo iso, borran mesmo a memoria de que todo iso existira. Un caso paradigmático é o da imprenta de Nós. Non é só que deteñan e asasinen a Ánxel Casal, é que a imprenta é saqueada e as súas máquinas roubadas e vendidas, tentando que non quedase nada. Tentan borrar o recordo da sociedade que existía previamente, dunha sociedade moito máis plural.
"O rural compostelán foi fundamental para darlle varias vitorias electorais ás coalicións de esquerdas, que se presentaban cos partidos agrarios"
En canto ao que comentas da Galicia rural, Santiago era unha cidade cun ámbito urbano moi pequeno e cun entorno rural moi amplo que en xullo de 1936 estaba moi articulado e mobilizado. De feito, o rural compostelán foi fundamental para darlle varias vitorias electorais ás coalicións de esquerdas, que se presentaban cos partidos agrarios. Efectivamente as cidades son sempre o foco, onde mellor se ven os cambios, pero nunha Galicia que seguía sendo maioritariamente rural nos anos 30, no rural tamén se vían grandes cambios e unha gran actividade de asociacionismo político e sindical, pero tamén cultural e mutualista, elementos que articulan a sociedade civil.