O Play-Doc arranca a edición do seu décimo aniversario

Unha das edicións anteriores do Play-Doc © Play-Doc

O Festival Internacional de Documentais de Tui fai dez anos, un momento para facer balance dun festival que acadou un gran recoñecemento internacional, até o punto de ter sido seleccionado polo Best Fest Film Series de Nova York, que cada ano escolle os dez mellores festivais de cinema do mundo. Esta edición, que comeza este mércores pola noite e que rematará o domingo, fará -canda ás seccións oficiais e ás actividades paralelas- un repaso da propia traxectoria do festival, programando obras de cineastas que marcaron esta primeira década de certame.

Así, por exemplo, o Play-Doc abrirase este mércores ás 20.30 no Teatro Municipal de Tui coa proxección dunha serie curtametraxes de Bogdan Dziworski, un dos homenaxeados doutras edicións, e Artavazd Pelechian, Ross McElwee, Jay Rosenblatt ou Albert Maysles tamén terán un oco este ano. Sara García, directora do Festival xunto con Ángel Sánchez, sinalou na presentación do certame que “estamos nun momento de crecemento e proxección interesantes, con moitas ganas de seguir aprendendo e ao mesmo tempo deixando atrás unha etapa, concluíndo un ciclo”.

Sara García, directora do Festival: “Estamos nun momento de crecemento, con moitas ganas de seguir aprendendo e ao mesmo tempo deixando atrás unha etapa, concluíndo un ciclo”

A sección oficial terá seis títulos, “todos eles con elementos etnográficos comúns, aínda que con moi diversas e interesantes aproximacións”. Anak Araw (Albino), de Gym Lumbera; Costa da Morte, de Lois Patiño; De Dansande Andarnas Skog (A Selva dos Espíritos Danzantes), de Linda Västrik; Manakamana, de Stehanie Spray e Pacho Velez; Ricardo Bär, de Gerardo Naumann e Nele Wohlatz; e Stop the Pounding Heart (Detén o Corazón Palpitante), de Roberto Minervini.

Ademais, o festival dedicaralle unha retrospectiva integral ao realizador mexicano Nicolás Peredaestreando en España os seus filmes máis recentes, Matar extraños e El palacio. Este novo director, de trinta e poucos anos, conta xa no seu haber con nove películas e é habitual de festivais como Cannes, Locarno ou Venecia, onde resultou premiado na sección Orizzonti en 2010 polo seu filme Verano de Goliat. O seu estilo caracterízase pola fusión entre a realidade e a ficción, co ánimo de “evocar o sentimento dun pobo enteiro”, o contraste entre o campo e a cidade, o mundo do traballo, as diferenzas entre ricos e pobres, a intimidación do exército, as relacións de parella...

O festival mantén igualmente algunhas citas paralelas que nos últimos anos se foron convertendo en sinal de identidade do evento, coma a sección dedicada a repasar os documentais galegos máis relevantes do pasado ano, ou o Play-Doc Live!, que busca establecer diálogo entre o cinema e a música, mostrando documentais con esta temática, e ofrecendo un concerto para animar a noite do sábado 5 de abril, nesta ocasión a cargo de Novedades Carminha, Sequin e Malandrómeda.

Para rematar, o Play-Doc organiza un ano máis o Laboratorio de Apuntes Fílmicos, un obradoiro que busca reflexionar sobre conceptos concretos en cada edición, convidando varios directores galegos a que filmen pezas en torno a eles. Desta volta, o concepto é a “transformación”, e sobre el traballan Eloy Enciso, Marcos Nine, Otto Roca e Ángel Santos. Ademais, a revista especializada A Cuarta Parede pon en marcha un seminario para formar a novos críticos, e presenta o seu libro Jugar con la memoria. El cine portugués en el siglo XXI, acompañando isto con tres sesións de cinema luso.

 

Primeira sesión

Despois da inauguración, que se vivirá na noite deste mércores, ao longo do xoves poderemos asistir á proxección dos primeiros filmes da sección oficial, e doutros títulos inseridos noutros ciclos e actividades. Así, están programado Ricardo Bär, un filme no que Nele Wohlatz e Gerardo Naumann seguen os pasos dun rapaz de 22 anos, na súa procura por se converter en pastor protestante nunha colonia alemá na fronteira entre Brasil e Arxentina. Tamén o filme sueco Forest of the Dancing Spirits, que conta as tradicións centenarias da tribo Iaka/Mbendiele no Congo. E O quinto evanxeo de Gaspar Hauser, de Alberto Gracia, e que abrirá a sección Cinema Galego.

Unha das edicións anteriores do Play-Doc © Play-Doc
Presentación da edición 2014 do festival © Play-Doc
Nicolás Pereda Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.