O público escolle Guezos, Skarallaos, La Tarrancha e Rimbarán para actuar no Reperkusión

Guezos © Reperkusión

O Festival Reperkusión, que se celebra este ano do 10 ao 12 de maio na Cidade dos Muchachos de Bemposta, en Ourense, abriu parte da súa programación á escolla do público. Tratábase de que a través de Facebook os seguidores do festival elixisen tres grupos entre os 39 que se presentaron á convocatoria de artistas. A resposta foi tan positiva que o festival decidiu incorporar os catro grupos máis votados, que conseguiron cada un deles máis de 1.200 votos. Son os ourensáns Guezos, creadores dunha música heteroxénea que parte do folk; os tamén galegos Skarallaos, un grupo de xente moi nova cun directo enérxico que eles chaman punkizaxe, os asturianos La Tarrancha, que mesturan ritmos xamaicanos con letras reivindicativas en lingua asturiana, e os barceloneses Rimbarán, responsables dun son divertido que denominan rimba. Únense a un festival no que destaca a presenza de Manu Chao e Fermin Muguruza, cabezas de cartel.

A resposta foi tan positiva que o festival decidiu incorporar os catro grupos máis votados, que conseguiron cada un deles máis de 1.200 votos

Á convocatoria do Festival Reperkusión para que artistas, grupos e compañías profesionais e amadoras presentasen as súas propostas para formar parte da programación de día do festival, presentáronse 39 candidaturas. Houbo unha presenza destacada da música, con grupos de todos os xéneros: rumba, reggae, folk, rock, punk, fusión, balcánica... Tamén houbo varias propostas de novo circo, clown, malabares e humor, ademais de teatro, danza e ioga da risa. A maioría chegaron de Galicia, pero tamén de Barcelona, Madrid, Euskadi, Castilla, Canarias e Asturias. Do 21 de febreiro ao 10 de marzo, os seguidores do festival votaron cos seus Gústame as súas propostas favoritas, xuntándose máis de 11.500 votos na páxina en Facebook do Reperkusión.

O festival celebrarase os días 10, 11 e 12 de maio en Bemposta (Ourense), cun cartel encabezado por Manu Chao e Fermin Muguruza, que se pechará a próxima semana coas últimas confirmacións. Ata este venres 15 de marzo é posible mercar os bonos de tres días con cámping ao prezo especial de 25 euros.

Guezos © Reperkusión
Skarallaos © Reperkusión

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.