As aventuras de Astérix non só é un título fundamental da banda deseñada europea, un clásico contemporáneo que leva décadas engaiolando a nenos e adultos cuns personaxes que hai xa moito que excederon os límites do medio para se converteren en auténtica cultura popular. Ademais, trátase dun dos poucos cómics dos que existe unha tradición de edición en galego, con máis de 20 álbums traducidos dende que en 1976 se publicaran os primeiros títulos en versión galega de Eduardo Blanco Amor. A aldea gala e os seus habitantes forman parte da paisaxe sentimental de varias xeracións de lectores galegos, o que explica o entusism0 con que foi acollida entre nós a noticia de que Xerais editaría o novo álbum do personaxe. A aposta polos irredutibles galos da editora viguesa, que se propón ademais publicar as posteriores aventuras do personaxe e reeditar material clásico, chega nun intre crucial para a cabeceira, xa que o álbum que acaba de saír do prelo, Astérix e os pictos, é o primeiro que non conta coa participación de ningún dos seus creadores, Albert Uderzo e o xa falecido René Goscinny.
O álbum que acaba de saír do prelo, Astérix e os pictos, é o primeiro que non conta coa participación de ningún dos seus creadores, Albert Uderzo e o xa falecido René Goscinny
O propio Uderzo e Anne Goscinny, filla de René, elixiron para darlles novos azos á serie a Jean-Yves Ferri, guionista de sutil vis cómica coñecido sobre todo pola serie Le retour à la terre, e Didier Conrad, debuxante que debe a súa sona a títulos como Les innommables e Tigresse blanche. Aínda que poida parecer un paradoxo, a entrada destes novos autores non trouxo consigo unha nova ollada sobre os personaxes, senón máis ben o contrario. Xa fora por indicación editorial ou por decisión propia, o traballo de ambos revela unha clara vontade de recuperar as esencias máis clásicas da serie, unha opción que posiblemente se comprenderá mellor se lembramos cal foi a evolución da cabeceira nos últimos anos. A decisión e Uderzo de continuar en solitario coas aventuras dos galos tras a morte de Goscinny só deu froitos satisfactorios nos primeiros álbums. A mediados dos anos 90 a serie entrou nunha clara decadencia, tocando fondo en 2005 con Le ciel lui tombe sur la tête, álbum que foi censurado unanimemente e co que moitos lectores entenderon que Uderzo estaba a traizoar o espírito tradicional da serie, valéndose da popularidade das súas creacións para embarcarse en absurdas vendetas persoais. Neste contexto, o retorno ás orixes que propoñen Ferri e Conrad pode interpretarse coma unha restitución, un intento de facer as paces co lector ofrecéndolle unha xenuína aventura de Astérix.
Dende o ritual paseo pola vila gala que abre o relato ata o inescusable banquete final, Ferri e Conrad percorren gran parte dos lugares comúns que se teñen convertido en sinais de identidade do título. Ben expresiva resulta a recuperación da fórmula da aventura-viaxe, utilizada de forma recorrente e con magníficos resultados dende os primeiros álbums, e que desta volta levará a Astérix e Obélix a Caledonia, a actual Escocia, onde descubrirán as peculiaridades culturais dos pictos, trabarán novas amizades e, como é costume, combaterán os romanos. No que atinxe ao apartado gráfico, unha das experiencias máis sorprendentes que ofrece este novo álbum é a de comprobar a exactitude con que Didier Conrad imita o trazo do mestre Uderzo. Traballos previos do mesmo artista permitían emparentalo co debuxante de Astérix, ademais de con outros nomes clásicos do cómic franco-belga, coma Greg ou o primeiro Frank LeGall. Mais lonxe de quedarse nunha simple influenza, o que atopamos nas páxinas de Astérix e os pictos é unha laboriosa réplica do estilo de Uderzo, que encaixa co desexo de presentarlle ao lector o Astérix máis canónico.
No que atinxe ao apartado gráfico, unha das experiencias máis sorprendentes que ofrece este novo álbum é a de comprobar a exactitude con que Didier Conrad imita o trazo do mestre Uderzo
É certo que, na procura da coherencia co pasado da cabeceira, Ferri e Conrad agochan a súa propia personalidade e asumen convencións alleas, mais iso non lle resta méritos ao seu labor. Coido que debe salientarse a perfecta caracterización de todos os personaxes que circulan polas páxinas do álbum, comezando pola parella protagonista, que os autores retratan máis aló do tópico, cun perfecto coñecemento do seu pasado e chegando a acadar momentos especialmente inspirados. E o mesmo acontece cos habitantes da aldea gala, secundarios clásicos aos que Ferri e Conrad conceden unha extensa participación nas primeiras páxinas do álbum.
Sen posuír a maxia das mellores historias da cabeceira, Astérix e os pictos revélase coma un traballo consistente, que reúne todos os ingredientes que debe conter toda boa aventura de Astérix e do que poderán gozar tanto os vellos afeccionados coma os novos lectores. O álbum trae de volta a dous Astérix, o Astérix clásico e o Astérix que fala galego, un retorno dobre que merece ser celebrado.