O Reperkusión pecha o seu cartel, encabezado por Manu Chao e Muchachito

Unha imaxe da edición 2013 do Reperkusión © Brais Seara

O Festival Reperkusión celebrará a súa 12ª edición na Cidade dos Muchachos de Bemposta, en Ourense, os días 11, 12 e 13 de xullo. Como ven sendo habitual no festival, será unha fin de semana completa, con actividades de día e de noite que non deixarán un momento para o aburrimento. Os abonos para os tres días de festival teñen un prezo de 20 € máis gastos de xestión, ou 25 €, se é con acceso á zona de acampada.

O cartaz está encabezado por Manu Chao na xornada do sábado 12 e pola rumba rockeira de Muchachito y sus compadres o venres 11

Como en anos anteriores, só son de pago os concertos de noite no escenario principal. O resto da programación da xornada é de balde: concertos no escenario de día, pasarrúas, circo, obradoiros, olimpíada de malabares, mercado de artesanía... unha ampla programación o venres pola tarde e o sábado e o domingo mañá e tarde.

O programa deste ano dá boa conta da mestizaxe cultural que caracteriza o festival ourensán. O cartaz está encabezado por Manu Chao na xornada do sábado 12 e pola rumba rockeira de Muchachito y sus compadres o venres 11. Tamén soarán no escenario principal do Reperkusión o techno swing nacido en Berlín dos Dirty Honkers, o ska afro reggae e rumba fresca das rúas de Barcelona a través de Dani Lança, o garage-punk desenfadado dos Terbutalina, a elegante mestura de drum & bass e world music dos N.O.A.H, a enerxía dos ritmos do mundo de Kimbala, os ritmos frenéticos de Cuchufellos, os grooves de gran formato de Funkombo e a selección de ritmos globais para bailar sen descanso de Hadri H + Friends. Ademais, este luns vén de pecharse o cartaz do festival coa incorporación de A Banda de Andrelo, The Turre’s Band, Os Bi-Chis, que recuperan os grandes éxitos discotequeiros dos anos 70, e tamén os vallisoletanos Curioso Periplo.

Só son de pago os concertos de noite no escenario principal. O resto da programación da xornada é de balde: concertos no escenario de día, pasarrúas, circo, obradoiros, olimpíada de malabares, mercado de artesanía...

Ademais, o público do Reperkusión elixiu a través das redes sociais as súas tres propostas para a programación do Festival: o punk mestizo dos lugueses Colectivo Bomba, o teatro tarantiniano de 8mm e a fusión transformadora dos canarios Kuarembó. O festival abriu por segundo ano consecutivo parte da súa programación á escolla do público, ofrecéndolles aos seus seguidores a posibilidade de elixir a través de Facebook tres grupos entre os 34 que se presentaron á convocatoria de artistas para a programación de día. E, un ano máis, a resposta do público desbordou todas as expectativas da organización: cada unha das tres propostas gañadoras colleitou uns 2000 votos e, en total, xuntáronse preto de 13.000 gústames.

Ao igual que en edicións anteriores, o circo tamén será protagonista © Brais Seara
Concerto de Manu Chao © Brais Seara

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.