O S8 inaugúrase coa estrea de La Brecha, do arousán Marcos Nine

Alberte Pagán, Ángel Rueda e Marcos Nine © (S8)

A Mostra de Cinema Periférico da Coruña deu comezo ás súas actividades esta mañá no Centro Cultural Ágora. O S8 ofrece este xoves a estrea europea da película La Brecha do cineasta galego Marcos Nine, e anuncia para este venres a presenza por primeira vez en España de Lewis Klahr, un dos máis recoñecidos creadores da animación contemporánea en EEUU, que estreará a longametraxe The Pettifogger.

O director do (S8) Mostra de Cinema Periférico da Coruña, Ángel Rueda, definiuno como “un verdadeiro encontro de cineastas” e augurou un gran futuro para o cinema que “é un adolescente que está a buscar o seu oco”. Despois do acto de inauguración tivo lugar unha mesa redonda, na que se presentou o Ciclo Sinais coa participación dos cineastas protagonistas Marcos Nine, que estrea esta noite a súa primeira longametraxe La Brecha, e Alberte Pagán, a quen se lle dedica unha retrospectiva, e que esta tarde proxectará tres dos seus filmes e manterá dous encontros co público. Así mesmo, tamén asistiron José Manuel Sande, responsable de programación do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) e Verónica Ortiz da Cineteca de México.

Anúnciase para este venres a presenza por primeira vez en España de Lewis Klahr, un dos máis recoñecidos creadores da animación contemporánea en EEUU, que estreará a longametraxe The Pettifogger

Marcos Nine relatou o proceso de creación do proxecto La Brecha xunto a Rodrigo Losada. Esta coprodución galego-arxentina multidisciplinar rompe cos vicios do oficio e busca novas fórmulas de creación. Tras participar con gran éxito no BACIFI 2012 de Bos Aires, a película de Nine realiza a súa estrea europea no (S8). Con este filme, o cineasta galego chama a cuestionarse “o que o que se supón que debemos facer, o mundo obrigarnos a cumprir un estándares pero non nos estimula a probar novas cousas, a abrir novas vías”.

Para o cineasta “estrear no (S8) supón presentar o proxecto en casa, nun lugar onde se ha ir seguindo o noso proceso de traballo desde o inicio”, xa que acolleu na súa pasada edición un taller infantil dos seus autores, La Brechita, e é que a Mostra “é un lugar chamado a ser o punto de encontro do cinema que se fai á marxe de convencionalismos”, manifesta Nine. La Brecha abrirá ademais o seu baúl no (S8) para mostrarnos a súa Instalación interactiva, un taller itinerante con bidóns cheos de líquidos corrosivos, colectores plásticos con lixo orgánico, bases para golpear, rasgar e plásticos para fundir...

Entre as restantes actividades do festival destaca a proxección de La Cuadrilla antes da Cuadrilla (1981-1986): de la canallada punk al cinema familiar, onde se proxectarán os primeiros traballos rodados en Super 8 de Santiago Aguilar, Luís Guridi e Raúl Barbé. Así mesmo, haberá que estar atentos á retrospectiva dedicada ao máximo expoñente do cinema-arte, Peter Kubelka.

Imaxe da mesa redonda que abriu a mostra © (S8)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.