O teatro, "arma de organización masiva"

Cartaz dos María Casares © AAAG

O teatro como "arma de organización masiva" que sirva para "buscar un final feliz no que os bos e xenerosos cobren e os malos paguen". A escena galega será definida deste xeito no Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro deste 2014. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia encomendoulle ao xornalista e escritor Camilo Franco a redacción desta reivindicación profesional e artística, que será proclamada o vindeiro xoves no marco da gala dos premios María Casares.

"Agora que o mundo é tan teatral, o teatro debería ser obrigatorio", reflexiona Franco, elixido para este labor "pola súa traxectoria no eido do xornalismo, cuxo traballo representa o esforzo profesional de todos os comunicadores culturais de Galicia, cuxo traballo serve de ponte entre a actividade teatral e o público", di a AAAG. Para o xornalista, "agora que todo o mundo, dende a policía aos xuíces, dende os banqueiros aos presidentes do Goberno, están decididos a dar espectáculo en lugar de facer o traballo polo que cobran, é o momento de reivindicar o teatro como escola, como praza, como medida, como referencia".

"Agora que todo imita os escenarios tentando facer pasar por comedia os padecementos, que pode haber máis importante que o teatro?"

O manifesto, centrado na importancia do teatro "como espazo de defensa e reflexión nunha época de urxencia social", sitúa o labor escénico como un "espello imprescindible" para a cidadanía. "O teatro di que somos malos, capaces de querernos moi mal e de matarnos moi ben" e tamén "máis dispostos á crueldade que a razoar", tamén "dispostos á violencia, incluso á dos sacrificios heroicos", di Camilo Franco, para quen "é tempo de mirar ese espello, de observar atentamente o teatro e aprender". "Agora que todo imita os escenarios tentando facer pasar por comedia os padecementos, que pode haber máis importante que o teatro?", pregunta.

Os María Casares entréganse o vindeiro xoves

A lectura do manifesto será un dos puntos centrais da cerimonia dos María Casares, que tamén servirá para renderlle tributo a Xosé Manuel Olveira, Pico, a quen se lle concede o Premio de Honra Marisa Soto como homenaxe póstuma. Na gala entregaranse os galardóns das trece categorías dos premios entre unha lista de nomeamentos nos que destaca Eurozone con 12 posibles premios. O home almofada, con seis nomeamentos, e Bye Bye honey e As do Peixe, con cinco, son as seguintes montaxes con máis nomeamentos.

Camilo Franco © AAAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.