"O teatro, ou é revolucionario, ou non é. Outra cousa é que consiga o que pretende"

Afonso Becerra © Marta de Sinllán

O íntimo é político. Non hai revolución, nin loita de clases, sen comezar pola vida cotiá. Iso di Textículos dramáticos e posdramáticos (Laiovento), o novo libro do dramaturgo, profesor e director de escena Afonso Becerra. Un monllo de pezas breves que dá continuidade á súa anterior obra, Dramatículas. Unha proposta feminista, galeguista, contraria ao heterosexismo. Falamos co seu autor.

“A min máncame ter que empregar o íntimo como contestación social”, dise nun dos textos. E ten bastante que ver co sentido de todo o libro…

Non é que o libro sexa só iso, pero detrás del si hai esa intención xeral. Ten que ver con que as verdadeiras revolucións teñen que ver coa xente de a pé, coas revolucións micropolíticas que poden acabar salpicando o social. Este é un libro sobre o común. E cando pos o foco sobre o común pode transformarse, mostrarse como algo extraordinario. Nun encontro que pode ser casual atopas elementos fundamentais na relación entre as persoas, que é o que ao final é política: a maneira en que nos relacionamos con nós mesmos e respecto dos demais.

"Este é un libro sobre o común. E cando pos o foco sobre o común pode transformarse, mostrarse como algo extraordinario"

Dis no limiar que os “textículos” son órganos exentos de testosterona. Nun libro no que a maioría das personaxes non teñen xénero asignado.

É un libro contra o heterosexismo, o machismo e tamén o españolismo. ‘Fashion victim’ e ‘Womanizer’, que é o título dunha canción de Britney Spears, son títulos representativos do que é o capitalismo. ‘Womanizer’ está baseado no que vexo en Vigo cando quedo coa miña amiga María Xosé Queizán para tomar algo: mozas con minisaia, con tacóns e con escote pasando frío en decembro, sentadas na rúa. Di María Xosé que, pobriñas, que parvas son que teñen que pasar frío para sentirse guapas e eu creo que ten razón. En ‘La vie en rose’ hai dúas mulleres lesbianas, suponse que emancipadas, aínda que a unha vaille ben que parezan amigas e a outra di que lle amola ter que usar a súa intimidade como maneira de contestación social, porque están fóra da norma heterosexista. ‘Fashion victim’ fala, como ‘Womanizer’, de que hoxe para ser moderno, ou cosmopaleto, segundo se vexa, tes que facer bookcrossing, ou ter un Galicia Escena Pro, ou “showcases”, que parece que non temos palabras nosas para chamarlle ás cousas. Todos os títulos en inglés ou en francés teñen ese ton irónico.

"Hai xente que está nunha compañía de teatro, que traballa en galego pero ao baixar do palco fala castelán. É esa cousa de Dr Jekyll e Mr Hyde que temos aquí, que é moi rara. Eu vexo unha sociedade como un pouco psicótica, con moita pose"

Defínelo, de feito, como un libro feminista e galeguista. Que queres subliñar a respecto do tema do galego?

Pois tamén é algo que vexo. Hai xente que está nunha compañía de teatro, que traballa en galego pero ao baixar do palco fala castelán. É esa cousa de Dr Jekyll e Mr Hyde que temos aquí, que é moi rara. Vivín 10 anos en Cataluña e alí non era así. Eu vexo unha sociedade como un pouco psicótica, con moita pose. O libro vai sobre como o íntimo é político e este é un dos exemplos. Este verán Teresa Moure escribiu no seu facebook que quen fale de revolución e de loita de clases sen se referir á vida cotiá, sen entender o que o amor ten de subversivo, ten un cadáver na boca. E eu estou de acordo. O meu libro son situacións, a maioría delas, que parten de cuestións moi comúns e moi íntimas. Son textos pegados á relación entre as persoas. Non o distanciamento de Brecht, senón máis ben Ibsen. O individual é político. Iso está en ‘La vie en rose’, da mesma maneira que está presente no libro a homosexualidade. Porque teño vontade de que a homosexualidade estea representada na dramaturxia galega. O modelo heterosexista domina tamén os palcos do teatro galego. Hai poucas excepcións, como ‘Neuras’ de María Xosé Queizán.

"Eu escribo para a realidade na que vivo. E o queer en Galicia non o vexo moito na rúa. Na rúa, ou na Escola, eu vexo machismo e heterosexismo"

O libro reivindica o feminismo, o LGBT e o queer, que non sempre casan ben entre si. En ‘La vie en rose’ fálase do queer, de estar alén das etiquetas de xénero.

Eu teño amigos en Barcelona que si teñen unha vida que segue a filosofía queer, que está dentro deses parámetros. É xente á que quero e que respecto e, si, é un universo fascinante, que vai máis alá dos binomios de home/muller; hetero/homo… Pero eu escribo para a realidade na que vivo. E o queer en Galicia non o vexo moito na rúa. Na rúa, ou na Escola, eu vexo machismo e heterosexismo. No ximnasio, por exemplo, vexo homes exhibindo a súa virilidade. Ás mulleres xa vos educan, por exemplo, para que vos gusten os tacóns. E, claro, eu pregúntome ata que punto estamos presos de todo iso. Todo iso está presente no cotián, é conflito. E para iso nace o teatro, para resolver conflitos.

Con iso ten relación o tema de que non lles pos nomes ás persoas que falan nos textos. Son A, B, 1, 2…

Iso é unha maneira de renunciar ás identidades e deixar o impulso á acción. E é así na maioría dos textos do libro, agás ‘Womanizer’ ou ‘9999’, que son textos realistas. Tamén en ‘Oxitocina’, que tenta darlle a volta ao mito de Pigmalión, que é o de ‘Pretty woman’. Porque repítense os mesmos mitos. Poden ser dous homes ou dúas mulleres, que iso non garante que sexa unha parella igualitaria.

"Son textos que bucan ser lidos, estar na mente do lector, pero o que máis desexan é subir a un escenario de teatro"

Este libro é como unha segunda parte de Dramatículas (Laiovento, 2010). Con el reivindicas que brevidade da letra, do texto, non é a brevidade teatral, porque a brevidade pode medrar en múltiples accións escénicas. Por que?

Xa desde o título, Textículos dramáticos e posdramáticos, se fai referencia ao que é. O texto non é o centralizador da acción escénica, non centraliza o sentido do espectáculo. Son textos que bucan ser lidos, estar na mente do lector, pero o que máis desexan é subir a un escenario de teatro. Nas pezas de teatro posdramático, que son ‘Oxitocina’, ‘Teoría e práctica da discreción’, ‘É un dicir’, ‘Ti e un té’, o texto non centraliza o sentido, senón que é un material máis a integrarse na coreografía, a iluminación, a música, os obxectos… ‘Oxitocina’, por exemplo, imaxínoa como unha peza de danza, co texto por exemplo proxectado ou dito cunha voz en off. Neste tipo de textos a lóxica que funciona é máis asociativa que causal. E isto é outra cousa que na dramaturxia galega boto en falta. Eu fíxeno en ‘Crioxénese’, que é un texto que pasou desapercibido. Se te fixas, o teatro posdramático está marxinado nas programacións. O que se programa son pezas con historia e personaxes. Hai programadores que pensan que o espectador galego é parvo, que non vai entender unha peza posdramática. E iso non ten sentido. O teatro ten que vibrarte. Para contar historias é mellor o cine ou a novela. O teatro é empatía, comunicación enerxética, como dicía Artaud. De teatro posdramático falo tamén no último dos textos, ‘É un dicir’, que é teatro da teoría, como xa o era o último de ‘Dramatículas’. É un xeito de teatralizar a teoría.

"Este é un libro contra os encasillamentos: dos homes, das mulleres, das parellas… E na nosa sociedade hai palabras tabú"

En ‘É un dicir’, alguén di xogar coa nación para erguer suspicacias. Por que?

Este é un libro contra os encasillamentos: dos homes, das mulleres, das parellas… E na nosa sociedade hai palabras tabú. Escribo en facebook a palabra nación e hai alguén que me escribe nazionalista, como se fose nazi. Hai conceptos cos que hai problemas se os soltas en determinados ámbitos. Nación, galeguismo… Nunha suposta democracia, a liberdade para dicir certas cousas é relativa. Por exemplo, eu non entendo que se poida levar anos sendo profesor en Galicia e non aprender galego. Para min é unha cuestión básica de integración cultural. Pois con iso tamén teño que ter coidado se o digo. E iso pasa porque non temos un Estado. Se o galego fose a lingua dun Estado sería máis respectado. E o teatro está para entreter e para facernos máis humanos, para enfrontarnos cos conflitos.

Ademais, os “textículos” son pezas breves. Ves no microteatro galego propostas máis innovadoras e arriscadas?

Pois a verdade é que non. Hai dramaturxias breves que son auténticas alfaias, como as de Beckett por exemplo. Son unha auténtica delicia que desafía as túas concepcións teatrais. E iso é outra cousa que reivindico para o noso teatro.

"Aos políticos non lles interesa o teatro porque normalmente é contestatario, analiza o que pasa, é un acto asambleario, público"

Hai moitos anos que se fala do mal que está o teatro e agora é aínda peor. Cal é o problema de fondo das políticas teatrais?

Pois que o teatro non é unha industria, non pode ser economicamente rendible. É arte e servizo público e non industria. Non é un produto de consumo. Mais o problema é, no fondo, político. Os políticos son os representantes do pobo. O pobo non pide teatro e vota os políticos que temos, -con todos os matices que poidan mencionarse-. Aos políticos non lles interesa o teatro porque normalmente é contestatario, analiza o que pasa, é un acto asambleario, público. É o que di Jean Vilar. O teatro é un acto de emancipación das persoas. Como di Vilar, é un servizo público que hai que ofrecer a todo cidadán de modo accesible. Como o teatro non vai ser rendible, está suxeito aos avatares do público. En Estados Unidos non é público, pero hai mecenas. Aquí a época da filantropía pasou e o teatro quedou sen apoios. E isto está cada vez peor porque temos gobernos de dereitas. Os orzamentos de Agadic para o teatro son ridículos. A París e a Panorama si moven masas e teñen uns prezos que non ten ningunha compañía teatral. E o que fan é alimentar que a xente vote o que vota, cunha estética totalmente de dereitas.

Sobre iso causaches no seu momento un debate nas redes sociais. Ten o teatro galego, en xeral, unha estética de dereitas, segundo dixeches?

Eu vexo moito teatro e moitas veces penso que o que me entra polos ollos reproduce estilos vinculados ao conservadorismo. E non me refiro a manter a tradición, senón a unha estética casposa. Tampouco quero xeralizar, mais se observas como se moven os actores, como se relacionan, que deseño de personaxes se fai, que tipo de historias e temáticas se escollen… ves estéticas de dereitas. Angélica Liddell xa foi estrear a súa última obra a Francia, porque para o que hai en España… Ela é unha persoa que choca, pola súa maneira de estar no mundo.

"O bo teatro é un acto de amor e de xenerosidade. Consegue que entendas mesmo ao malo”

O amor como feito subversivo nunha auténtica loita de clases. Tamén está iso no libro, como dicías ao principio.

Eu teño claro que o bo teatro ou é revolucionario ou non é. Outra cousa é que consiga o que pretende. Pero eu, se vexo un bo espectáculo, non saio igual que entrei. O bo teatro é un acto de amor e de xenerosidade. Consegue que entendas mesmo ao “malo”. Que é o que consegue Shakespeare. O teatro é encontro, amor, e iso é un feito revolucionario. 

Tamén hai bastante sexo no libro. Como en ‘Fashion victim’, con ese xiro tan irónico.

Esa é outra cousa que boto de menos na dramaturxia. O sexo está todo o tempo na sociedade, a todos nos afecta e nos toca. Nas relacións sexuais descubrimos cousas de nós mesmos. Tamén é un modo de explorar o que somos. Un bo encontro amoroso non pode levar guión. Igual que no bo teatro. É como os Hombres Bisagra, a última obra de Matarile. Tes a sensación de que todo se está a facer no instante, diante de ti. Aínda que está ensaiado, claro. É esa sensación que abrolla, que te atrae e seduce. O pracer, o encontro. A transgresión, como en ‘Fashion victim’. Contra o decoro burgués. Di Augusto Boal que todo o teatro aristotélico, -o que ten introdución, nó e desenlace-, é moralista e conforme ao decoro burgués. E neste libro hai vontade de chocar con iso.

De sedución tamén falas, mais noutro sentido, en ‘9999’. A sedución que é técnica de marketing. Mentira. Roubo.

É a idea de que todo é pose. ‘9999’ está baseado nun caso real, dunha persoa que coñezo que foi estafada polas preferentes. O das participacións preferentes foi un roubo legal que se realizou con total impunidade. Pasolini fala da razón burguesa, que serve para establecer o poder, un poder que á súa vez serve para o lucro. Unha razón que instrumentaliza a intelixencia a favor do lucro. ‘9999’ si é unha peza realista, e aristotélica na súa estrutura.

"Nomes como os de Clara Gayo, Vanesa Sotelo, Eva Ferreira, Marta Pérez... , fanme pensar que son as mulleres as que están a facer propostas máis arriscadas no artístico e no temático"

Tes dito que son as mulleres, a maioría das veces, as que están a facer as propostas máis arriscadas en dramaturxia. Por que?

Eu creo que en Galicia si. Só hai que ver a programación do FITO. A directora, Ánxeles Cuña, é boa programadora. Foi, de feito, a primeira que programou teatro posdramático no Centro Dramático Galego, cando o dirixía. Nomes como os de Clara Gayo, Vanesa Sotelo, Eva Ferreira, Marta Pérez... , fanme pensar que son as mulleres as que están a facer propostas máis arriscadas no artístico e no temático. Creo que, de xeito panorámico, pode afirmarse que é así. María Armesto tamén aposta por aí, como a directora da nova compañía Aporía Teatro, Diana Mera.

"Cando dis que algo é teatro posdramático o único que afirmas é que é dramaturxia non fabular, que non ten unha historia, que non somete a acción á representación dunha historia"

E o do teatro posdramático non pode acabar sendo tamén unha etiqueta, e mesmo algo de pose?

O teatro posdramático é un paradigma moi amplo, que abrangue unha enorme cantidade de formas e de estilos, moi variados e en constante evolución. Non é unha etiqueta pechada. Cando dis que algo é teatro posdramático o único que afirmas é que é dramaturxia non fabular, que non ten unha historia, que non somete a acción á representación dunha historia. Para min é unha etiqueta que funciona ben.

E onde estás na foto do libro?

Na praia á que vou sempre. Non hai, que eu saiba, outra foto de lapela na nosa literatura co autor completamente nu. É un xogo co título, tamén. Ademais, hai textos que escribín na praia. A idea é romper coa imaxe típica do autor, ben vestido. O típico retrato. Poñer en pelotas o autor dun libro que se chama textículos…

Afonso Becerra © Marta de Sinllán
Capa do libro © Laiovento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.