Xosé Abad está presentando o seu máis recente documental, A pegada dos avós, un filme que afonda nas historias e nas vidas de varios represaliados galegos polo franquismo, pero coa novidade de que o relato está contado, en certa maneira, a través dos ollos dunha xeración moi afastada do sucedido naquelas décadas. Son un grupo de adolescentes, estudantes dun centro de secundaria da Coruña, os que entran en contacto cos protagonistas, investigan sobre a súa vida e reflexionan sobre os acontecementos que viviron.
A ollada nova destes rapaces e rapazas axuda a achegar as historias cara ao presente, como lembranza de que moitas desas feridas nunca se borraron ou foron pechadas en falso: "O termo de memoria histórica está mal aplicado, porque é un asunto de actualidade. E con esta revisión que fan os rapaces e as rapazas, deixan claro que é un asunto de actualidade e que aínda está por resolver", destaca Xosé Abad, que xa en 2009 fixera con O segredo da Frouxeira unha intensa aproximación á Guerra Civil e a posterior represión.
"O termo de memoria histórica está mal aplicado, porque é un asunto de actualidade. E con esta revisión que fan os rapaces e as rapazas, deixan claro que é un asunto de actualidade e que aínda está por resolver"
No filme cóntanse as historias, por exemplo, de Mariquiña Villaverde, cuxo pai foi "paseado", ou a de Gabriel Toimil, fillo de Amada García, fusilada xusto despois de traelo ao mundo. Tamén se poden ver entrevistas a Baltasar Garzón, Manuel Rivas, o presidente da CRMH Fernando Souto e o historiador Emilio Grandío. A experiencia non deixou indiferentes os mozos e mozas: "Cada un ten a súa historia e cada tivo reaccións distintas, pero creo que en xeral a todos lles impactou moito todo o que estaban investigando e a reacción común a todo foi a de 'como podía eu vivir ignorado todo isto que sucedeu aquí?'", destaca Abad. "Cando pasaban polo lugar no que foi fusilada a nai de Gabriel Toimil, no Castelo de San Felipe, pensaban: 'cantas veces teño pasado eu por este lugar e non sabía nada?'". "Os rapaces van medrando en coñecemento, van medrando politicamente, algo que nin remotamente pensaran antes", engade e conclúe: "o documental sorprende e tamén anima, porque achega unha nova ollada sobre un tema que parecía que querían enterrar, pero que queda demostrado que non se pode enterrar".
O filme, que se estreou antes do nadal na Coruña, poderá verse este venres a partir das oito da tarde na Fundación Novacaixagalicia de Ferrol, nun acto organizado pola Asociación Memoria Histórica Democrática e por Fuco Buxán. Será o comezo dunha xeira de proxeccións que o levarán por todas as cidade galegas e, posiblemente, Madrid e Barcelona. Un camiño que completará un longo proceso de produción que tivo que superar moitos obstáculos e pelexar por acadar o financiamento necesario.
"O documental sorprende e tamén anima, porque achega unha nova ollada sobre un tema que parecía que querían enterrar, pero que queda demostrado que non se pode enterrar"
Hai ano e medio dábamos conta en Praza da campaña de crowdfunding que finalmente recadou máis de seis mil euros que, xunto co esforzo de todas as persoas que realizaron o filme (que deixaron moitos salarios sen cobrar) permitiu chegar a este resultado final. "Unha película coma esta é custosísima, e nunca recuperaremos o tempo e os cartos que investimos, a través da capitalización dos nosos salarios", salienta Xosé Abad, que afirma que con O Segredo da Frouxeira e A Pegada dos Avós pechou "un ciclo" e que, polo momento, non pensa en facer ningún outro traballo sobre a guerra civil. "Será moi importante o desenvolvemento que poida ter esta película, que creo que se pode estender moi ben, a través do boca a boca. É importante para que se espallen todas as cousas que se contan no filme, e tamén para pagar algúns soldos ás persoas que traballaron nel", di.