O torques de Burela e outras valiosas pezas marchan do Museo de Lugo

Torques de Burela CC-BY-SA Luis Miguel Bugallo Sánchez (Lmbuga)

A valiosa colección que Álvaro Gil lle cedeu hai décadas ao Museo Provincial de Lugo marchou este xoves nunha furgoneta. Trátase, sobre todo, dun conxunto de corenta pezas de ourivería prerromana, ademais de cadros e outros materiais, e entre elas atópase o Torque de Burela, o máis grande dos torques atopados en Galicia.

Os herdeiros de Álvaro Gil levan anos reclamando a propiedade dunhas doazóns realizadas entre 1955 e 1980 e que consideran "cesións temporais". En 2009 un xulgado de Lugo emitiu unha sentenza que obrigaba a Deputación a devolver a colección, sentenza que foi ratificada pola Audiencia Provincial en 2010 e polo Tribunal Supremo hai unhas semanas. A familia criticaba que as pezas, polo seu valor, non contasen cun seguro específico ante posibles roubos.

Dende a Deputación chegouse a ofrecer case tres millóns de euros pola colección (2,3 millóns polas pezas e 600 mil euros polos custes do xuízo), pero a familia rexeitou a oferta

Mentres, dende a Deputación chegouse a ofrecer case tres millóns de euros pola colección (2,3 millóns polas pezas e 600 mil euros polos custes do xuízo), pero a familia rexeitou a oferta. Este mesmo xoves Mario Outeiro, delegado de Cultura da Deputación, acusou a familia de "incumprir a súa palabra", ao tempo que aseguraba que a oferta económica seguía vixente "pero non sei por canto tempo". Descoñécese o futuro da colección, aínda que nalgúns momentos se comentou que podería rematar no Museo de Pontevedra.

O colectivo Lugo Monumental difundiu un comunicado no que lle pide aos descendentes de Álvaro Gil que "reconsideren a súa decisión e que poñan os intereses da cidade e o respecto á vontade do mecenas por riba de cuestións económicas"

O colectivo Lugo Monumental difundiu un comunicado no que lle pide aos descendentes de Álvaro Gil que "reconsideren a súa decisión e que poñan os intereses da cidade e o respecto á vontade do mecenas por riba de cuestións económicas". E salienta que as pretensións económicas da familia "están fóra de lugar neste momento". De igual xeito Manuel Gago amosa no seu blog a súa preocupación: “O asunto é terrible, é gravísimo, outro golpe máis en xeral ao noso estado de ánimo, e o que me abraia é que isto non estea no debate público. Imaxinen que levan o tesouro de Recesvinto do Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid, a Victoria de Samotracia do Louvre, o busto de Nefertiti do Neues Museum ou as cartas de Vindolanda do British Museum". Con independencia de razóns legais e éticas, isto nos debe facer reflexionar e, sobre todo, debe facer pensar en como deben ser recuperados para Galicia estas valiosas testemuñas da nosa Historia”.

A Consellaría de Cultura iniciou esta semana os trámites para a declaración da colección como Ben de Interese Cultural (BIC)

A Consellaría de Cultura iniciou esta semana os trámites para a declaración da colección como Ben de Interese Cultural (BIC), abrindo un período de información pública, cun mes de prazo, para que os afectados por esta decisión presenten alegacións ante Patrimonio. A Xunta defende que estas 44 pezas constitúen unha "fonte única de coñecemento histórico para o estudo da tecnoloxía destes períodos cronolóxicos en Galicia". E engade: "de aí a importancia de que a cidadanía galega poida ter acceso a estes exemplares de xoiería para a súa consulta, estudo, coñecemento e enriquecemento cultural".

A Asociación Cultura do País vén  de iniciar unha campaña para instar as institucións "a que inicien o proceso expropiatorio do Torques de Burela e o resto da colección de Álvaro Gil" baixo o lema "É do Pobo Galego!"

A Asociación Cultura do País vén  de iniciar unha campaña para instar as institucións "a que inicien o proceso expropiatorio do Torques de Burela e o resto da colección de Álvaro Gil" baixo o lema "É do Pobo Galego!". A entidade sinala que "o feito de que legalmente a colección pertenza aos herdeiros de Álvaro Gil non lexitima moralmente a adquisición en orixe duns tesouros legados polos antergos de todos os galegos e galegas. Considérase inaceitábel que o Torques de Burela e o resto da colección estea a único dispor e goce privativo de persoas privadas nun lugar descoñecido, mais que con toda probabilidade será fóra das fronteiras galegas". E engade que "a nacionalización mesmo é posíbel que culminase con unha indemnización cuantitativemente inferior ao prezo que se ten ofrecido até o momento e que tan irresponsabelmente teñen rexeitado os seus propietarios legais"

 

O legado de Álvaro Gil, en perigo

Álvaro Gil Varela estivo vinculado durante a Segunda República ao Partido Galeguista. Estivo encarcerado durante a Guerra Civil no campo de concentración da Illa de San Simón

Álvaro Gil Varela foi un empresario e filántropo, vinculado durante a Segunda República ao Partido Galeguista, doutor en Ciencias Naturais pola Universidade de Berlín, e enxeñeiro de Montes. Estivo encarcerado durante a Guerra Civil no campo de concentración da Illa de San Simón, e foi desposuído dos seus títulos académicos. Máis adiante, xa durante a ditadura, entrou en contacto coa empresa Zeltia, na que ocuparía cargos directivos. Entre 1955 e 1980 realizou numerosas doazóns ao Museo Provincial de Lugo, entre as que se contan obras pictóricas e pezas de incalculable valor, como o Torque de Burela e o Carneiro alado de Ribadeo, ademais de brazaletes, arracadas e pulseiras de ouro de tradición celta.

No caso concreto do Torque de Burela, a peza, que pode datarse aproximadamente entre os séculos III e o II a. C., foi atopada por casualidade por un labrego no ano 1945 no castro de Burela, no lugar do Chao de Castro, e pertenceu á Colección Blanco-Cicerón, da que pasou á de Álvaro Gil. Trátase dunha peza de 211 mm de diámetro e 65 mm de lonxitude dos remates, cun peso de 1.812 gramos de ouro de boa calidade (23 quilates), peso moi por enriba do peso medio que adoitan ter os torques castrexos, uns 500 gramos. Nun primeiro momento fora desprezado xa que pensaban que se trataba dunha asa dun caldeiro.

Torques de Burela CC-BY-SA Luis Miguel Bugallo Sánchez (Lmbuga)
Imaxe da campaña da asociación 'Cultura do País' Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.