O turismo cultural perde peso en Galicia

Visitantes estranxeiros e españois a Galicia por motivos culturais Dominio Público Praza Pública

O turismo cultural vai a menos en Galicia. Así o reflicte a evolución nos últimos anos do número de visitantes, segundo os datos do propio Ministerio que veñen de ser recompilados e analizados polo Observatorio da Cultura Galega, dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). O informe presenta cifras recentes (ata 2013 e nalgúns casos ata o propio 2014) da Enquisa de Turismo Cultural do MECD, da Oficina de Acollida de Peregrinos e do Instituto Galego de Estatística (IGE) que, en conxunto, debuxan un panorama de estancamento ou descenso.

Estas cifras contrastan cos datos globais sobre o número de turistas que chegan a Galicia, que entre xaneiro e outubro de 2014 rexistrou un crecemento do 7.6% con respecto ao mesmo periodo do ano anterior. Pero a realidade é que o número de estranxeiros e estranxeiras que visitan Galicia creceu entre 2003 e 2013 tan só un 14%, por debaixo do incremento medio no conxunto do Estado (19%) e moi por debaixo doutras comunidades do norte, como Asturias (+66%), Cantabria (+30%) ou Euskadi (+52%). O número de visitantes españois permanece estancado, segundo os datos do INE.

Entre os turistas estranxeiros que en 2013 visitaron Galicia (algo máis de 800 mil), tan só 432 mil realizaron algunha actividade cultural, unha cifra semellante á dos tres anos anteriores, pero moi inferior á que se rexistraba en 2007 ou 2008, cando superou os 634 mil. O número total de visitantes de fóra de España mantense estabilizado, pero segundo as cifras do Ministerio, cada vez veñen menos a Galicia buscando cultura. O turismo cultural baixa en Galicia, mentres crece no resto de España. De feito, en 2013 bateuse un récord con 33 millóns de visitantes culturais. Galicia só recibe o 1,3% do total de turistas culturais estranxeiros que chegan a España.

En canto ao gasto que estes viaxeiros realizan, este mantense estancado nos datos globais. Pero un incremento do gasto medio por persoa, que pasa dos 917 euros de 2007 aos 1.298 euros actuais, compensa a redución de visitantes. De feito, Galicia é a cuarta comunidade na que os turistas culturais gastan máis por persoa.

O mesmo se pode dicir dos turistas chegados do resto do Estado. O número de persoas que viaxaron a Galicia "por motivos culturais" en 2013 (351 mil) sitúase lonxe da marca acadada durante o último ano Xacobeo, celebrado en 2010 (577 mil), pero está tamén por debaixo das cifras de 2011 e 2012, e tamén das anteriores a 2010. Se neses anos o 6% das viaxes realizadas a Galicia tiñan un motivo cultural, agora esa porcentaxe non chega ao 5%. Por comunidades autónomas, Galicia ocupa o sexto lugar segundo o número de turistas culturais españois recibidos, por detrás de Andalucía, Cataluña, Madrid, Castela e León, Aragón e Castela-A Mancha. O gasto destes visitantes non deixa de descender dende o seu máximo en 2010, cando deixaron en Galicia 228,5 millóns de euros. En 2013 a cifra total foi de 122,2 millóns, inferior mesmo á dos anos 2007 e 2008, cando superaba os 160 millóns.

Tamén descende o número de galegos e galegas que realizan viaxes culturais no interior da Comunidade. Se en 2007 roldaban os 600 mil, o pasado ano a cifra foi de 315 mil. O gasto total, 150 millóns de euros, é tamén moi inferior aos 244,9 millóns de hai seis anos.

  2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013
Total (en miles) 634,5 634,4 488 404,7 463,6 440 432,6
% ao total de España 2 2 1,8 1,5 1,6 1,4 1,3
% ao total de turistas internacionais en Galicia 61,6 68 64,1 58,7 54,5 51,5 51

Turistas extranxeiros que realizan actividades culturais na súa estadía en Galicia. Fonte: MECD

  2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013
Total (en miles) 499,8 550,1 488 577,1 536,8 491,5 350,7
% sobre o total de viaxes a Galicia 5,8 6,4 5,6 7,2 7,1 6 4,7

Viaxes a Galicia de residentes en España, por motivos culturais. Fonte: MECD

Fronte a estes datos, maioritariamente negativos, o Camiño de Santiago si que rexistra un crecemento no número de usuarios, acadándose en 2014 unha cifra récord de peregrinos fóra de Ano Xacobeo, 237.886. Como referencia, en 2010 o número foi de 272.135 peregrinos e peregrinas. Aumenta sobre todo o número de estranxeiros que realiza o percorrido compostelán, e que o pasado ano xa superaron o 50% do total, con 124.259.

En canto ao turismo de cruceiros, este segue presentando boas cifras, aínda de nos últimos dous anos rexistra un certo estancamento. Ata o 30 de novembro de 2014 chegaran aos portos galegos 327.643 navegantes, algo menos que os 341.742 de 2013 e lonxe dos 390.223 de 2012. Perde visitantes Vigo, mentres que os gaña Ferrol.

Visitantes estranxeiros e españois a Galicia por motivos culturais Dominio Público Praza Pública
Cidade da Cultura © Xunta
Vista da catedral de Mondoñedo © Turespaña
Castro de Santa Tegra © Turgalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.