O xulgado falla contra o Ateneo Ferrolán, que baralla recorrer ou demandar o Concello

Faixa situada no edificio do Ateneo Ferrolán Dominio Público Praza Pública

O Xulgado de Primeira Instancia número 2 de Ferrol fallou en contra do Ateneo Ferrolán na demanda presentada pola empresa Mudanzas Félix por unha débeda de 39 mil euros, en concepto de transporte e almacenamento do importante patrimonio da centenaria entidade. A sentenza ignora a responsabilidade do Concello de Ferrol, que se comprometera a aboar esta cantidade, e pon en risco a continuidade do Ateneo.

A directiva da entidade estuda as accións a seguir, que pasan por recorrer a sentenza ou por demandar xudicialmente o Goberno municipal, para que sexa a administración local quen se faga cargo deste pagamento

A Xunta Directiva da entidade vaise reunir este martes ás 19 horas, unha xuntanza de onde sairá a convocatoria dunha Asemblea Extraordinaria de Socios e Socias na que se debaterán as accións a seguir, que pasarían ou ben por recorrer a sentenza, ben por demandar xudicialmente o Goberno municipal para que sexa a administración local quen se faga cargo deste pagamento, ou ben por chegar a un acordo coa empresa de mudanzas. Foi o Concello de Ferrol quen decidiu realizar as obra de rehabilitación no edificio que obrigaron a realizar a mudanza e almacenamento externo do patrimonio do Ateneo. E, ademais, o Goberno municipal comprometérase -verbalmente- a correr cos gastos desa operación. Porén, a vitoria electoral do PP en 2011 mudou os plans, negándose a nova corporación a asumir o compromiso do anterior executivo.

A sentenza sinala a este respecto que "o feito dalgún concelleiro puidese dicir que o pago dos gastos de desaloxo correspondía abonalo ao Concello non xera unha obrigación xurídica para este. Aínda na hipótese de que todos os membros da corporación local asumiran ese compromiso, trataríase dun acto de contido exclusivamente político. Os compromisos políticos non supoñen o nacemento de ningún tipo de obrigación xuridicamente exixible". Así mesmo, a xuíza rexeitou o argumento -empregado polo avogado do Ateneo- de que o "dereito de retención" dos bens almacenados (presente no contrato) podería ser considerado "un claro desequilibrio das prestacións", tendo en conta de que se trata dun fondo cultural declarado de interese para Galicia. 

"Hai solución se hai vontade política", conclúe Fernando Rivera, membro da Xunta Directiva do Ateneo

Fernando Rivera, membro da Xunta Directiva e responsable da Biblioteca-Hemeroteca, considera que "o Ateneo non ten culpa" e que "non é só unha sinatura; hai unhas circunstancias e unha situación que derivou nunha sinatura e que deben ser tidas en conta". "Hai solución se hai vontade política", conclúe. Lembra que hai testemuñas, dende o director da obra até o concelleiro de Facenda, que recoñecen que había un contrato verbal para que o Concello se fixese cargo dos gastos.

 

Intervención no pleno

O pasado xoves o conflito chegou ao pleno municipal da cidade, despois de que un membro da Xunta Directiva do Ateneo Ferrolán intervise para reclamarlle ao alcalde que asumise o compromiso da anterior corporación

O pasado xoves 25 o conflito chegou ao pleno municipal da cidade, despois de que un membro da Xunta Directiva do Ateneo Ferrolán intervise para reclamarlle ao alcalde que asumise o compromiso da anterior corporación. No debate, o conselleiro de Cultura asegurou que a débeda era unicamente responsabilidade do Ateneo, e que mesmo existía unha factura que así o confirmaba, o que foi desmentido de inmediato por representantes da entidade. O edil de Cultura, ademais, xustificou que o Ateneo non recibise axudas ou subvencións por parte do Concello, como si o fan outras asociacións culturais, en que a entidade mantén débedas coas administracións públicas, nomeadamente Facenda e a Seguridade Social. Porén, isto tamén foi negado pola directiva do Ateneo de xeito rotundo.

Na discusión, ademais, Juan Fernández (de IF, que xunto co PP botou abaixo a moción de apoio ao Ateneo presentada por EU) perdeu os papeis e chegou a encararse con parte do público presente no pleno. Finalmente, o representante do Ateneo aproveitou a súa intervención no pleno para lembrar que hai xa máis de oito meses que a entidade solicitou formalmente unha entrevista co alcalde da cidade, José Manuel Rey Varela, para presentarse "e para expoñer persoalmente as ideas, obxectivos e aportacións que o Ateneo Ferrolán ten de seu para achegarlle á vida social e cultural da nosa cidade". Porén, a solicitude de entrevista non sequera foi respondida aínda polo rexedor.

Faixa situada no edificio do Ateneo Ferrolán Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.