'On the road': Unha exposición lonxe da pobreza franciscana

Inauguración da mostra © Turgalicia

Un dos conceptos cos que identificamos máis directamente a San Francisco de Asís é co da pobreza, que predicou para si mesmo e para os relixiosos da súa orde, de tal xeito que tamén foi coñecido como Il poverello d'Assisi, e que na historia ficou asociado o concepto de austeridade na vida cotiá coa pobreza franciscana. Co obxecto de conmemorar o 800 aniversario da viaxe que supostamente realizou San Francisco a Compostela, a Xunta está a organizar neste ano unha serie de actividades que teñen na exposición On the road/No Camiño un dos seus núcleos.

É precisamente a pobreza ou, máis ben, o excesivo custe da exposición un dos aspectos máis criticados a esta mostra

A mostra, que foi inaugurada o pasado 28 de xuño e se poderá visitar até novembro, ocupa o pazo de Gelmírez -anexo á Catedral- e outras localizacións do centro de Santiago, coma o parque e a igrexa de San Domingos de Bonaval. Está comisariada por Gloria Moure, directora do CGAC entre 1994 e 1998, e inclúe un completo e moi interesante catálogo con obras de 35 artistas, entre eles Francis Alÿs, Tacita Dean, Antón Lamazares, Joseph Beuys, Piero Manzoni, Nam June Paik, Perejaume, Robert Smithson, Tàpies ou Franz West.

Na inauguración da exposición a propia Gloria Moure xustificou a oportunidade da exposición na "vixencia" dun San Francisco que "se enfrentou á xerarquía". Moure destacou igualmente "as ideas que subxacen" á actitude do santo: "a dignidade da pobreza, a condición paisaxística como condición humana, a preservación da natureza, ou a revalorización do coñecemento sensible fronte á hexemonía da razón puramente instrumental”. E fixo outras referencias á evocación que varias das obras expostas fan da devandita pobreza franciscana, comezando por De los harapos de Antón Lamazares.

Pero é precisamente a pobreza ou, máis ben, o excesivo custe da exposición un dos aspectos máis criticados a esta mostra, cun presuposto situado inicialmente ao redor do millón de euros, pero que foi amplamente superado. Comezando polo acondicionamento do espazo expositivo do Pazo de Xelmírez, orzamentado inicialmente en 600 mil euros, e cun custe final moi superior, e continuando por outros gastos (embalaxe, transporte, seguros...) inherentes a este tipo de exposicións compostas en boa medida por obras cedidas por numerosos centros museísticos. Estes conceptos superarían tamén o millón de euros, aos que habería que sumar os gastos das viaxes dos artistas e propietarios das obras (110 mil euros máis IVE), da vixilancia e atención ao público (241 mil euros máis IVE), ou da edición do catálogo (67 mil euros máis IVE).

O custe total da exposición, moi superior aos dous millóns de euros, súmase a outros polémicos gastos xerados pola celebración do ano franciscano

O custe total da exposición, moi superior aos dous millóns de euros, súmase a outros polémicos gastos xerados pola celebración do ano franciscano, coma a contratación por 35 mil euros dun asesor para os patrocinadores do evento relixioso. E, alén do gasto, a ligazón confesional destas conmoemoracións promovidas e financiadas, no entanto, pola Xunta de Galicia, tamén ten espertado notables críticas. En febreiro do pasado ano, na comisión de Industria do Parlamento, a secretaria xeral para o Turismo, Nava Castro, xustificou a realización destes eventos en que San Francisco de Asís viaxou a Compostela hai 800 difundindo "o Evanxeo pola palabra e sen violencia" e "no marco da reconquista cristiá".

Imaxe do catálogo da mostra © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.