O proxecto, que conta co apoio da Deputación de Lugo e a Xunta, está conformado por seis capítulos centrados nos concellos de Cervantes, Baralla, Becerreá, As Nogais, Navia de Suarna e Pedrafita do Cebreiro
Os Andares, serie de viaxes sonoras pola serra dos Ancares impulsada por Fósforo Arte & Cultura xunto ao colectivo Galiza Emocional, acaba de ser galardoada co Premio Sound Walk September correspondente ao ano 2024, o maior recoñecemento mundial no ámbito dos camiños sonoros. Trátase de traballos artísticos que combinan o son, o espazo e a tecnoloxía para crear experiencias inmersivas de escoita.
O proxecto, que conta co apoio da Deputación de Lugo e a Xunta, está conformado por seis capítulos centrados nos concellos de Cervantes, Baralla, Becerreá, As Nogais, Navia de Suarna e Pedrafita do Cebreiro. A obra combina documental e ficción para explorar o patrimonio cultural e natural desta zona, así como os sentimentos e historias dos seus habitantes. Cada camiño foi creado por un autor diferente, nunha mestura de teatro, cinema, poesía e música.
A obra combina documental e ficción para explorar o patrimonio cultural e natural desta zona, así como as historias dos seus habitantes, nunha mestura de teatro, cinema, poesía e música
Cada unha destas pezas, cuxas duracións oscilan entre os 32 e os 47 minutos e están dispoñibles en galego, castelán e inglés, ofrece unha perspectiva concreta a través da mirada dunha dramaturga. Así, Iria Azevedo encárgase de tomarlle o pulso á Pobra de Navia (Navia de Suarna), mentres que José Díaz escolle o Castro de Santa María en Cervantes para a súa creación sonora. Pola súa banda, a poeta María Lado percorre a Lagoa Maior de Pedrafita e as dramaturgas Avelina Pérez e Clara Gayo recrean os lugares dos Grobos (Becerreá) e Penarrubia (Baralla) respectivamente. Por último, Marcos PTT retrata a localidade de Torés (As Nogais).
Iria Azevedo, José Díaz, María Lado, Avelina Pérez, Clara Gayo, Marcos PTT realizaron cada unha das seis pezas
“Nunha selección moi competitiva, Os Andares destaca non só por ser unha historia multilingüe fermosamente escrita e ben producida, senón tamén pola profundidade e intención”, explicou Kim V. Goldsmith, membro do xurado deste certame. “É unha serie teatral imaxinativa que nos transporta aos Ancares Lucenses, mesturando documental e ficción, introducíndote nunha complexa paisaxe sonora que combina natureza, historia, cultura e personaxes. É unha experiencia multisensorial que permite coñecer e conectar emocionalmente cunha rexión única, incluso desde calquera lugar do mundo (eu vivo en Australia), grazas á tecnoloxía”, conclúe Goldsmith.
Con este recoñecemento, Os Andares converte os Ancares Lucenses nun exemplo de como a arte pode contribuír á sustentabilidade cultural e á posta en valor do territorio
Con este recoñecemento, Os Andares converte os Ancares Lucenses nun exemplo de como a arte pode contribuír á sustentabilidade cultural e á posta en valor do territorio. O galardón, destaca o seu equipo responsable, leva á inclusión de ‘Os Andares’ no catálogo internacional dos mellores camiños sonoros do mundo e como un referente na exploración artística do son, da arte e do territorio. A iniciativa foi tamén recoñecida pola REDS-SDSN, impulsada pola ONU, como un dos 10 Casos inspiradores a nivel estatal no traballo cultural para os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.