Os Andares é arte en movemento. Seis guías emocionais que se mesturan o documental e a ficción coa meta de afondar no coñecemento da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá
No medio da ponte medieval da Proba de Navia, xusto no punto máis alto do arco apuntado que preside o río, comeza a primeira viaxe sonora de Os Andares. Se estás sobre o río Navia, e mirando cara o castelo, “emprende o camín”, di a voz da actriz Patricia Vázquez, que guía este percorrido pola aldea de Navia de Suarna.
José Díaz e Iria Azevedo, de Fósforo Arte & Cultura, xunto a Marcos PTT do Colectivo Galiza Emocional, dirixen este proxecto artístico e inmersivo pola serra dos Ancares. Seis guías emocionais que se mesturan o documental e a ficción coa meta de afondar no coñecemento da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.
As viaxes sonoras de Os Andares están dispoñibles en liña e para a súa descarga, poden facerse calquera día do ano á hora que sexa e son unha experiencia individual, aínda que se poden realizar en grupo. Só hai que escoller unha ruta, ir ata o punto de inicio, poñer os auriculares e darlle ao play.
Con 25 anos de experiencia como produtor artístico, José Díaz quixo desprenderse do “hermetismo” do circuíto pechado no que se moven ás veces as artes, co obxectivo de lograr verdadeiros cambios na sociedade. Por iso constituíu o estudo Fósforo, cuxa filosofía é coller o talento e os procedementos artísticos e levalos a outras industrias distintas.
Díaz busca traballar no eido educativo, no dos colectivos sociais ou do turismo sostible. Interactuar con ámbitos da sociedade máis alá dos artísticos para tender pontes e “que o talento artístico reverta realmente na comunidade, para conseguir transformacións sociais”.
Os Andares é arte en movemento. Implica unha participación activa do espectador, parte esencial da obra neste caso, pois é quen vai facendo avanzar a experiencia cos seus pasos. “A disposición que tes, mesmo anímica, cando estás andando é moi distinta. Así que cada experiencia con estas viaxes sonoras é única”, explica José Díaz.
Iria Azevedo, Marcos PTT, Avelina Pérez, Clara Gayo, José Díaz e María Lado crean un “periplo auditivo e emocional” para achegarse á historia, ao patrimonio e á paisaxe dos concellos de Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Becerreá e Baralla. Seis pezas en tres idiomas (galego, castelán e inglés), de menos dunha hora de duración, que se poden descargar ou escoitar en liña tan só cun teléfono móbil e uns auriculares.
De feito, a idea vén dun proxecto anterior de Marcos PTT ao que José Díaz asistira como público. San Pedro. Manual de Instrucións fora a súa primeira creación para o colectivo Galiza Emocional e cativara tanto o produtor como a Iria Azevedo. Partindo desa idea, e aproveitando o programa Territorio Cultura da Xunta, pensaron en unir o traballo etnográfico e de investigación no rural coas artes. “Interesábame facer unha serie –conta Díaz–. Igual que ves unha serie desde o sofá, aquí tes que coller o coche e ir ata os Ancares. E esa serie reúne a moitos artistas, podes escoitar distintas voces e puntos de vista”. Os Andares tamén conta co patrocinio da Deputación de Lugo.
Iria Azevedo, Marcos PTT, Avelina Pérez, Clara Gayo, José Díaz e María Lado crean un “periplo auditivo e emocional” para achegarse á historia, ao patrimonio e á paisaxe dos concellos de Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Becerreá e Baralla
“Vai relaxada, anda devagar”. Así pensaron estas seis rutas emocionais e experienciais as súas creadoras. As dramaturgas conviviron tres meses na zona, en contacto continuo coa veciñanza, para levar a vida das aldeas e as súas testemuñas a estas viaxes sonoras, nas que nomes do sector escénico galego como Patricia Vázquez e Carlos Santiago prestan as súas voces para guiar os percorridos. Nacho Muñoz encargouse do apartado musical e Chus Silva de diferentes traballos técnicos para que todo soe á perfección.
“Sabemos que non é un produto de masas. Non imos levar dez mil persoas os Ancares a que fagan os paseos, é máis un agasallo para quen pase por alí e atope estas obras artísticas, como cando vas por un xardín e atopas unha escultura harmoniosamente integrada. Creo que as seis pezas teñen un poder simbólico e transformador importante, de aí a investigación que levamos a cabo durante varios meses na zona. Son unha ferramenta de comunicación, divulgación, educación... Podemos dicir que hai moitos prismas desde os que enfocalas: desde a perda de poboación do rural ao respecto pola biodiversidade, pasando pola instalación de parques eólicos ou mesmo como comemos. Tocamos moitos temas e empregamos distintos xéneros: hai terror, comedia e aventuras”, debulla José Díaz.
Preparar a serie de seis pezas de Os Andares foi como idear unha película na que a escenografía xa está montada. Todos os itinerarios están pensados para que os poidan facer persoas maiores, só o de Pedrafita esixe un nivel de sendeirismo básico. De feito, parte fundamental do proxecto é que a propia veciñanza realice as rutas e poida escoitarse sendo parte das historias que se contan. O produtor sinala que despois de todo o traballo de investigación buscaron unha reflexión final que lle dera sentido a toda a serie e atopárona na relación que existe entre os conceptos progreso e extinción.
"Hai moitos prismas desde os que enfocalas: desde a perda de poboación do rural ao respecto pola biodiversidade, pasando pola instalación de parques eólicos ou mesmo como comemos", destaca Díaz
“Cando chegaron os romanos extinguiron os castrexos e desde aquela foi unha continua sucesión de progreso e extinción. Sobre todo nos anos 60, cando chegaron as estradas e aquilo levaba practicamente pechado séculos. Seguían vivindo case como no século XVII, había moitísima mortalidade infantil, moita natalidade e, en xeral, moitísima poboación. Chegou a estrada e o que serviu foi para despoboar toda a zona, e aínda estamos vivindo agora as consecuencias diso. Temos que reflexionar sobre iso. A chave agora está en como progresar sen que signifique extinguir porque os Ancares son un dos espazos con maior biodiversidade de toda a Península e estamos a piques de estragalo”, razoa o produtor.
A súa intención é repetir a experiencia noutras zonas de Galicia porque fomenta un turismo que permite escoitar a veciñanza e as historias deses lugares. “Estás abrindo a mirada doutra maneira, vendo onde está a xente que vive alí e onde marchou a que non está. Como se vive e que sucedeu nese sitio antes. Podes apreciar cousas do día a día como por que vale un filete de cachena cinco veces máis no supermercado que o dunha vaca calquera porque as ves alí na montaña. Dáselle valor ao traballo da xente que vive no rural”, destaca José Díaz.