Os Bolechas, o novo Xabarín?

Presentación do libro-disco Os Bolechas fan unha banda © Os Bolechas

O fenómeno dos Bolechas non deixa de crecer, tanto que está adquirindo as dimensións ás que se cadra só o Xabarín chegou hai case dúas décadas. É certo que os personaxes creados por Pepe Carreiro non teñen esa capacidade de unir e traspasar xeracións que si tiña a serie da TVG, pero dende logo os e as seguidoras dos Bolechas son lexión, e a súa traxectoria é xa longa. Os Bolechas crecen tamén no número de soportes nos que están presentes. Dos libros pasaron á televisión, onde o éxito acadado foi incontestable, e agora chegan ao mundo da música, cun libro-cd, Os Bolechas fan unha banda, no que dez grupos galegos, de estilos moi diversos, inclúen temas inéditos.

No álbum podemos atopar a música tradicional de Pandeiromus, a cumbia de O Sonoro Maxín, o punk de Novedades Carminha, o rock de Ataque Escampe ou Sés, o reggae de Transilvanians, o power pop de The Homens, o pop de Eladio y los Seres Queridos, a electrónica de Álex Casanova ou o rap de AID.

Os Bolechas crecen tamén no número de soportes nos que están presentes. Dos libros pasaron á televisión, onde o éxito acadado foi incontestable, e agora chegan ao mundo da música, cun libro-cd

O disco presentouse este mércores en Vigo, no Teatro García Barbón, coa presenza de rapazada dos colexios Ramón y Cajal e San Salvador de Teis, ademais do propio Pepe Carreiro, da directora da TVG, Rosa Vilas, e do xerente da Fundación Novacaixagalicia, Pedro Otero. Tamén estiveron presentes algúns integrantes das bandas que participan na iniciativa. AID e Álex Casanova actuaron en directo, comprobando o éxito do seu rap, e da súa elctrónica nos máis pequenos.

O obxectivo deste proxecto, como explicou o seu editor, Antonio Couto, é reunir “dous sectores esenciais para o desenvolvemento cultural dun país, como son o editorial e o musical que, pese a sufrir como poucos os efectos da terrible crise económica que estamos vivindo, demostran día a día o enorme potencial creativo e artístico que hai en Galicia”. Pola súa banda, Pepe Carreiro, tamén se mostrou convencido do éxito deste libro-disco que supón “un novo paso na longa traxectoria dos Bolechas, que supera xa os 13 anos de existencia”. Carreiro destacou a calidade dos temas do e mostrouse “moi satisfeito” coa compilación de grupos, “posto que representan todos os estilos musicais máis actuais”.

A creación deste disco “pon en valor unha época dourada da música feita en Galicia e cantada en galego”

Este era, precisamente, un dos obxectivos do produtor do disco, Carlos Pereiro, líder de Novedades Carminha. Pereiro destacou “a diversidade de ritmos, estilos e músicas que se poden atopar” e asegura que a creación deste disco “pon en valor unha época dourada da música feita en Galicia e cantada en galego”.

Actuación de AID © Os Bolechas
Actuación de Alex Casanova © Os Bolechas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.