Miguel Toval presidente dos editores, en nome das tres asociacións convocantes, reclamou na súa intervención unha maior "visibilidade" para o libro galego, subliñando que a pesar de ser un sector cada vez máis premiado e recoñecido este éxito non se ve acompañado por unha mellor posición na sociedade
O libro galego celebrou esta fin de semana a súa gran festa anual. Os premios Follas Novas, organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Fedración de Librarías de Galicia (FLG), recoñeceron as mellores obras do ano nunha noite que reuniu no Teatro Principal de Compostela a representantes de todos os sectores.
Miguel Toval presidente dos editores, en nome das tres asociacións convocantes, reclamou na súa intervención unha maior "visibilidade" para o libro galego, subliñando que a pesar de ser un sector cada vez máis premiado e recoñecido este éxito non se ve acompañado por unha mellor posición na sociedade.
“A literatura galega suma ano tras ano premios e recoñecemento crítico, mais o sector editorial –a parte industrial da cadea do libro– afronta descensos sostidos de facturación e cota de mercado interno nun contexto de retroceso constatado do uso social da lingua. Melloran os índices lectores, pero non a lectura na lingua propia”, alertou Toval.
Nerea Pallares, Andrea Nunes Brións, Cándido Pazó, Alba Rodríguez Saavedra, Érica Esmorís e Rosa Aneiros, entre os gañadores e gañadoras
Nerea Pallares gañou o premio de narrativa por Punto de araña; Andrea Nunes Brións o de poesía por Mapa da estría; Cándido Pazó o de teatro por O proceso. Apaga o candil; e Alba Rodríguez Saavedra o de ensaio por Ruth Matilda Anderson. Tradutora das marxes. Mentres, Érica Esmorís obtivo o premio á mellor obra infantil por O Peculiar; e Rosa Aneiros o de mellor obra xuvenil por Unha historia de amor como outra calquera.
A ceremonia deste ano foi conducida e musicada por Unha señora orquestra, formada por Ailén Kéndelman e Areta Bolado.
Ademais, cada unha das tres asociacións organizadoras entregou os seus premios de honra anuais. Foron para a libraría coruñesa Moito Conto, para a editorial Galaxia e para o escritor palestino Basim Al-Khandaqji
Ademais dos galardóns a autores e autoras polas mellores obras do ano, cada unha das tres asociacións organizadoras entrega na Gala dos Follas Novas os seus premios de honra anuais, nos que se salienta unha figura das letras, unha editorial ou persoa destacable do mundo editorial e unha libraría. Os galardóns que se entregaron na gala foron para a libraría coruñesa Moito Conto, para a editorial Galaxia e para o escritor palestino Basim Al-Khandaqji.
No caso de Basim Al-Khandaqji, gañador do premio internacional de Ficción Árabe por “Unha máscara da cor do ceo” e do premio Booker Árabe, finalmente non puido recoller o recoñecemento dos escritores e escritoras galegas por dificultades para conseguir un visado para viaxar desde Exipto a España.
- Obras premiadas nos Follas Novas 2026
PREMIO Á OBRA DE ENSAIO E INVESTIGACIÓN: Ruth Matilda Anderson. Tradutora das marxes. Alba Rodríguez Saavedra. Laiovento. - PREMIO Á OBRA DE DIVULGACIÓN: Contáronme un conto mal contado. Onde estaban as mulleres na historia? Susana Reboredo Morillo (Coord.) Editorial Galaxia
- PREMIO Á OBRA DE NARRATIVA: Punto de araña. Nerea Pallares. Editoral Galaxia
- PREMIO Á OBRA INFANTIL: O Peculiar. Érica Esmorís. Cuarto de Inverno
- PREMIO Á OBRA XUVENIL: Unha historia de amor como outra calquera. Rosa Aneiros. Editorial Galaxia
- PREMIO AO LIBRO ILUSTRADO: A panadería. Lucía Belarte e David Lorenzo. Kalandraka
- PREMIO AO LIBRO DE BANDA DESEÑADA, GRÁFICO E HUMOR: Rosalía Oculta. Paula Mayor. Editorial Galaxia
- PREMIO Á INICIATIVA BIBLIOGRÁFICA: Guia ilustrada do Entroido Galego. Alba de Evan, Xabier Domínguez, Iria Prol. Edicións Xerais
- PREMIO Á OBRA TRADUCIDA: A máis recóndita memoria dos homes. Mohamed Mbougar Sarr (María Alonso Seisdedos). Aira
- PREMIO AO LIBRO DE POESÍA: Mapa da estría. Andrea Nunes Brións. Chan da Pólvora
- PREMIO AO LIBRO DE TEATRO: O proceso. Apaga o candil. Cándido Pazó. Editorial Galaxia
- PREMIO AO LIBRO MELLOR EDITADO: A caligrafía das espigas. Carlos Negro. Apiario
- PREMIO PROMOCIÓN DA LECTURA: Club de lectura feminista A Lila + A Sega
Premios honoríficos
- Premios FLG | Moito Conto
- Premio AGE| Editorial Galaxia
- Premio AELG Escritor Galego Universal | Basim Al-Khandaqji