Había oito anos que non se subían a un escenario, e 20 desde que aló polo 1992 revolucionaron o panorama musical e, máis aínda, cultural e idiosincrásico de Galicia. E, con todo, parece que non pasara o tempo: os Heredeiros da Crus, os máis jrandes, regresaron onte en Ordes cun concerto memorable.
Desde primeiras horas da tarde Ordes comezou a recibir a centos de mozos e mozas que acudiron desde varios puntos de Galicia a esta vila coruñesa, en moitos casos organizados en buses. Ás portas da discoteca, facendo cola para coller os mellores sitios fronte ao escenario, ducias de rapaces armados con guitarras e ataviados con disfraces e outros guiños aos Heredeiros caldearon o ambiente coreando as cancións da banda de Ribeira.
O grupo Agoraphobia, formado por cinco rapazas de Boiro, abriu boca desde as 22:30 cun concerto que de seguro marcará un fito na súa carreira. Logo da actuación das teloneiras e do cambio de equipos no escenario, pasada a medianoite, por fin, os Heredeiros da Crus subiron ao escenario para facer historia.
Comezando por ‘Alabaré’ e rematando por ‘A boca do inferno’, Heredeiros da Crus interpretando un tras doutro os mellores temas da súa carreira facendo ‘josar’ literalmente a todo o público presente, que non parou nin por un minuto de corear as cancións, botar e bailar. Unha sensación que se transmitía xa desde o escenario, cos Heredeiros dándoo todo desde o principio até o final. A actuación --no que os catro Heredeiros (Javi, Tucho, Fran e Tonhito de Poi) estiveron acompañados doutros músicos como o batería, teclado, corista e unha sección de metais-- durou case tres horas e media e foi máis aló dun simple concerto de música para converterse nun auténtico espectáculo: bendicións de viño, striptease integral, público no escenario, disfraces varios de Tonhito de Poi, Javi e Tucho…
“O lema deste regreso foi ‘Volven os máis jrandes’, e iso non é verdade… Os máis jrandes sodes vós!!” Un merecedísimo recoñecemento á comunidade de fans de Heredeiros, que onte demostrou ser das máis entregadas, fieis, divertidas e activas do mundo enteiro. E é que boa parte do público que acudiu onte a Ordes non chegaba aos 25 anos, unha boa proba do fenómeno cultural que foron os Heredeiros da Crus para milleiros de rapaces e rapazas galegos nos anos 90.