Os murais de Quessada abandonan a súa prisión

Os dous murais, no Auditorio da cidade © Concello de Ferrol

Dous inmensos murais de Xaime Quessada Porto (Ourense 1937-2007), poden verse dende esta semana nas paredes do Auditorio de Ferrol, onde ficarán expostos de xeito permanente, como parte do patrimonio artístico común de Ferrol, como destacaron os responsables do Concello. Ambos os dous traballos, de gran valor, permaneceron nos últimos anos agachados nos arquivos municipais.

O primeiro deles, Alegoría pola paz, foi realizado en 1981 tras un encargo do PCG en pleno debate social pola entrada de España na OTAN, confirmada posteriormente no referendo convocado en 1985. O mural, crítico coa Alianza Atlántica e o militarismo, foi cualificado nalgunha ocasión como "o Guernica galego". Consta de oito taboleiros e ten 367 centímetros de longo por 183 de alto.

O segundo, Mural no que se manifestan os conceptos da vida e morte, foi pintado en 2002 a iniciativa do Comité Cidadán de Emerxencia da ría e denuncia a instalación da planta de gas de Reganosa en Mugardos, no interior da ría de Ferrol. Quessada completou este traballo durante tres días e tres noites consecutivas, de cara ao público, na Praza de Armas da cidade naval. Consta de trece taboleiros e as súas dimensións son de 244,5 centímetros de longo e 122 de alto.

O alcalde ferrolán, Jorge Suárez, destacou que "é un día histórico para a cidade poder recuperar estes murais que estaban semiagochados e que reflicten a loita de moitos ferroláns contra a OTAN e contra a instalación da planta de gas. Forma parte do movemento social da cidade e telo aquí como unha exposición permanente é un fito histórico". Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea, subliñou a importancia de "recuperar un patrimonio cultural enorme para a cidade” e ubicalo "nun espazo axeitado para as dimensións dunhas obras que, no caso do primeiro mural de 1981, levaba 35 anos que non fora visto por por ninguén”.

De forma extraordinaria, e para favorecer que os veciños e veciñas poidan contemplar as dúas obras, as portas do Auditorio estarán abertas ata o 17 de marzo en horario de 11:30 a 13 horas, e de 17 a 21.

Os representantes do Concello, da A.C. Fuco Buxán e da Fundación Xaime Quessada © Concello de Ferrol
O mural anti-OTAN, no Auditorio © Concello de Ferrol
Os outros murais, no Auditorio © Ovidio Aldegunde Álvarez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.