Os novos recortes da Xunta incrementan a presión sobre as bibliotecas

Biblioteca municipal © ANABAD-Galicia

Non son bos tempos para as bibliotecas públicas. En pleno mes de agosto o Goberno central aprobaba o decreto que en virtude dunha directiva europea establece que toda biblioteca de localidade maior de 5.000 habitantes terá que pagar un canon por libro prestado ou por usuario do centro ás sociedades de autores e editores. Unha medida que mereceu a denuncia de Anabad-Galicia ou da Asociación de Bibliotecarios Municipais de Galicia.

Esta mesma semana o D.O.G. publica unha orde da Consellaría de Cultura que fixa as axudas do Goberno galego ás bibliotecas municipais para a adquisición de novos fondos. Segundo a orde, as poboacións con máis de 30.000 habitantes quedan excluídas de recibir fondos para as súas bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia. A convocatoria de axudas, que pasa de anual a plurianual, recorta 420.000 euros respecto de 2013, cando houbo 500.000 euros dispoñibles. A partida total, tanto este ano coma no 2015, queda reducida a 80.000 euros, un recorte do 84%.

Alternativa Galega de Esquerda denuncia, a través dos seus deputados Xabier Ron e Ramón Vázquez, que o Goberno galego "deixa sen axudas todas as bibliotecas públicas das sete cidades galegas", e subliñan igualmente que a orde da Xunta supón "un ataque directo á promoción do libro en galego”. O pasado ano as bibliotecas recibían 350.000 euros para a promoción do libro en galego (unha cantidade xa reducida, despois de anos de recortes). En 2014 e 2015, a orde só especifica que unha terceira parte dos fondos bibliográficos deberá estar editado en galego, polo que o libro en galego recibirá un terzo deses 80.000 euros totais, pouco máis de 25.000 euros. “O PP convértese nun bárbaro cultural, nun bibliocida persistente, e asáñase, sobre todo, co libro en galego, o máis feble”, concluíron os deputados.

 

Medidas conta o canon

Ademais, denuncia AGE, estes concellos veránse obrigados "a afrontar o pago do canon por préstamo ou adquisición, se a Xunta persiste en non exercer as súas competencias estatutarias". Neste senso, o BNG anunciou que levará unha proposición ao pleno do concello de Lugo para esixir a retirada do canon bibliotecario imposto polo PP.

O pasado 1 de agosto, en pleno período vacacional, o Goberno do Estado español publicaba o Real Decreto 624/2014, de 18 de xullo, que obriga ao pago polo empréstito a arquivos, museos e bibliotecas, un RD que responde ás esixencias da Directiva europea 2006/115/CE, de 12 de decembro de 2006. Este real decreto, imposto polo PP, determina o pago de dereitos de cada autor e autora con base no pagamento dun canon por empréstito; establece o pago de 0,004€ por empréstito realizado e 0,05€ por persoa usuaria das bibliotecas. Ademais, sinala que mentres non se poida aplicar o pago por empréstito, establecerase o canon de 0,16€ por obra adquirida pola biblioteca e dispoñible para ser prestada.

Para o BNG o canon fai recaer o peso do pago sobre os concellos, "que son, en moitas ocasións, as administracións que máis invisten en cultura a pesar de disporen de menos recursos que outras administracións"

Para o BNG “o Real Decreto non ten en conta a situación de Galicia, onde non existe un carné de usuario único e onde moitos usuarios son socios de máis dunha biblioteca e, por tanto, por unha mesma persoa pagarase varias veces”. Para o Bloque, esta medida "é un claro ataque ás bibliotecas públicas, que verán aínda máis diminuídas as posibilidades de actualizaren o seu fondo", e fai recaer o peso do pago sobre os concellos, "que son, en moitas ocasións, as administracións que máis invisten en cultura a pesar de disporen de menos recursos que outras administracións"”. Para o BNG, a normativa representa tamén un ataque ao dereito da cidadanía á lectura e ao acceso á cultura, prexudicando, máis unha vez, a quen menos ten, pois ao deteriorarse este servizo público dificultarase o acceso á cultura das persoas con menos recursos".

Actividade para nenos nunha biblioteca galega © bebeteca.wordpress.com
Biblioteca municipal © ANABAD-Galicia
Biblioteca municipal de Ferrol © Concello de Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.