Os Premios Martín Códax da música galega xa teñen finalistas

A gala da VI edición dos Premios Martín Códax celebrarase o 8 de maio en Pontevedra © Asociación Músicas ao Vivo

Os Premios Martín Códax da Música deron a coñecer este mércores os seus proxectos e artistas finalistas, un total de 54, que optan a recibir un galardón nas 18 categorías coas que conta esta iniciativa, organizada pola Asociación Músicas ao Vivo. A gala desta VI edición celebrarase o vindeiro 8 de maio en Pontevedra.

A gala desta VI edición celebrarase o vindeiro 8 de maio en Pontevedra

Entre os e as finalistas aparecen traxectorias consolidadas como a de Bala, Nao ou Marcos Teira; pero tamén moitos proxectos novos que ata agora non optaran a recibir estes galardóns. Destacan, por exemplo aclamadas propostas electrónicas, que están a acadar éxitos en todo o Estado, como Baiuca e Músculo. Cómpre salientar, igualmente a notable presenza feminina na categoría de Canción de Autor/a con MJ Pérez, A Banda da Loba e Su Garrido Pombo.

Nos Premios Organistrum, que recoñecen o labor da industria musical galega, foron escollidos para esta derradeira peneira festivais de pequeno formato con propostas singulares, como Nigranjazz ou Jazz de Ría ou unha sala como a viguesa El Contrabajo Club, que pechará en xuño despois de máis dunha década como aliada da música ao vivo, programando máis de 900 concertos.

Os finalistas foron escollidos entre un total de 442 proxectos inscritos: 391 grupos, 11 salas, 25 festivais e 15 espazos de comunicación musical

Os proxectos finalistas foron escollidos polas socias e socios de MÚSICAS AO VIVO mediante votación online entre un total de 442 proxectos inscritos: 391 grupos, 11 salas, 25 festivais e 15 espazos de comunicación musical. Agora será un xurado, integrado por profesionais da música nos ámbitos da interpretación, a industria, a formación, as salas e a comunicación, o que decidirá os proxectos premiados en cada unha das categorías.

Festa de finalistas dos Premios Martín Códax 2019 © Premios Martín Códax

No acto no que se anunciaron os e as finalistas, celebrado un ano máis nas instalacións das Bodegas Martín Códax, en Cambados, a presidenta de Músicas ao Vivo, Sonia Lebedynski, destacou que os 442 proxectos presentados demostran "o indiscutible potencial musical de Galicia".

Na gala do vindeiro 8 de maio, ademais das 18 categorías competitivas, entregarase tamén o Premio Honorífico Músicas Ao Vivo ao músico Carlos Barruso, “en homenaxe a un compañeiro e personalidade clave para entender a evolución da música moderna en Galicia. Un profesional impecable e xeneroso, cun talento colosal que influenciou e segue influenciando a moitas xeracións de músicas e músicos”.

Finalistas por categoría

  • POP/INDIE:

Oh Ayatollah! / Espiño / Igloo

  • ROCK:

Bala / Familia Caamagno / Mad Martin Trio

  • MÚSICAS URBANAS:

Ezetaerre/ Rebeliom do Inframundo - Ilegal / Wöyza

  • CLÁSICA/CONTEMPORÁNEA:

Adrián Saavedra / Son Trío / Tangata & Orquestra Clásica de Vigo

  • MÚSICA TRADICIONAL GALEGA E FOLQUE:

Tanxugueiras / Os d’Abaixo / Habelas Hainas

  • MÚSICAS DO MUNDO:

Marcos Teira ‘Nós’/ Oîma / Turma Caipira

  • MÚSICA INFANTIL:

Xoan Curiel e a Banda do Verán / Concerto Punkinfantil / Olga Brañas

  • MÚSICA ELECTRÓNICA:

Baiuca / Cintaadhesiva / Músculo

  • METAL:

Raiba / Nao / Cabodano

  • REGGAE/SKA/MESTIZAXE:

García Mc & Nación Quilombo / Banda Crebinsky / The Turre’s Band

  • ORQUESTRAS/GRUPOS/MÚSICA DE VERBENA:

Los Satélites / América de Vigo / Timparrantela

  • BLUES/FUNK/SOUL:

Carmen Rey / Vudú / Carla Green & The Demons

  • CANCIÓN DE AUTOR/A:

A Banda da Loba / MJ Pérez / Su Garrido Pombo

  • COROS E GRUPOS VOCAIS:

Zoelas / Sisters in the House / Ejazz

  • JAZZ/MÚSICAS IMPROVISADAS:

Xacobe Martínez Antelo Trío / Xosé Miguelez – Ontology / Pablo Castaño Quartet Quartet feat. Ugia Pedreira

  • FESTIVAIS:

Nigranjazz / Festival de Pardiñas / Jazz de Ría

  • SALAS:

A Arca da Noe / Sala Mardi Gras / El Contrabajo Club

  • ESPAZOS DE COMUNICACIÓN MUSICAL:

Diario Cultural-RG / Músicas Galegas Ilustradas / Lume na Palleira-RG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.