A illa de San Simón volveu acoller a festa literaria Unha importante parte do mundo das letras de Galicia xuntouse este sábado en plena ría de Vigo para coñecer os nomes e obras nos que recaeron os Premios Xerais, uns dos galardóns senlleiros da literatura do país que nesta ocasión recaeron en Manuel Esteban, Iria Misa e David Pérez Iglesias. Un acto no que a escritora Ledicia Costas, mantedora literaria da velada, dedicou o seu discurso á xeración Lamote e reivindicou tamén a escolarización en galego, "determinante" para ela despois de ser unha nena "educada integramente en castelán". Bragado, director da editorial, advertiu da "vontade de renovación constante da literatura galega".
Os premios xerais deste 2015 correspondéronlles a Manuel Esteban, Iria Misa e David Pérez Iglesias polas súas obras 'A ira dos mansos', 'Xa non estou aquí' e 'Todo o tempo do mundo'
"Aquelas obras que caeron nas miñas mans a principios dos anos noventa abriron unha porta branca por onde empezaron a desfilar en ringleira os personaxes dos libros que me volveron poliédrica", dixo Costas, que destacou as coleccións Merlín, Xabarín e Fóra de Xogo de Xerais como clave para facela entrar "no centro exacto da emoción: a emoción da lectura".
Ademais, dixo sentirse orgullosa da entrega á lingua galega "que nos caracteriza a todas e todos nós, que nos fai formar parte dun proxecto común". Reivindicou a Xeración Lamote e apelou á "Xeración da Esperanza que vén abríndose paso, que ten interiorizado un proxecto literario de país". "Sabemos ben das renuncias que implica escribir na nosa lingua, pero cando cres en algo con tanta forza, as dificultades pasan a ser un elemento secundario", engadiu logo de vindicar o papel das mulleres na literatura galega. "Eu opto pola luz, pola lingua e pola forza dun país que me fai sentir importante", rematou.
"Sabemos ben das renuncias que implica escribir na nosa lingua, pero cando cres en algo con tanta forza, as dificultades pasan a ser un elemento secundario", reivindicou Ledicia Costas
Foi a quenda despois dos galardoados. O Premio Merlín de Literatura Infantil recaeu en David Pérez Iglesias por Todo o tempo do mundo, unha novela que narra a experiencia vital de Ariadna, que ve como o seu mundo na cidade se esborralla e como os seus referentes (o pai e a nai, os amigos, a casa...) van desaparecendo de xeito inesperado e paulatino sen que ela poida evitalo.
O xurado destacou o labor deste escritor, guionista e profesor de lingua e literatura no IES de Porto do Son por demostrar nesta obra ser un "bo coñecedor do léxico, da antropoloxía, da mitoloxía, das lendas e da cultura do rural galego" e por "reivindicar" ese rural en cada páxina. David Pérez destacou que a súa é "unha novela sobre a perda e o descubrimento". "Que a xenerosidade do xurado acordase que a noveliña Todo o tempo do mundo merecía o Merlín comprométeme tanto como me enche", engadiu.
Os premios atenden ao público infantil e tamén ao xuvenil, no seu caso co Premio Jules Verne, que foi para Iria Misa Peralba pola súa obra Xa non estou aquí, unha novela sobre unha rapaza que repite 1º de Bacharelato obrigada polos seus pais e que se enfronta aos conflitos de personalidade propios da súa idade.
"É unha novela que fala de sentimentos universais: a necesidade de pertenza a un grupo, de comprensión, a soidade... A intriga artéllase arredor da desaparición da protagonista, misterio que se irá desentrañando ao longo da novela a través dos distintos puntos de vista dos personaxe", rexumiu Iria Misa.
A nómina de premiados deste 2016 complétaa Manuel Esteban Domínguez por A ira dos mansos, gañadora do Premio Xerais de Novela. Unha novela negra, segundo o xurado, "cun acusado enfoque social, que supón, para o protagonista e para as persoas que a lemos, unha viaxe de superación de moitos prexuízos". "Está escrita cun estilo directo, rápido, eficaz, sen adobíos, con moito sentido do humor, ás veces ácido e cínico, e cunha trama que nos atrapa, e que nos obriga a seguir lendo", conclúe.
Manuel Bragado asegura que os autores gañadores "expresan o dinamismo e a vontade de renovación constante da literatura galega"
Esteban explicou que a obra xurdira "coma unha necesidade terapéutica, unha catarse obrigada tras o nacemento do meu fillo maior". "Nunca o tomei coma un exercicio literario senón coma un berro de impotencia, a necesidade de compartir un intenso sentimento de inxustiza", dixo, tras destacar que a novela negra "resalta mellor o contraste entre unha sociedade desmedida e un colectivo, o dos discapacitados intelectuais, considerado erradamente como enfermo ou retrasado".
Manuel Bragado, director da editorial Xerais, agradeceu o traballo das persoas do xurado e parabenizou á gañadora e gañadores "que expresan o dinamismo e a vontade de renovación constante da literatura galega". Fíxoo nun acto aberto por Celia Torres, coordinadora e presentadora dos premios, e no que Lydia Botana se ocupou do apartado musical do serán