Os profesionais galegos optarán a cinco premios Goya

Unha escena de 'A Esmorga' © Vía Láctea

A edición 2015 dos Premios Goya xa ten finalistas. Desta volta a representación do cinema e dos e das profesionais galegas será máis importante que en anos anteriores, optando aos galardóns en cinco categorías.  Os premios entregaranse o vindeiro 7 de febreiro, nunha gala que contará con dúas grandes favoritas: La Isla Mínima (17 nominacións) e El Niño (16 nominacións), que superan a marca fixada hai anos por Mar Adentro, que fora finalista en 14 categorías.

No apartado de mellor guión adaptado, está nomeada A Esmorga. O traballo de Carlos Asorey e Ignacio Vilar sobre a novela de Eduardo Blanco Amor competirá polo premio con Anochece en la India, Mortadelo y Filemón contra Jimmy el Cachondo e Rastros de sándalo. O filme dirixido por Ignacio Vilar estrearase nas vindeiras semanas en todo o Estado, despois de ter sumado ao redor de 40 mil espectadores e espectadoras só en Galicia entre novembro e decembro.

As interpretacións tamén poden traer un premio para Galicia. O ferrolán Javier Gutiérrez é candidato na categoría de mellor actor protagonista por La Isla Mínima, xunto con Raúl Arévalo (La isla mínima), Ricardo Darín (Relatos salvajes) e Luis Bermejo (Magical Girl), e preséntase como favorito para facerse do galardón, en dura competencia co seu compañeiro de reparto no filme de Alberto Rodriguez. O traballo de Nerea Barros en La Isla Mínima tamén pode valerlle un Goya, neste caso no apartado de mellor actriz revelación, categoría na que tamén son finalistas Natalia Tena (10.000 km), Yolanda Ramos (Carmina y amén) e Ingrid García Jonsson (Hermosa juventud).

O audiovisual galego adoita recibir alegrías nos apartados de animación, nos que é raro o ano no que non acada algunha candidatura. Desta volta o filme La tropa de trapo en la selva del arcoiris (producida por Abano Produccións, AneraFilms, La Tropa de Trapo e Continental) está nomeada na categoría de mellor filme de animación, competindo con Mortadelo y Filemón contra Jimmy el Cachondo e Dixie y la rebelión zombi.

Finalmente, Raquel Fidalgo e Noé Montes son finalistas na categoría de mellor maquillaxe e perruquería por El Niño; neste apartado tamén están nomeadas La isla mínimaMusarañas e Relatos salvajes. Raquel Fidalgo leva anos sendo unha habitual nas candidaturas dos Goya e é unha das profesionais máis demandadas no cinema español; en 2010 foi finalista por Celda 211. O mesmo que Noé Montes, nomeado o pasado ano por El artista y la modelo.

Javier Gutiérrez, en 'La Isla Mínima' Dominio Público Praza Pública
Nerea Barros, en 'La Isla Mínima' Dominio Público Praza Pública
A Tropa de Trapo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.