Os sete anos nos que A Coruña tivo o monopolio do comercio con oriente

Mapa da Coruña realizado por Pedro Texeira en 1634 Dominio Público

Hemeroteca

A travesía iniciada en 1519 por Fernão de Magalhães e completada tres anos despois por Juan Sebastián Elcano acabou de mudar a forma en que Europa concibía o mundo. Un planeta definitivamente redondo, algo máis grande do que Ptolomeo calculara e, ademais, circunnavegable. Dúas grandes potencias competían polo dominio das novas terras coñecidas e polas riquezas nelas contidas: España e Portugal. E foi así que os dous reinos asinaron sucesivos tratados (Alcáçovas en 1479 e, sobre todo, Tordesillas en 1494) para repartir en dúas partes o planeta enteiro.

Ambos os dous imperios pugnaban polo dominio das Illas Molucas, as coñecidas como Illas das Especias

O Tratado de Tordesillas fixou unha liña divisoria 370 leguas ao oeste das illas de Cabo Verde. Este reparto concedíalle a España o control sobre todo o continente americano (agás unha pequena parte, no actual Brasil) e o Océano Pacífico, e a Portugal outorgáballe a integridade de África e case toda Asia. Porén, ambos os dous imperios pugnaban polo dominio das Illas Molucas, as coñecidas como Illas das Especias, posuidoras dunha enorme riqueza en noz moscada ou clavo, entre outros produtos. Durante décadas españois e portugueses discutiron sobre conceptos xeográficos tales coma o tamaño real do planeta, pois dun ou doutro cálculo dependía a propiedade sobre este arquipélago. 

E onde entra A Coruña en todo isto? En 1503 os Reis Católicos crearon en Sevilla a Casa de Contratación das Indias, que detentaba o monopolio sobre todo o comercio con América. Isto proporcionoulle ao porto hispalense un poder e unha riqueza enormes durante os dous séculos seguintes, e fixo crecer notablemente a cidade. Pero o comercio coas Indias Orientais e as súas especias xeraba como mínimo o mesmo interese. 

En 1520 un grupo de nobres galegos, encabezados por Fernando de Andrade, o propio arcebispo de Santiago e numerosos comerciantes solicitáronlle ao Rei Carlos I que crease na Coruña unha Casa de Contratación semellante á de Sevilla para ocuparse co comercio con oriente, sobre todo coas Illas Molucas que España reclamaba.

En 1520 un grupo de nobres galegos solicitáronlle ao rei Carlos I que crease na Coruña unha Casa de Contratación semellante á de Sevilla

Os argumentos en favor da Coruña eran a seguridade dun porto ben defendido, a súa proximidade a Flandes e ao resto de portos do norte de Europa e, ademais, a garantía de que a cidade da Coruña renunciaría a algúns dos privilexios e esixencias que Sevilla si demandaba dos buques que pasaban polas súas augas. 

A presión tivo éxito e o 22 de decembro do ano 1522, o rei Carlos I outorgou á Casa de Contratación da Coruña o monopolio da Especiería. Pola Coruña pasaría o comercio español procedente de oriente e, ademais, a cidade galega tiña a responsabilidade de organizar as flotas e expedicións que realizarían este comercio. A obsesión eran as Illas Molucas e, sobre todo, chegar a elas polo oeste, polas augas de propiedade española (segundo o Tratado de Tordesillas), superando o continente americano. Magalhães e Elcano xa demostraran que había un paso polo sur (de feito chegaran na súa volta ao mundo ás Molucas), pero era importante atopar as rutas máis rápidas que fosen posibles,

 Na Coruña habitaron neses anos numerosos xeógrafos e cartógrafos

A Casa de Contratación da Coruña non chegou a iniciar a súa actividade comercial, pero a partir dese ano 1522, traballou na organización de varias expedicións na procura desas rutas cara oriente (polo oeste). Na Coruña habitaron neses anos tamén numerosos xeógrafos e cartógrafos, dada a importancia de afinar os cálculos e mellorar os mapas cos que contaba a flota. Entre eles o portugués Diogo Ribeiro, un dos máis importantes cartógrafos do século XVI. E tamén mariñeiros como Sebastián Elcano, Pedro de Vera, Rodrigo de Acuña, Jorge Manrique, Francisco de Hoce ou Santiago de Guevara.

Antigas murallas da Coruña CC-BY-SA Diego Delso

A primeira expedición partiu da Coruña a finais de 1524, comandada polo portugués Esteban Gómez, convencido de poder atopar un paso ao Pacífico un pouco máis ao norte da actual Florida. Durante meses a flota navegou polas costas de América do Norte ata chegar á actual Terranova. Finalmente, no verán de 1525 regresou á Coruña sen máis botín que un grupo de nativos que a expedición raptou na actual Nova Escocia.

Da Coruña partiron expedicións na procura de melloras rutas para chegar a oriente (polo oeste)

Pero nese momento preparábase xa a máus ambiciosa expedición coruñesa á procura das Molucas, a guiada por García Jofre de Loaísa, con sete buques e máis de 450 homes. Partiu o 24 de xullo de 1525 e despois duns incidentes na costa africana chegou a Brasil a mediados de novembro, descendendo ata o actual Río Gallegos, onde chegou en xaneiro de 1526. Porén, alí comezaron as verdadeiras dificultades, con desercións e un afundimento que deixaron a flota reducida a catro buques  

Tan só a finais de maio a expedición puido chegar ao Pacífico, onde sufriu unha forte treboada que dividiu a toda a flota. Un barco acabou en México, outro en Tahití e os outros dous conseguiron chegar ás Célebes e ás Molucas. O buque máis importante, a nao Santa María de la Victoria, chegou ás Molucas en outubro de 1526, 15 meses despois da súa partida. Alí foi atacada polos portugueses, que pugnaban polo control das illas, e a maior parte dos superviventes foron apresados e enviados a Goa, na India. Alí souberon que os seus esforzos foran inúltiles, pois España viña de renunciar ao comercio de especias  e ás propias Molucas. A Coruña ficaba, ademais, sen a Casa da Especiería.

En 1529 Carlos I aceptou o ofrecemento por parte de Portugal de 350.000 ducados a cambio de renunciar ás súas pretensións sobre as Molucas e, en xeral, sobre o comercio con oriente

O rei Carlos I, necesitado de diñeiro para facer fronte ás numerosas guerras que libraba no continente europeo, aceptou o ofrecemento por parte de Portugal de 350.000 ducados a cambio de renunciar ás súas pretensións sobre as Molucas e, en xeral, sobre o comercio con oriente. Así foi asinado en abril de 1529 no Tratado de Zaragoza. Era a fin da Casa da Especiería da Coruña, que nunca chegou a exercer como tal.

É imposible saber o que este lucrativo comercio tería suposto para a cidade da Coruña e para Galicia enteira. Non só a nivel económico, senón cultural e político. O mesmo que se poden imaxinar as transformacións urbanísticas que podería ter suposto na cidade herculina, como tamén as supuxo en Sevilla. En calquera caso, o proxecto estivo vixente apenas sete anos e foi desprazado polo intereses máis inmediatos da coroa española naquel momento. Sevilla seguiu dominando o comercio con América ata que en 1788 Carlos III asinou o Regulamento de libre comercio, que permitiu os desprazamentos entre 13 portos da Península (entre eles o da Coruña) e 27 de América. Pero esa xa é outra historia.

Mapa de Filipinas e as Molucas Dominio Público

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.