Ourense prepárase para a súa semana grande de cine

Clausura do Festival de Cine de Ourense © OUFF

O Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) presentou este xoves a súa 19ª edición, que se desenvolverá en catro espazos da cidade (Auditorio Municipal, Teatro Principal, Centro Cultural Marcos Valcárcel e Centro Cultural Ánxel Valente) do 15 ao 23 de novembro. Coma todos os anos na súa sección oficial, conformada por 10 filmes seleccionados entre 218 candidatos, destaca o cinema independente, as operas primas e os traballos de temática social. Outro dos polos máis importantes desta edición xirará ao redor do cinema galego. A preestrea de A Esmorga servirá para inaugurar o festival, que tamén lle dedicará unha sesión ao 25 aniversario da estrea de Sempre Xonxa, Continental e Urxa.

“O Festival de Ourense centrouse sempre na produción independente, que necesita atopar lugares para darse a coñecer", destaca Nora Sola, directora do certame. "A nós gústanos apostar por traballos que teñan un certo compromiso social e que sexan operas primas. Eses son algúns dos criterios cos que escollemos dez filmes para a sección oficial entre os 218 títulos presentados. Facemos unha aposta por películas arriscadas, cun certo compromiso, de temática social”, engade.

“O Festival de Ourense centrouse sempre na produción independente, que necesita atopar lugares para darse a coñecer", destaca Nora Sola, directora do certame

De igual xeito, o coordinador de programación, César Silva, sinala que a sección oficial “remarca a identidade do festival, na que predomina o cine social e que reivindica os dereitos humanos e a multiculturalidade”. "Estamos ante unha escolla de filmes que reflicten nas súas liñas argumentais problemáticas, emigración, relacións de parella ou a busca da propia identidade”, conclúe.

O Auditorio Municipal acollerá o sábado 15 de novembro ás 20.30 a preestrea do agardado filme de Ignacio Vilar A Esmorga, unha semana antes de que chegue ás salas comerciais. Nora Sola sinala que “esta película significa moito para Ourense, porque para nós a obra de Blanco Amor é algo moi especial, e ademais o propio director da Esmorga tamén é ourensán" e lembra que ademais da proxección "haberá actividades paralelas, coma un roteiro (o día 16) ou a representación dunha obra de teatro”.

O Auditorio Municipal acollerá o sábado 15 de novembro ás 20.30 a preestrea do agardado filme de Ignacio Vilar A Esmorga, unha semana antes de que chegue ás salas comerciais

A Esmorga é o presente do cinema galego, como Sempre Xonxa, Continental e Urxa son a súa historia e, en certa medida, o seu comezo. O 23 de novembro de 1989 estreáronse en Vigo conxuntamente estes tres filmes e, aproveitando o 25 aniversario deste fito, o OUFF proxectará de novo estes traballos os días 17 de novembro (Sempre Xonxa), 19 (Continental) e 20 (Urxa). Ademais, a proxección de Continental contará coa presenza do seu director, Xavier Villaverde, que nesta edición forma parte do xurado do festival, canda a Toni d'Angela, Teresa Fernández Valdés, Carlos Iglesias, Isabel Blanco e Moncho Lemos. A recuperación destes filmes "é unha forma de achegarnos á historia do cinema en Galicia nestes 25 anos, facendo un percorrido dende o que significaron estas películas ata o que se está facendo agora”, subliña Nora Sola.

A directora do certame destaca, finalmente, a consolidación do festival e a súa integración na cidade, despois de case vinte anos de historia: “O mérito é dos ourensáns. O festival foi crecendo e pasou por moitas etapas distintas, pero sempre cun obxectivo principal: a participación de toda a xente á que lle gusta o cinema e goza con el, e que acode a ver filmes que doutro xeito non podería visionar”

 

Sección oficial

Na selección oficial do festival destaca o papel do emerxente cinema latinoamericano, que este ano conta con catro representantes

Na selección oficial do festival destaca o papel do emerxente cinema latinoamericano, que este ano conta con catro representantes: ­La vida después (David Pablos), La madre del cordero (Rosario Espinosa Godoy ­e Enrique Farías Bargüena), A história da eternidade (Camilo Cavalcante) El cerrajero­ (Natalia Smirnoff). Cómpre salientar igualmente a comedia hispano-estadounidense Toastmaster. El maestro del brindis (Eric Boadella) ou a polaca Kebab i horoskop (Grzegorz Jaroszuk). Son recomendables tamén La preuve (Amor Hakkar) ou Simindis kundzuli (George Ovashvili), cuxos directores xa pasaron polo certame ourensán noutras edicións.

 

Outras seccións e actividades

Ademais, no OUFF poderán verse outros 31 títulos fóra de competición, nas súas Seccións Paralelas

Ademais, no OUFF poderán verse outros 31 títulos fóra de competición, nas súas Seccións Paralelas. Por elas pasarán pezas premiadas en festivais como o de Palm Springs, San Sebastián, São Paulo, Berlín ou Venecia. A sección Inédito en Ourense recupera os títulos máis interesantes estreados en España durante o ano e que non pasaron pola carteleira ourensá. Panorama Galicia é o punto de encontro do audiovisual de Galicia, cunha ducia de novos traballos de realizadores galegos, moitos deles presentando as súas primeiras pezas. Haberá tamén unha sección de Documentais e outra, Cine e Viño, dedicada a filmes nas que este elemento é protagonista.

Este ano o OUFF Escola bateu marcas de participación, ao recibir 76 traballos audiovisuais, no que colaboraron máis de dous mil mozos e mozas

Outro dos espazos que máis éxito vén acadando nos últimos anos é o certame OUFF Escola, aberto ao alumnado dos centros de ensino de Galicia, buscando potenciar o uso das tecnoloxías da información e da comunicación nos centros e crear un espazo de referencia para a mostra do audiovisual feito nas aulas. Este ano o OUFF Escola bateu marcas de participación, ao recibir 76 traballos audiovisuais, no que colaboraron máis de dous mil mozos e mozas. Os filmes foron valorados por un xurado, e os gañadores e gañadoras dos premios faranse públicos e entregaranse no marco do festival.

Presentación oficial do festival, este xoves © OUFF
Rodaxe de 'A Esmorga' na Praza Maior de Ourense © A Esmorga

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.