Outra noite de música e palabra solidaria para se implicar

O festival Implícate!, en 2013 © Implicadas

Un ano máis, e xa van nove, Compostela acollerá a cita anual coa cultura e a solidariedade que organiza a ONG Implicadas no Desenvolvemento. Este domingo 12 de xaneiro desde as 20.30 horas, no Teatro Principal, os asistentes poderán gozar dunha nova Noite de música e palabra solidaria, nunha gala presentada pola escritora Yolanda Castaño e que contará cunha morea de artistas que desinterasadamente participan nun acto que, como o seu propio nome indica (Implícate!), "apela á solidariedade da cidadanía galega nun encontro entre a cultura e o compromiso".

Implicadas convida o público do festival "a ver o mundo con outros ollos, a reflexionar e a cambiar as estruturas sociais desde aquí"

O obxectivo fundamental desta cita será, novamente, dar a coñecer o traballo de Implicadas no Desenvolvemento -tanto os programas de cooperación que desenvolve en comunidades do Sur, como as actividades de sensibilización que realiza en Galicia-, así como "convidar o público a ver o mundo con outros ollos, a reflexionar e a cambiar as estruturas sociais desde aquí, desde unha conciencia crítica e accións claras", tal e como aclara o colectivo e como explicaron Yolanda Castaño e María Reimóndez, vicepresidenta de Implicadas, en rolda de prensa.

Ao tempo, os cartos recadados coa iniciativa destinaranse integramente a financiar os programas de cooperación que Implicadas apoia na India. As entradas (12 euros para o público xeral e 8 para estudantes) pódense adquirir xa na taquilla de Novagalicia Banco e na do Teatro Principal e ademais está dispoñible  unha fila 0 na mesma entidade bancaria, coa que tamén se poderá colaborar mediante unha achega mínima de 5 euros.

O pública que asista este domingo á gala de Implicadas en Compostela poderá gozar da música de Najla Shami, Deusa Tola ou os Ataque Escampe; da danza de Druídadanza; dos recitais literarios de Olga Novo, Cesáreo Sánchez Iglesias, Elvira Riveiro e Daniel Salgado; así como das pezas teatrais de Camila Bossa e Iolanda Muíños e máis de David Perdomo.

Luís Tosar non estará esta vez no festival tras a polémica pola súa participación nun vídeoclip con imaxes de violencia de xénero

No festival de Implicadas non estará esta vez Luís Tosar, cuxa habitual participación na gala foi cancelada pola ONG logo de que o actor galego participase no vídeoclip da canción Hey, Hey, Hey do grupo chileno Los Tres, no que se conta a historia dun home que mata a súa muller tras unha infidelidade e na que se recollen imaxes de violencia de xénero.

Implicadas xa manifestara o seu "malestar" pola aparición de Tosar nese vídeo, ao que este respondeu cun comunicado no que pedía desculpas, asumía o erro e recoñecía a idoneidade de non estar presente no festival deste ano. Na rolda de prensa deste mércores, Implicadas condicionou a participación do actor en futuros eventos da ONG a "un proceso de reflexión consensuada", tal e como aclarou María Reimóndez, que agarda que a xente que apoia a causa da organización "o siga facendo" e que se "encha igual o Teatro Principal".

Implicadas condiciona a participación do actor en futuros eventos da ONG a "un proceso de reflexión consensuada"

Reimóndez reiterou que o traballado de Implicadas debe basearse na "coherencia de principios", que é o que "celebran cada ano no festival xunto as súas compañeiras do Sur e os artistas que os acompañan".

Cartaz do festival de Implicadas Dominio Público Praza Pública
O festival Implícate!, en 2013 © Implicadas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.