O salón de actos da Deputación Provincial de Lugo acolle o mércores 30 ás oito da tarde a estrea do documental Pacios. As fotos da memoria, escrito e dirixido polo xornalista Manuel Darriba. Porén, o proxecto ten outra orixe. Pacios narra un proxecto moi persoal do fotógrafo sarriao Toño de López, que o pasado ano quixo regresar á súa aldea natal de Pacios, no Concello do Incio, para retratar os últimos veciños cunha vella cámara de placas.
Era un traballo de fin de curso para a Facultade de Belas Artes, pero era algo máis. Era unha forma de procurar a memoria de seu pai e a súa propia, a da súa infancia, e a da aldea no seu conxunto, salvando con imaxes e co complexo (e longo) proceso de retratado cunha cámara obsoleta a fenda que o separa dese tempo.
Era unha forma de procurar a memoria de seu pai e a súa propia, a da súa infancia, e a da aldea no seu conxunto, salvando con imaxes a fenda que o separa dese tempo
Durante eses días de convivencia, Toño reabriu a casa familiar, abandonada na actualidade e durante ese tempo conversou cos veciños, retratounos coa cámara e coa conversa. Manuel Darriba recolleu ese proceso en vídeo e pouco despois convertiuno nun documental, que xa se puido ver nos festivais internacionais de Tesalónica (Grecia) e Lucerna (Suíza), e que despois da súa estrea este mércores no Salón de Actos da Deputación de Lugo estará en xuño no Festival de Cine Etnográfico do Museo do Pobo Galego, en Compostela.
Non será a primeira vez que o filme se vexa en Galicia, pois xa se realizou un pase privado para os propios veciños que son os protagonistas da película, e tamén se proxectou en Sarria, coincidindo coa exposición das fotografías tiradas en Pacios por Antonio López.