Paredes de Coura: 20 anos de música na 'raia'

Paredes de Coura © Hugo Lima

Todo o que estivo no Festival de Paredes de Coura, aínda que só fose unha vez, gárdalle un cariño particular ao festival. Sexa polo anfiteatro natural e verde, moi verde, no que se celebra, sexa pola cómoda zona de acampada, sexa polo bo ambiente entre os asistentes ou por suposto polas moreas de bos concertos que dende 1993 leva acollendo esta pequena vila do norte de Portugal, a menos de 30 quilómetros de Tui.

Esta semana está celebrándose a vixésima edición do evento, de novo cun cartaz inzado de grupos coñecidos da escena independente internacional e de novas apostas. O festival comezou o luns, aínda que vivirá as súas xornadas máis fortes este mércores, xoves e venres. Como xa é tradición, o Paredes de Coura iniciouse baixo a chuvia, aínda que co atractivo de dous dos nomes do ano, como son Japandroids e tUnE-yArDs, ou a actuación de Stephen Malkmus & The Jicks.

O festival ofrece até este venres as actuacións de Midlake, Sleigh Bells, Digitalism, dEUS, Kasabian, Of Montreal, Gang Gang Dance, Crystal Fighters, The Go! Team ou Best Youth. Un bo reclamo para atraer, ao igual que en anos anteriores, milleiros de galegos e galegas, desexosas de gozar dun festival de verán de primeiro nivel a uns poucos minutos da casa.

 

Vinte anos de historia

E canda aos grandes nomes, apostas de futuro. O cartaz de 2005, encabezado por Pixies, Nick Cave ou Foo Fighters, contou por exemplo coa presenza duns -daquela- descoñecidos Arcade Fire

Paredes comezou como unha aposta modesta, con menor orzamento e asistencia que o próximo festival de Vilar de Mouros, desaparecido hai uns anos. Foi crecendo e xa a partir de 1998 e 1999 puido permitirse o esforzo de contratar a grandes nomes internacionais coma Suede, Mogwai ou Guapo Apes. Nos anos seguintes pasaron por esta praia fluvial Coldplay, Yo la Tengo, Flaming Lips, Queens of the Stone Age, Korn, Incubus, Gotan Project, Placebo, P.J. Harvey, Yeah Yeah Yeahs, Scissor Sisters, Black Rebel Motorcycle Club, The Kills, Sonic Youth ou Mark Lanegan Band. Moi lembrados son os concertos de Morrisey 2006), M.I.A. (2007) ou Pulp (2011).

E canda aos grandes nomes, apostas de futuro. O cartaz de 2005, encabezado por Pixies, Nick Cave ou Foo Fighters, contou por exemplo coa presenza duns -daquela- descoñecidos Arcade Fire, e nos anos seguintes a historia repetiuse con Digitalism, The Horrors ou Justice.

O festival vai conmemorar as súas dúas décadas de historia con diversas actvidades coma a realización dun mural xigante ou a convocatoria dun certame de novos talentos para bandas na primeira xornada do evento.

Paredes de Coura © Hugo Lima
Crystal Fighters © Praza Pública
Kasabian © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.