Volven os máis jrandes. Heredeiros da Crus ofrecerán o sábado 3 de marzo na LP45 de Ordes o seu primeiro concerto en sete anos, celebrando as dúas décadas do grupo, un momento histórico para o que levan ensaiando varios meses. Símbolo dunha xeración, a do bravú, a do Xabarín Club, recibiron ducias de milleiros de peticións de entradas, deixando aberta a posibilidade de facer máis concertos este ano.
Ribeira, festa da Dorna de 1992, un grupo de rapaces que se fan chamar Heredeiros da Crus e que levan un tempo ensaiando nun galiñeiro en Poi dan o seu primeiro concerto. En 1994 publican o seu primeiro disco, A Cuadrilla de Pepa a Loba, no que se inclúen himnos como Quero josar ou O fillo de José. Despois chegaron Está que te cajas!! (1996) con temas como emblemáticos como O teu fillo fuma porros ou A chaqueta de lana, e Des Minutos (1997), Erecsiones munisipales (1999), All right Chicago (2000) -o primeiro álbum en directo gravado por unha banda de rock en galego-, Recambios Tucho (2001) e Chicarrón (2004).
E ducias de concertos en Galicia e fóra dela (mesmo en Londres ou Nova York), cancións e vídeos para o Xabarín Club ou versións da mítica My Sharona. Despois de 2005 cada un seguiu o seu camiño: Javi funda o grupo Jabon Blue coa colaboración de Tucho, Tonhito fai o mesmo con A Banda de Poi, Fran participa na banda acústica Mustang... Este sábado regresan, coas Agoraphobia de Boiro como teloneiras. Falamos con Tonhito de Poi sobre o regreso.
Como vos sentides a unha semana do regreso: excitados, nerviosos, enferruxados...?
Enferruxados, nada. Estamos engraxados e a pleno rendemento e cunha tensión brutal, estamos como un tigre de bengala a punto de saír a cazar.
Con Heredeiros destes centos de concertos, e despois tamén cos vosos proxectos por separado. Pero sentídesvos case como a primeira vez?
É moito máis tensión que a primeira vez que tocabamos, porque naquela época non tiñas que demostrar nada, e agora tes a obriga de mostrarte e de demostrar.
Como están sendo os ensaios?
Ensaiamos seguido, mirando cada nota, cada acorde, e entregándonos, acabamos os ensaios suando. En cada ensaio ensaiamos todo o concerto seguido, para practicar os cambios, as afinacións, e mirando a ver se resiste ben o corpo. Temos dous locais de ensaio, un en Aguiño e outro no Araño.
Hai expectación en toda Galicia, pero supoño que no Barbanza a cousa será unha loucura, non?
Buf, alugáronse autobuses, ocuparon case todas as prazas hoteleiras que hai en Ordes..., monopolizaron todo. Saen autobuses de Ribeira, de Corrubedo...
"Gústanos a LP porque o primeiro contacto ten que ser así como a troneira dun volcán, ten que haber calor, ten que haber presión"
Escollestes a LP45 de Ordes, que quedou moi pequeno para a demanda de entradas. Arrepentídevos de non ter optado por un pavillón?
A demanda de entradas que tivemos daba para encher o Coliseum da Coruña un par de veces ou un campo de fútbol. Por exemplo, as últimas 300 entradas que puxemos á venda en Internet tiveron máis de 16 mil peticións en vinte minutos, até que caeu o servidor. Pero gústanos a LP porque o primeiro contacto ten que ser así como a troneira dun volcán, ten que haber calor, ten que haber presión, o público ten que estar cerca de nós e ter contacto carnal, para que estoupe todo. Ademais queríamos que houbese un bo son, e vai haber un son moi bo. Escollémolo por iso.
Cantas peticións entradas recibistes?
Unha burrada, aínda me chamaron onte de Londres un grupo que viña a Ordes, mesmo sen entrada, eu levo semanas con máis 200 mensaxes diarias no Facebook. Fomos o número un en Ticketmaster en toda a España e quedou a xente de Madrid ou Barcelona preguntando quen eran eses Heredeiros da Crus.
Hai unha xeración que vos seguiu, que xa vos viu en directo e que quere repetir, pero hai outra, máis nova, que nunca tivo esa oportunidade...
Si, e precisamente e esa xente a que buscamos, a que nunca nos puido ver.
"De momento imos facer este concerto e despois xa veremos"
E pensastes como vai continuar isto. Vai haber máis concertos este ano?
Non o sei, eu de momento ao rematar o concerto marcho para a selva amazónica, cun chamán ao que lle estou gravando un disco que é brutal, e agora el volve para a Amazonía e vaime guiar até a súa tribo; é unha viaxe da que tiña moitas ganas e por fin conseguín facelo. E o resto tamén segue cos seus proxectos. Con Heredeiros xa veremos que pasa, non quero facer grandes planes, de momento imos facer este concerto e despois xa veremos.
Vaivos faltar Medín no concerto, que anda por Escocia...
Intentámolo, intentámolo, pero non puido ser. O noso Medín está alá e está moi ben considerado, é músico de estudio en Escocia, traballando para a Warner, e podía coller quince días para vir, pero para este directo necesitabamos ensaiar xuntos durante moitas semanas seguidas.
Que ides tocar? Pódese contar?
Van ser as nosas cancións máis coñecidas. Si que vai haber algunhas sorpresas que seguramente só coñezan os fans, algunha canción que estaba no primeiro cassette, e algo así, pero non imos inventar nada. Pero o espectáculo vai ser impresionante.
Cal foi o voso mellor concerto?
O mellor concerto de todos, o que a min máis me impactou, foi a primeira vez que tocamos en Castrelos diante de vinte mil persoas. Non foi tanto pola cantidade, porque o último concerto que demos na Coruña foi en Riazor con máis de 50 mil persoas. Pero o de Castrelos foi impresionante, porque pasamos de estar tocando nos bares, de pé enriba do ampli e parando para ir ao baño. Ese día, cando levantei a cabeza, treméronme as pernas.
"O concerto máis duro foi aquel en Caranza, en Ferrol, cando me deron unha pedrada na cabeza"
E o peor, ou o máis duro?
O concerto máis duro foi aquel en Caranza, en Ferrol, cando me deron unha pedrada na cabeza e tiveron que sacarme en ambulancia e a xente berrando 'tonhito, tonhito'. Estivo guai, porque ao médico que estaba de garda, que me atendeu, cambiáranlle a garda e non puidera ir ao concerto. E díxome “mira, non puiden ir ver a Heredeiros, e Heredeiros viume ver a min”, e estivemos cantando uns temas. Pero a pedrada foi tan brutal, que perdín o coñecemento, e foi un momento duro, había moito sangue. Pero foi todo ben, prometemos volver o ano seguinte, e volvemos. E xa dixemos, “os de Caranza duros coma pedras, e o que estea libre de pecado, que tire a primeira pedra, pero na última canción”.
Fostes un fenómeno para unha xeración, que quedou marcada polo bravú, o Xabarín e outras cousas que estaban pasando a finais dos noventa. Érades conscientes de todo o que estaba pasando? Que importancia lle dades?
Importancia, toda, porque os sentimentos da xente son importantes. Pero nós non eramos conscientes en absoluto, para nada. Despois, co paso dos anos, si, cando comezamos a ver as primeiras tatuaxes de Heredeiros, até vin un tío co Pato Joshua tatuado na cacha..., iso dáche un pouco de vértigo. Ou despois dalgún concerto brutal, chegabamos ao camerino e parabamos a pensar e diciamos “Chicos, somos conscientes do marabilloso concerto que están atravesando as nosas vidas?”. Acórdome dun concerto en Vilagarcía, que o camerino era un destes containers das obras, e a xente comezou a rodealo e tivo que vir a policía para que puidésemos saír. Agora coas redes sociais si que temos o feedback da xente. E foi ese feedback, sobre todo o da xente que nunca nos puido ver, o que nos deu a idea de facer este concerto.