PhotoÁgora: Fotografía 'maxistral' e en primeira persoa

Fotografía da serie gañadora do concurso PhotoAgora, de Óscar Palomares © PhotoAgora

Ouka Leele, José Manuel Navia, Chema Madoz e Juan Manuel Castro Prieto, catro dos máis respectados fotógrafos españois contemporáneos, protagonizan na Coruña a partir desta semana e até final de mes a primeira edición de PhotoÁgora, coordinada por Gabriel Tizón, e que inclúe unha serie de clases maxistrais, un concurso internacional e unha exposición dos traballos gañadores e finalistas.

A madrileña Ouka Leele abrirá o ciclo o día 7 e José Manuel Navia (día 14), Chema Madoz (día 21) e Juan Manuel Castro Prieto (día 28) completarano nas semanas seguintes

A madrileña Ouka Leele abrirá o ciclo o día 7 e José Manuel Navia (día 14), Chema Madoz (día 21) e Juan Manuel Castro Prieto (día 28) completarano nas semanas seguintes. Estes talleres, nos que os fotógrafos "ispen" o seu proceso creativo e debullan "en primeira persoa" a súa traxectoria profesional nun "intercambio" cos alumnos, en palabras de Tizón, están abertos á participación de calquera, teña ou non formación e sexa ou non sexa profesional do medio. Ofértanse 40 prazas a un prezo de 85 euros –xantar incluído– para cada masterclass, a desenvolver en horario de mañá e tarde, desde as 10 até as 20.30 horas. O de Chema Madoz, iso si, xa está completo.

O Centro Ágora expón tamén as fotografías gañadoras e finalistas do concurso internacional PhotoÁgora, seleccionadas entre as máis de 1.300 recibidas por un xurado composto por Vari Caramés, Miguel Riopa, Amador Lorenzo e o propio Gabriel Tizón. O concurso centrábase na cultura de barrio, explica Tizón, "para ser consecuente co papel da Ágora", un centro sociocultural situado no Agra do Orzán, na parte alta da cidade. No vestíbulo pódese ver a serie gañadora, Gracia, tradición y color, do barcelonés Óscar Palomares, mentres que na rampla de acceso ao auditorio exponse Calle Barcelona a pie, de José Cadaveira, británico afincado na Coruña, e na primeira planta a outra finalista, Wall Street y alrededores de Manhattan, do madrileño Luís Sánchez Davilla.

Fotografía da serie gañadora do concurso PhotoAgora, de Óscar Palomares © PhotoAgora

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.