O poeta e dramaturgo vigués David Fernández Rivera, inaugurou o pasado venres o seu poema visual Azabache na fachada da piscina municipal de Porriño. Pero foron os nenos os grandes protagonistas do acto, rapaces e rapazas de 5º e 6º de Primaria de todos os centros educativos do municipio nos que o artista impartiu o seu Proxecto Caligrama 2000, unha iniciativa pedagóxica coa que se pretende achegar a poesía visual aos máis pequenos.
David Fernández inaugurou o seu poema visual na fachada da piscina municipal do Porriño
Foi unha nova festa da poesía na que David Fernández, despois dunhas primeiras verbas sobre a experiencia vivida ao longo do curso, ofreceu aos nenas unha das múltiples e infinitas interpretacións da obra Azabache, "toda unha reivindicación da infancia, a mocidade e, especialmente da nosa esencia ou autenticidade, un valor que contrasta totalmente coa superficialidade dunha parte importante da nosa sociedade".
A continuación, os nenos expuxeron aos compañeiros as vivencias do Proxecto Caligrama 2000, mostrando os seus poemas visuais, recitando traballos para a ocasión ou mostrando xogos interactivos con poesía.
Con Azabache, David Fernández Rivera inicia unha serie de murais de poesía visual que forman parte da súa colección Rostros de Cuarzo, unha exposición de diferentes creacións de poesía visual, poesía obxecto, escultura e instalación que o artista busca expoñer en diferentes museos e salas a partir do vindeiro ano. Ademais de no Porriño, tamén Covelo e varias cidades en Colombia sumaranse á iniciativa de Rivera de levar parte da súa colección a diferentes localidades.
O Concello do Porriño é o primeiro en acoller unha proposta que procura sacar a arte da sala ou do museo para que forme parte da contorna urbana e rural dos máis diferentes paisaxes.