Pontevedra é unha cidade referencia en todo o planeta pola súa política de mobilidade. Pero é tamén unha cidade de cultura. E de cultura crítica
Pontevedra é unha cidade referencia en todo o planeta pola súa política de mobilidade. Dende o ano 1999 o Concello vén desenvolvendo un proceso de transformación urbana que recuperou para as persoas o espazo público anteriormente ocupado polos coches. O resultado é unha urbe máis paseable e máis vivible na que desapareceron os atropelos e dimuinuíu a contaminación. Pero Pontevedra é tamén unha cidade de cultura. E de cultura crítica.
Non é casualidade que dende hai anos a boa vila veña acollendo o Culturgal, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil, os Premios da Música Galega Martín Códax, o Festival Novos Cinemas, o ciclo Urbtopías o foro As Mulleres que Opinan son Perigosas. E, agora, os Premios Feroz. O pasado mes de maio coñecemos que Pontevedra sería a sede das edicións 2025 e 2026 destes galardóns audiovisuais impulsados dende hai unha década pola Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE) e que, coma os Globos de Ouro -organizados tamén por xornalistas- marcan a tendencia sobre o mellor do ano no cine e nas series.
Aínda que os Feroz adoitan entregarse en Madrid, esta non é a primeira vez que descentralizan a súa organización, que pasou tamén por Bilbao e por Zaragoza (en dúas ocasións). Porén, nunca se organizaran nunha cidade de pequeno tamaño como Pontevedra. E a aposta está a multiplicar as expectativas.
Os Feroz entregaranse o 25 de xaneiro no Recinto Feiral de Pontevedra. Pero os galardóns son moito máis que unha gala de entrega de premios, senón que inclúen unha completa programación de actividades formativas, proxeccións, clases maxistrais, debates, concertos...
Os Feroz entregaranse o 25 de xaneiro no Recinto Feiral de Pontevedra. Antes, o vindeiro xoves 28 o Teatro Principal acollerá o anuncio das producións e profesionais finalistas nas 25 categorías, nun acto presentado por Clara Galle e Álvaro Rico que se poderá seguir en directo por YouTube. Pero os Premios Feroz hai tempo que comezaron.
Os galardóns son moito máis que unha gala de entrega de premios, senón que inclúen unha completa programación de actividades formativas, proxeccións, clases maxistrais, debates, concertos..., todo para cumprir co primeiro obxectivo da asociación organizadora: "tender unha ponte entre a industria e o público, poñer en contacto á cidadanía cos seus artistas", como destaca en conversa con Praza.gal Laura Seoane, produtora executiva dos premios e socia fundadora da AICE.
Que gaña Pontevedra cos Feroz?
Os Premios Feroz supoñen un escaparate inmellorable para a imaxe da cidade de Pontevedra. Un cálculo realizado pola auditora Onclusive cifrou en 57 millóns de euros o beneficio económico xerado polos galardóns en Zaragoza, que acolleu os galardóns no ano 2023
Os Premios Feroz supoñen un escaparate inmellorable para a imaxe da cidade de Pontevedra. Un milleiro de persoas asistirán á gala de entrega, que se poderá ver en directo por televisión. Un cálculo realizado pola auditora Onclusive cifrou en 57 millóns de euros o beneficio económico xerado polos galardóns en Zaragoza, que acolleu os galardóns no ano 2023. A cambio, a organización dos premios ten un gasto de 968.000 euros (800.000 más IVE) para o Concello en cada un dos dous anos de celebración dos Feroz na cidade.
O retorno ten unha parte directa -pola presenza na cidade desta gran masa de convidados e profesionais- pero sobre todo outra indirecta, pola promoción da urbe e o impacto xerado a nivel de imaxe. Así o destaca tamén Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica: "a gala ten un retorno moi positivo a nivel económico pero tamén a nivel de promoción. Van estar na nosa cidade moitos xornalistas especializados, o que vai contribuír a poñer aínda máis a Pontevedra no mapa", di.
Gulías salienta a "pegada" que os Feroz están a deixar en Pontevedra, "unha cidade extremadamente comprometida coa cultura, coa creatividade e coa cultura crítica", lembra, contribuíndo a forxar unha imaxe de cidade culturalmente avanzada e innovadora, como tamén o fai noutros ámbitos, coma o deporte (coa organización da Final das Series Mundiais de Triatlón ou o Campionato de Europa de Ciclocrós) e, por suposto, coa mobilidade e o urbanismo.
"Non só se transforma unha cidade quitando os coches das rúas, senón realizando unha programación cultural nesta dirección, unha cultura entendida como acceso democrático e no espazo público", di Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica
Para a edil, ademais, todos estes elementos van en conxunto e reman na mesma dirección. "Aquí, dende o ano 1999 en que comezou a gobernar o BNG, implementouse un modelo de transformación urbana, con ecos moi importantes en cuestións de mobilidade e de loita contra a emerxencia climática. Somos coñecidos por estes avances no tratamento do espazo público. Pero o modelo sempre foi máis aló destas cuestións e ten derivacións noutros aspectos, como a cultura e a cultura entendida como acceso democrático e no espazo público", subliña Gulías.
Así, "unha das primeiras accións de goberno foi trasladar ao centro da cidade as festas populares, cun obxectivo de achegar as propostas de lecer", exemplifica, ao tempo que debulla a programación "dun milleiro de actividades culturais e de lecer no espazo público e na rede de equipamentos do Concello" ao longo do ano. "Todo iso ten que ver co modelo de transformación urbana. Non só se transforma unha cidade quitando os coches das rúas, senón realizando unha programación cultural nesta dirección", resume. "A clave é que os veciños e as veciñas se sumaron a esta transformación, de xeito que cada vez que fas unha programación cultural de calidade en Pontevedra, a cidadanía responde", engade
Que gañan os Feroz: unha cidade entregada durante meses á cultura audiovisual
"Estamos a esgotar as entradas en espazos moita capacidade. A realidade é que estamos a ter máis asistencia que outros anos, a pesar de estar nunha cidade con moitos menos habitantes", destaca Laura Seoane, da organización dos premios, sobre o éxito da programación paralela
A organización dos Feroz maniféstase "sorprendida" co impacto e o seguemento que os premios están a ter en Pontevedra. Dende o comezo apostouse por ir máis aló dunha simple gala e deseñar un amplo programa formativo e divulgativo, que comezou en outubro e durará varios meses. Esta perspectiva "sempre foi moi importante para nós, queríamos ir máis aló da gala final e puxemos esta condición nas negociacións para organizar o evento", explica Anabel Gulías dende o Concello.
Tamén Laura Seoane, da entidade organizadora celebra esta forma de traballar, que permite "tender unha ponte entre a industria e o público". Seoane salienta que esta programación previa está a ter un impacto "moito máis grande" que cando as actividade se realizaban nunha cidade de maior tamaño, como Madrid, Zaragoza ou Bilbao: "Está a ter unha repecusión, unha asistencia e un interese maior que nunha cidade maior. Estamos a esgotar as entradas en espazos moita capacidade. A realidade é que estamos a ter máis asistencia que outros anos, a pesar de estar nunha cidade con moitos menos habitantes". "Desde a asociación sempre foi unha gran motivación mover de Madrid os Feroz, cremos que descentralizar é bo para os premios", engade.
Esta programación previa serve para "tender unha ponte entre a industria e o público", para incrementar a conexión co sector audiovisual galego e tamén para vincular as actividades dos Feroz co Campus Crea da universidade
Esta programación previa serve, ademais, para incrementar a conexión co sector audiovisual galego, que está a vivir un momento de gran crecemento, lembra Seoane. E tamén coa universidade. Cómpre lembrar que o Campus Crea da Uvigo en Pontevedra acolle a única facultade galega de Belas Artes, un mestrado en Deseño e Moda único en Galicia e tamén a Facultade de Publicidade e Comunicación Audiovisual.
"Para nós era fundamental a coordinación e a vinculación das actividades dos Feroz co Campus Crea da universidade, interesábanos ter esta alianza estratéxica", di Anabel Gulías, que engade que "ao que aspiramos dende o Concello é a que o alumnado que está cursando estes estudos escolla Pontevedra como asentamento profesional".
"Que os Feroz se entreguen por primeira vez en Galiza debería ser positivo para a cultura galega, sobre todo se falamos dun sector coma o audiovisual que goza de moi boa saúde no país. Pero non temos noticias da Xunta, critica Anabel Gulías
Como exemplo deste obxectivo, Laura Seoane destaca a clase maxistral ofrecida esta semana por Alberto Vázquez, gañador de tres Premios Goya, o último por Unicorn Wars. O coruñés estudou en Pontevedra na Facultade de Belas Artes. Para Seoane "é importante que os estudantes vexan que estes referentes próximos están aí, triunfando, e que para eles acadar ese mesmo obxectivo non é imposible nin irrealizable".
Para Anabel Gulías toda esta actividade previa que é unha realidade en Pontevedra grazas á organización dos Feroz, "contribúe a incrementar a oferta cultural da cidade" e consegue "abrir a novos segmentos de poboación novas disciplinas creativas e achegar unha cultura equitativa e democrática, porque todas as actividades son gratuítas".
A Xunta, ausente
"A aposta pola cultura e pola creatividade é unha forma de facer política, cada un a pon no lugar que quere e dálle a prioridade que considera", conclúe Gulías
A concelleira só bota en falta o apoio da Xunta de Galicia na organización dos galardóns. "A Xunta nunca estivo á altura do que se lle esixe, coa colaboración lóxica con estas actividades que dende Pontevedra organizamos", di Gulías. "Que os Feroz se entreguen por primeira vez en Galiza debería ser positivo para a cultura galega, sobre todo se falamos dun sector coma o audiovisual que goza de moi boa saúde no país. Pero non temos noticias da Xunta, critica.
Anabel Gulías conclúe: "a aposta pola cultura e pola creatividade é unha forma de facer política, cada un a pon no lugar que quere e dálle a prioridade que considera".