O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores confirma que Pontevedra foi elixida para acoller a celebración dos Premios Feroz, considerada a antesala dos Premios Goya
Alfombra vermella, celebridades paseando ao carón do Lérez… Pontevedra vestirase de gala para acoller durante os dous vindeiros anos a celebración dos Premios Feroz, que chegan por primeira vez a Galicia nos seus once anos de historia.
“Hoxe é un gran día para a cidade de Pontevedra e para Galicia. A boa vila será a sede dos Premios Feroz en 2025 e 2026”. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou este mércores que Pontevedra foi elixida para acoller esta celebración do cinema español, considerada a antesala dos Premios Goya.
Acompañado da presidenta da Asociación de Informadores Cinematográficos de España, María Guerra, o alcalde explicou que a cita será no Pazo da Cultura. O alcalde puxo de relevo o pulo do sector audiovisual de Pontevedra, coa presenza de produtoras que triúnfan, o Festival Novos Cinemas, o Culturgal, ou o propio funcionamento da Facultade de Ciencias Sociais, onde se imparte o Grao de Audiovisual.
“Para min é unha honra que Pontevedra sexa sede dun evento como este que tomará a cidade e a comarca afondando no obxectivo de unir cultura e turismo contra a desestacionalización”
“Os Premios Feroz encaixan á perfección en Pontevedra, que achegan unha visión compartida que vai máis alá dos premios con diversas experiencias en forma de obradoiros, proxeccións ou outras actividades que serán reveladas no seu momento”, asegurou o rexedor. “Para min é unha honra que Pontevedra sexa sede dun evento como este que tomará a cidade e a comarca afondando no obxectivo de unir cultura e turismo contra a desestacionalización”. “Trascende a cidade de Pontevedra”, engadiu Lores.
María Guerra foi a encargada de anunciar as primeiras datas para a vindeira edición, que se celebrará o sábado 25 de xaneiro no recinto feiral. A xornalista especializada en cinema explicou que a gala de entrega adoita acoller uns 1.000 invitados e pon en contacto a industria coa cidadanía. “Pontevedra revalida a súa condición de ciudade culta e aberta”, asegurou Guerra.
Desde a terraza do propio Pazo da Cultura, nun solleiro día que ben podería ser de verán –“Non esperabamos este Caribe galego dixo María Guerra-, a presidenta da asociación que organiza os premios do cinema informou tamén que tamén o anuncio das nominacións para as 25 categorías terán lugar en Pontevedra a finais de ano, probablemente no mes de novembro. “Queremos que sexa un punto de encontro entre os creadores e a sociedade xa desde outono”, explicou.
“Non só aspiramos a organizar unha cerimonia de premios, senón atraer o público a actos e eventos que os interpelen”, explicou María Guerra
A organización irá invitando aos creadores á cidade de Pontevedra para falar do seu traballo. “Somos unha asociación de xornalistas de cinema e series empeñada en poñer en contacto á cidadanía cos seus artistas. Non só aspiramos a organizar unha cerimonia de premios senón atraer o público a actos e eventos que lles interpelen”.
Guerra gabou o sector audiovisual galego, con “produtoras potentísimas ao tempo que destacou a creadores e creadoras como Lois Patiño, Oliver Laxe ou Jaione Camborda. A presidenta da Asociación de Informadores Cinematográficos de España detallou que unha das razóns para a elección de Pontevedra foi as posiblidades do recinto feiral, onde se despregará unha alfombra vermella de 100 metros.
A Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE) é un grupo de máis de 250 xornalistas e críticos dedicados a informar sobre cinema en televisión, radio, prensa e Internet de todo o país. Desde 2014 entregan os Premios Ferzo para destacar o mellor da produción audiovisual española do ano.
Anteriormente os Premios Feroz celebráronse en Madrid (varias edicións), Bilbao (2019), Alcobendas (2020) e Zaragoza (2022 e 2023).