Pontevedra pode quedar sen cines

Centro Comercial Vialia CC-BY-NC-SA Pontevedra Viva

Pode unha cidade de máis de 80 mil habitantes non ter cinemas? Nos últimos anos a tendencia en toda Europa é a do peche das vellas salas históricas, substituidas por grandes centros comerciais con cines multisala. A tendencia é tamén o empobrecemento da carteleira e o dominio das fitas de grandes produtoras e distribuidoras e das majors de Hollywood. Pode que os centros das cidades estivesen quedando baleiros de salas en beneficio dos Marinedas, Odéons, As Cancelas, ou Portos Cabral de cada lugar. Pero Pontevedra pode ser noticia estes días en toda España ao quedar sen sala ningunha, polo peche das oito pantallas dos Cinebox do centro comercial Vialia. Pontevedra sería deste xeito a única capital de provincia sen cinemas. 

Hai negociacións abertas con outros exhibidores, como Cinesa, que pode facerse co espazo e deste xeito manter o servizo

A empresa exhibidora mantén unha gran débeda, de máis de 1,3 millóns de euros, co Administrador de Infraestructuras Ferroviarias (ADIF), propietario de Vialia. O peche dos Cinebox tamén implicará o despedimento de 15 traballadores e traballadoras. Hai negociacións abertas con outros exhibidores, como Cinesa, que pode facerse co espazo e deste xeito manter o servizo. Doutro xeito, os máis de 80 mil habitantes da cidade terían que desprazarse a Vigo, Vilagarcía ou a Marín, onde hai tres pequenas salas. O acordo con Cinesa é tamén a esperanza dos traballadores para non quedar sen emprego. O 31 de maio pode ser o derradeiro dia de proxeccións, aínda que o desaloxo ordenado polo xulgado ten data do 14 de xuño.

Os máis de 80 mil habitantes da cidade terían que desprazarse a Vigo, Vilagarcía ou a Marín, onde hai tres pequenas salas

Tanto o Concello coma a Deputación e mesmo a propia ministra de Fomento Ana Pastor, elixida pola circuscrición de Pontevedra, manifestaron a súa vontade de traballar para que Pontevedra non quede sen cines. Ao redor de dúas mil persoas asisten cada semana a estas salas. 

Cando se abriron estas salas no ano 2000 Pontevedra contaba con Multicines ABC, os Fylcines, o Gónviz e o Victoria

No ano 2003 Pontevedra contaba con 2.700 butacas. Cando se abriron estas salas no ano 2000 Pontevedra contaba con Multicines ABC, os Fylcines, o Gónviz e o Victoria, e cinco anos antes pechara o Malvar. Todos eles foron pechando na última década.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.