Pop Voyage: Volve o 'barco do amor'

Cartaz de Pop Voyage Dominio Público Frán Devesa

O Pop Voyage sería un festival de música máis (ou case) se non fose por unha cousa: os concertos teñen lugar na cuberta dun barco que a noite do 28 de xuño percorrerá a Ría de Arousa durante varias horas. Coma o Love Boat ou o Barco do Amor da famosa serie o mar será o pano de fondo ideal para gozar de cinco concertos que teñen as prazas limitadas. 

Niño y Pistola, Músculo!, Cazador, Disco Episcopal e She´s in parties DJ poñerán música a unha festa pop que comezará ás 22 horas do venres 28, cando o barco partirá puntual dende o Porto Deportivo de Vilagarcía de Arousa. Destaca a presenza de Músculo!, semifinalistas do Proxecto Demo 2012,  e que presentarán os temas do seu novo EP. Niño y Pistola tamén presentarán o seu disco There's a Man with a Gun Over There (2013 - Ernie Records). O pasado ano o protagonismo correspondeu a Músculo! e Trajano, que encheron a embarcación.

Convocarase os asistentes as 21 horas na zona TIR da localidade para ir embarcando. O festival rematará con unha after-party no clube de Mar (Porto Deportivo) da mesma localidade ata as 5 da madrugada e posteriormente no local Sama Sama.

Esta iniciativa nace coa intención de ofrecer experiencias musicais diferentes ó público galego, e como maneira de hibridar o entorno e a cultura nun evento moi apetecible. A organización remarca que non hai subvencións nin patrocinios detrás do Pop Voyage!, intentando realizar un evento sostible a prezos asequibles para todo o público. Cinco concertos paseo en barco e festa posterior por só 16 euros. Quen dá máis?

As entradas xa están á venda en Compostela (Tenda A Reixa), Vilagarcía de Arousa (Sama Sama), Pontevedra (Vázquez Lescaille Discos), Padrón (Retro.visor) e Valga (A Casa Vella). E tamén no email popvoyageproducciones@gmail.com.

Cartaz de Pop Voyage Dominio Público Frán Devesa
Un dos concertos da pasada edición Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.